Guía de bibliotecas dixitais en Galicia para as Humanidades

Pedro Incio, profesor e xefe da Sección de Información do Servizo de Bibliotecas da Univeridade da Coruña, publica unha relación dos principais lugares de traballo das humanidades dixitais aos que poden acceder os galegos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/04/2017 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

Pedro Incio —xefe da Sección de Información do Servizo de Bibliotecas da Univeridade da Coruña (UDC) e profesor asociado da Area de Documentación— vén de publicar unha guía das bibliotecas dixitais (BD) de Galicia nas que se pode profundar nas Humanidades no noso país. Para iso, elixiu aquelas bibliotecas que poden ser de máis interese. Entre as xestionadas pola Xunta, inclúe Galiciana, mentres que entre as iniciativas das universidades galegas analiza os seus repositorios institucionais. Ademáis, e a modo de exemplo, revisa a colección dixital da Biblioteca de Estudos Locais e cita algunhas outras bibliotecas dixitais.

Biblioteca da Univesidade da Coruña
Biblioteca da Univesidade da Coruña | Fonte: UDC.

Antes, o autor salienta o labor que se está a facer na UDC, onde hai en marcha varios proxectos no eido das Humanidades Dixitais: O SIELAE (Seminario Interdisciplinar para el Estudio de la Literatura Aurea Española), da Facultade de Filoloxía, e os seus recursos asociados BIDISO (Biblioteca Digital Siglo de Oro) e a revista JANUS, Estudios sobre el Siglo de Oro, constitúen, segundo o autor, un bo exemplo. 

A continuación amosamos a relación de bibliotecas dixitais de Galicia analizadas por Incio e os seus comentarios, publicados recentemente en Cadernos do Ateneo Eumés co título 'Bibliotecas virtuais e humanidades dixitais en Galicia'. 

GALICIANA

Galiciana é a biblioteca dixital de Galicia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O proxecto ten como obxectivo non só a dixitalización dos fondos patrimoniais máis relevantes para Galicia, senón tamén a normalización do seu acceso mediante a aplicación das directrices e estándares nacionais e internacionais.

A súa finalidade é lograr a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes hoxe en día. Por iso, dende os seus inicios Galiciana participa en Hispana, directorio e recolector de recursos dixitais españois, e ambas provén de documentos a Europeana, a biblioteca dixital europea.

Galiciana integra actualmente, ademais de fondos propios da Biblioteca de Galicia, obras dixitalizadas en colaboración coas principais bibliotecas patrimoniais galegas. Nela pódense consultar recursos dixitalizados en institucións culturais tan importantes como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Seminario de Mondoñedo ou a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.

A súa colección estructúrase nos seguintes apartados: Monografías, Hemeroteca, Manuscritos, Cartografía, Fondo Mondoñedo, Estudos Locais, Ilustracións e fotos, Festas de Galicia.

Galiciana contén 1.707.136 obxectos multimedia. Pero compre dicir que os datos sobre estas coleccións poden levar a engano, pois fálase de caseque dous millóns de obxectos, máis en realidade ese total refírese a imaxes, ou sexa a páxinas dixitalizadas, e non a documentos –de xeito que un libro pode ter moitas imaxes e constituír moitos obxectos.

Galiciana ten 5.400 obras, das que 4.600 son libros e o resto material non librario: revistas, artigos, manuscritos, mapas, ilustracións e fotos. Os datos desglosados a data de xuño de 2016 son os seguintes: un total de 5.386 obras (número de títulos de obras xa sexan monografías ou publicacións periódicas), que por tipoloxías documentais danos estes datos: 4.585 monografías, 404 periódicos e revistas, 173 manuscritos, 24 analíticas, 190 mapas e 9 ilustracións ou fotografías

HISPANA

Hispana é o portal de acceso á cultura dixital española e o agregador nacional de contidos para Europeana, pois reúne as coleccións dixitales de arquivos, bibliotecas e museos españois. Entre as coleccións que Hispana colleita destacan os repositorios institucionais das universidades españolas e as bibliotecas dixitais das Comunidades Autónomas, que ofrecen acceso a conxuntos crecentes de todo tipo de materiais do patrimonio bibliográfico español.

Hispana inclue un directorio dos proxectos de dixitalización que se están a facer en España e na actualidade ten 620 iniciativas das mais diversas institucións, dende A Estrada miscelánea histórica e cultural, feito polo Museo do Pobo Estradense, ata a Biblioteca Digital Hispánica e a Hemeroteca Digital, ambos da Biblioteca Nacional de España, pasando polo RUC, o repositorio institucional da Universidade da Coruña. Constitue por isto un instrumento que permite a coordinación entre as biblioteca dixitais, evitando a dixitalización repetida da mesma obra. Un problema non menor debido á carestía destes proxectos.

Entre as últimas contribucións a Hispana destacan duas coleccións galegas. A xa citada Biblioteca Digital de Emblemática Hispánica e Inventarios y Bibliotecas del Siglo de Oro, ambos os dous proxectos da Universidade da Coruña integrados na Biblioteca Digital Siglo de Oro.

A base de datos dá acceso a sete millóns de obxectos dixitais pertencentes a 207 repositorios, mais como no caso anterior, o número de documentos da biblioteca é moito menor, aínda que non sabemos canto. A diferenza de Galiciana, que é un só repositorio, Hispana é un agregador de repositorios, e recolle os obxectos como son enviados polos productores. Isto leva a que non teñamos datos desglosados e non poidamos saber cantos documentos das diferentes tipoloxías se inclúen nese total de 7 millóns de obxectos. O que se pode inferir cos datos de Europeana é que Hispana ten tres millóns e medio de documentos.

EUROPEANA

Europeana é a biblioteca dixital europea de acceso libre, que comenzou a funcionar no 2008 e reúne contribucións das máis recoñecidas institucións culturais dos 28 Estados membros da Unión Europea. Os seus fondos incluen libros, películas, pinturas, periódicos, arquivos sonoros, mapas, manuscritos e outros archivos.

Europeana comenzou con dous millóns de obxetos dixitais e a sua colección alcanzou xa os 54 millóns de documentos, aportados por unhas 2.300 instituciós entre bibliotecas, arquivos, galerías e museos. A colección está formada por unha gran variedade de documentos en 45 idiomas e todas as tipoloxías: libros, periódicos, revistas, cartas, diarios, fondos de arquivo, cadros, pinturas, mapas, debuxos, fotografías, música, tradición oral gravada, emisións de radio, películas e outros programas televisivos.

O funcionamiento de Europeana básase na colaboración cos agregadores. Un agregador é unha institución que recompila os obxectos dixitais dun grupo de provedores de contido e os transmite a Europeana. Os contidos dixitais permanecen nas institucións correspondentes e Europeana facilita o acceso a través dun portal único. No caso de España, o agregador nacional é Hispana, que como temos dito, recolle o material dos repositorios, no noso caso de Galiciana.

A web está estructurada en catro sitios, Discover, que permite buscar nas coleccións a través da herdanza cultural europea; Network, rede para os profesionais da cultura; Develop, un laboratorio no que se poden remesturar contidos culturais, e Connect, adicado á comunidade académica.

Ten duas coleccións específicas, Europeana Music e a Europeana Art History. Tamén fan exposicións virtuais como temos na actualidade a titulada “Los rostros de Europa”. Nela, co fin de poñer de relevo os tesouros nacionais de cada país europeo, os 28 estados membros da UE, no marco da campaña Europeana 280, seleccionaron das suas colecciones 10 obras que teñan contribuido a algún dos principais movementos artísticos europeos. Tamén e sinalable o apartado Europeana Research, no que se mostran as coleccións de especial interese para os investigadores.

Europeana suma 54 millóns de obxectos dixitais. Un total que contén 29 millóns de imaxes, 23 millóns de títulos de libros e cabeceiras de revistas, máis dun millón de videos, 800.000 gravacións de son e 26.000 obxectos 3D; do total temos tres millóns e medio de obxectos en español.

REDE DE BIBLIOTECAS PUBLICAS DE GALICIA

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia non ten ninguna biblioteca dixital específica máis alá do acceso a algún recursos electrónicos. Só atopamos o apartado Biblioteca Dixital na rede, que dá acceso a unhas mínimas fontes de referencia. Outro aparatado, Recursos dixitais en liña, dá acceso a 59 sitios, nos que podemos encontrar materiais de distinto tipo, como poden ser Galiciana ou Europeana, a base de datos de Autores Galegos da BUSC, os repositorios da universidades de Santiago de Compostela e Coruña, os Carteis de Galicia, a Biblioteca Virtual Galega, a Biblioteca Virtual da Literatura Universal en Galego ou a Biblioteca sobre literatura universal en galego da pola Asociación de Tradutores Galegos, entre outros.

BIBLIOTECAS UNIVERSITARIAS

As tres bibliotecas das universidades galegas son o que se coñece como bibliotecas híbridas, bibliotecas principalmente físicas, pero tamén virtuais, bibliotecas con coleccións e servizos presenciais e con coleccións e servizos en liña. De tódolos xeitos, as universidades teñen o que en sentido estrito poden considerarse bibliotecas dixitais nos seus repositorios institucionais: o RUC da UDC, Minerva na USC e Investigo na UVigo.

Ademáis, o catálogo da Biblioteca da USC ten un apartado chamado Coleccións dixitais, resultado de diversos proxectos de dixitalización do seu amplo fondo antigo, que pode considerarse una biblioteca dixital. Está constituída polas seguintes coleccións: Fondos xerais (138 obras do fondo antigo non galego da BUSC), Galicia (1.187 títulos galegos de manuscritos e impresos publicados entre 1483 e 1900), Prensa galega (76 cabeceiras de prensa e revistas dixitalizadas de fondo antigo galego), Incunables (143 relación de títulos da colección de incunables), Literaturas hispánicas (853 monografías da BUSC no campo da literatura hispánica impresas entre os séculos XV e XVIII), Biblioteca América (230 fondos dixitalizados anteriores a 1900 pertenecentes á Biblioteca América da Biblioteca Xeral), Bibliografías Letras Galegas (catálogos bibliográficos das mostras bibliográficas organizadas anualmente dende 1992 con motivo do Día das Letras Galegas). O último engadido é a colección de Teses USC, 1.291 títulos das teses defendidas na USC dende 2005.

REPOSITORIOS UNIVERSITARIOS

Os repositorios institucionais das universidades ofrecen acceso aberto ao texto completo dos documentos creados no seu labor investigador e docente. Os seus principais obxectivos son: dar maior visibilidade e impacto ás publicacións e traballos de investigación das universidades, asegurar a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual da universidade e fomentar as iniciativas de comunicación científica en acceso aberto.

Os repositorios universitarios báseanse na filosofía do acceso aberto, movemento que promove o acceso libre e gratuito á literatura científica en Internet. Isto significa que calquera usuario poderá ler, descargar, copiar, imprimir, distribuír, buscar ou enlazar o texto completo dos documentos sempre que se respecte a autoría. Publicando en acceso aberto os autores non renuncian aos seus dereitos de autor senón que manteñen o control sobre a integridade da súa obra e o dereito a ser recoñecidos e citados axeitadamente. O acceso aberto favorece así a visibilidade e o aumento do impacto dos traballos de carácter científico ou académico.

RUC

O repositorio da Universidade da Coruña foi aberto no 2005 e recolle, difunde e preserva as publicacións dixitais en acceso aberto produto da actividade científica e institucional da UDC.

O repositorio contén na actualidade 13.000 títulos, nos que se encontran 1.100 teses doutorais da UDC, os artigos das 16 revistas editadas na UDC, as colaboracións de máis de 100 congresos feitos na UDC, 100 traballos docentes e un número crecente de traballos académicos de fin de carreira, grao e máster.

A información estrutúrase nos seguintes apartados: Investigación, Revistas UDC, Congresos UDC, Coleccións especiais, Traballo académicos e Docencia. O apartado Investigación recolle os documentos producidos pola activade investigadora dos membros da comunidade universitaria; Revistas UDC da acceso aos artigos das revistas científicas editadas pola UDC; en Congresos UDC temos as actas e outros materiais dos congresos organizados pola UDC; Coleccións especiais recolle materiais procedentes das coleccións especiais da Biblioteca Universitaria como é a Colección Francisco Pillado Mayor, adicada ó teatro; en Traballos académicos temos os traballos de fin de carreira, grao e máster; por último Docencia recolle materiais producidos polos docentes na súa actividade académica

MINERVA

O repositorio da USC abriu no ano 2015 e conta hoxe en día con 16.000 documentos. Ten os seguintes apartados: Biblioteca, I+D+I, Institucional, Docencia e Innovación e Arquivo Histórico. O apartado Biblioteca Universitaria contén fundamentalmente dixitalizacións de fondos patrimoniais da BUSC; I+D+I recolle os documentos resultantes da actividade investigadora da comunidade universitaria e iInclúe tamén as revistas científicas editadas pola USC; en Docencia e innovación educativa reúnense materiais didácticos depositados polo profesorado da USC; Institucional recolle as publicacións de carácter administrativo ou institucional xeradas pola universidade; por último Arquivo Histórico Universitario e o espazo de recollida da memoria documental da institución.

INVESTIGO 

Aberto en abril de 2016 (Universidade de Vigo), conta de momento só con 200 documentos. A diferencia dos anteriores, non está estruturado en comunidades, pero, ao igual cos outros permite buscas de varios tipos: Autores; Títulos; Materias UNESCO; Grupos de Investigación; Tipo de Contidos; Títulos de Revista. Presenta como novidade a busca por materias, baseada no sistema de clasificación da UNESCO, que presenta 24 grandes áreas de coñecemento divididas en centos de disciplinas.

BIBLIOTECA MUNICIPAL DE ESTUDOS LOCAIS

A Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña ten como misión reunir, organizar, difundir e conservar todo tipo de información relacionada coa Coruña e dos temas xerais de Galicia. Nela consérvanse todo tipo de publicacións relacionadas coa cidade da Coruña, así como destacadas obras da literatura galega e de temática xeral de Galicia, tratando de constituír un importante fondo galego que, ademais de servir de apoio ao local, sexa protagonista por si mesmo.

A Biblioteca puxo en marcha un proxecto de dixitalización dunha selección dos seus fondos en colaboración co Ministerio de Cultura. Seleccionáronse documentos dos séculos XVII ao XX relacionados coa historia de Galicia e da Coruña: publicacións menores: bandos, ordenanzas, regulamentos, instrucións ou boletíns; obras de historia de Galicia de López Ferreiro,Martínez Salazar ou Benito Vicetto; obras de autores destacados para a cultura galega como Manuel Murguía, Sánchez Bregua, Alfredo Brañas ou Valentín Lamas Carvajal; “Establecementos coruñeses da primeira metade do século XX”. Estas coleccións forman parte de Galiciana a través dun “micrositio”. En total dixitalizáronse 134 obras que suman 18.440 imaxes.

BIBLIOTECAS ESPECIALIZADAS

As bibliotecas de especial interese para Galicia forman parte do seu sistema bibliotecario, directamente se son públicas ou mediante convenio as privadas. Os fondos dalgunhas delas están dixitalizados e incorporados a Galiciana, e entre as máis importantes temos as seguintes: Biblioteca do Museo do Pobo Galego, sobre todo no seu apartado "Festas de Galicia"; Biblioteca da Fundación Penzol, con máis de 400 exemplares dixitalizados en Galiciana; Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, con fondos dixitalizados no “Fondo Mondoñedo” de Galiciana; Biblioteca do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC e a Biblioteca da Real Academia Galega.

Facemos mención aparte do Consello da Cultura Galega. A Fundación Cidade da Cultura e o Consello da Cultura Galega firmaron en 2011 un convenio para colaborar na preservación e difusión do patrimonio cultural galego, polo que se cedía ao Consello o uso do espazo necesario no edificio da Biblioteca de Galicia para situar o persoal e os investigadores e a totalidade das súas coleccións. Nos fondos do CCG temos varias bibliotecas virtuais: a Mediateca do Consello da Cultura Galega, o Arquivo da Emigración Galega, o Arquivo Sonoro de Galicia, o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia e o Arquivo de Comunicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta