O 100% dos golfiños que varan en Galicia teñen microplásticos nos seus estómagos

Investigadores do Instituto Español de Oceanografía e da CEMMA extraeron 411 microplásticos de 35 exemplares examinados.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 17/04/2017 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

Investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Vigo e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) analizaron e cuantificaron a presenza de microplásticos en 35 mostras de estómagos de golfiños comúns varados na costa de Galicia entre os anos 2005 e 2010. Os resultados, presentados recentemente, son alarmantes: o 100% dos Delphinus delphis presentaban microplásticos nos seus estómagos; en total, os investigadores chegaron a extraerlles 411 pezas.

Golfiño varado na praia de Razo
Golfiño varado na praia de Razo | Fonte: CEMMA.

Deste total, o 96.59% estivo composto por fibras, o 3.16% por fragmentos e o 0.25% por microperlas. O número medio de microplásticos atopados por contido estomacal foi de 12 e a súa lonxitude media, de 2,43 a 2,91 milímetros. Os investigadores apuntan, ao respecto, que "xa que a cantidade de microplásticos atopados por contido estomacal foi demasiado baixa como para bloquear ou comprometer o funcionamento do tracto dixestivo dos 35 golfiños comúns analizados, os microplásticos poderían estar actuando como vectores de substancias tóxicas e producirlles efectos negativos sobre o metabolismo ou outros procesos biolóxicos".

Os científicos lembran que os microplásticos (fragmentos de plástico de menos de 5 milímetros de diámetro) están presentes nos hábitats mariños de todo o mundo nunha taxa elevada debido ás súas propiedades físicas, que lles confiren unha gran resistencia á degradación. A comunidade científica vén expoñendo nos últimos anos que os microplásticos están a ser inxeridos por unha gran variedade de especies mariñas, actuando desta maneira como vectores de substancias tóxicas, as cales poden chegar a causar disrupción endocrina e afectar o seu metabolismo e outros procesos biolóxicos.

Os resultados do estudo dos científicos galegos son recollidos nun libro publicado recentemente que recompila as actas do congreso 'MICRO 2016: Fate and Impact of Microplastics in Marine Ecosystems: From the Coastline to the Open Sea'. Os autores do estudo son: Alberto Hernandez-Gonzalez, Camilo Saavedra, Jesús Gago, Pablo Covelo e M. Begoña Santos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta