O legado de Man de Camelle pasa polos laboratorios da Universidade de Santiago

Concello de Camariñas e USC asinaron un convenio de colaboración para analizar o legado documental de Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle. O estudo farase no Laboratorio Galego de Autocrítica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/04/2017 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

O Concello de Camariñas e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un convenio de colaboración para analizar o legado documental de Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle, quen fixo célebre esta pequena localidade da Costa da Morte pola súa obra escultórica e pictórica ao aire libre, cicelada durante anos sobre as rochas e, en boa parte, perdida polo abandono trala súa tráxica e solitaria morte, por melancolía e tristura tras ver como o chapapote do Prestige tinguía de negro a costa.

Homenaxe a Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle
Homenaxe a Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle | Fonte: Miguel Núñez

Agora, Concello e USC únense para poñer en valor o legado de Man (Radolfzell am Bodensee, 27 de enero de 1936 - Camelle, 28 de decembro de 2002). A iniciativa xurdiu hai uns meses coa visita ao museo de César Domínguez Priego, profesor de Literatura Comparada na USC, cos seus alumnos da materia de Ecocrítica, interesados polo legado do artista, informa o diario colaborador Que pasa na Costa.

Coincidindo coa firma do convenio crerouse o Laboratorio Galego de Autocrítica (EcoLab.gal), composto por un colectivo interdisciplinario de investigadores con inquietudes no ámbito da natureza, ciencia, linguas, literatura, arte e cultura. Entre os seus primeiros obxectivos está a análise do legado documental de Man.

Segundo explicou  a directora do Museo de Man, Andrea Serodio, ata agora estudouse a obra de Manfred, pero non se tiña analizado a súa documentación, como os libros que el lía ou os seus propios pensamentos para entender o cambio que sufriu despois da súa chegada a Camelle, en 1962.

O principal obxectivo desta iniciativa é organizar, clasificar e analizar o seu legado, o cal "fará posible outra comprensión do proceso persoal e artístico que levou á transformación de Manfred Gnädinger en Man de Camelle", recolle proxecto. 

Retrato de Manfred Gnädinger en Camelle
Retrato de Manfred Gnädinger en Camelle | Fonte: Blorgina

Homenaxe a Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle
Homenaxe a Manfred Gnädinger, coñecido como Man, o alemán de Camelle | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta