Na procura de talentos entre os galegos ou descendentes de emigrantes

A Xunta convoca bolsas de 7.000 euros para que poidan realizar gratis un máster en calquera das tres universidades e incorporarse logo no mercado laboral galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/04/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta quere buscar talentos entre os fillos ou netos de emigrantes. Para iso, a Secretaría Xeral da Emigración acaba de poñer en marcha as novas ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, coas que o Goberno galego posibilitará que cen titulados e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, poidan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas. 

Investigadores do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños da Ecimat
Investigadores do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños da Ecimat | Fonte: DUVI.

O obxectivo é atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego. “Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos residentes no territorio”, sinala a Xunta. 

A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. O investimento inicial por curso académico desta iniciativa é de 1.000.000 de euros. Os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendente por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior, e estar admitidos na preinscrición dalgún dos másters das universidades galegas. 

Contía

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. 

A idea do Goberno galego é axilizar o proceso de convocatoria, de maneira que a selección entre os solicitantes se realice canto antes e, así, os primeiros beneficiarios desta novidosa iniciativa comecen os seus estudos este mesmo mes de setembro, coincidindo co inicio da maioría dos másters das universidades. Máis información sobre as bolsas na ligazón http://emigracion.xunta.gal/bolsas-excelencia-mocidade-exterior-2017#t652n34076 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta