A montaña luguesa ten as taxas de mortalidade máis altas de Galicia; O Morrazo, as máis baixas

As comarcas dos Ancares e da Fonsagrada duplican a media galega de 11,62 defuncións ao ano por cada mil habitantes; as do Morrazo, Pontevedra e Vigo, por esta orde, presentan os mellores valores do país. Por concellos, Ames ten o índice máis baixo, con 5,01, e Larouco, con 37,03, o máis alto. Por provincias, Pontevedra presenta as taxas máis baixas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os Ancares e A Fonsagrada son as comarcas galegas coas taxas de mortalidade máis altas, con 22,01 e 20,81 defuncións ao ano por cada mil habitantes, respectivamente. Datos que contrastan cos que se dan nas Rías Baixas, onde a taxa de mortalidade é a máis baixa e cae por debaixo de 10 mortes por cada mil habitantes. O Morrazo é a comarca co mellor rexistro, cunha taxa bruta de 8,67, seguida polas de Pontevedra (8,86) e Vigo (9,13).

Serra do Morrazo
Serra do Morrazo | Fonte: paxinasgalegas.com

Precisamente, as provincias de Lugo e Pontevedra presentan, respectivamente, as taxas máis altas e baixas de mortalidade. Na primeira sitúase en 15,19 e na segunda, en 9,81 defuncións ao ano por cada mil habitantes. Ourense tamén presenta unha taxa alta, do 14,75, mentres que a provincia da Coruña sitúase nun nivel intermedio, con 11,19, próxima á media de Galicia, de 11,62.

Precisamente na provincia de Lugo tamén se atopa a terceira comarca cos índices máis altos de mortalidade en Galicia, Chantada, con 20,01 defuncións ao ano por cada mil habitantes. 

No lado oposto, tamén destacan a área de Compostela, onde a taxa se sitúa en 9,18 mortos ao ano por cada mil habitantes, mentres que na comarca da Coruña sobe a 9,76.

CONCELLOS

Por concellos, Ames, na comarca de Compostela, ten a taxa de mortalidade máis baixa de toda Galicia, con tan só 5,01 defuncións ao ano por cada mil habitantes. Salceda de Caselas, na comarca de Vigo, ten a segunda taxa máis baixa con 6,04, seguida por Poio (Pontevedra) con 6,71; Oroso, na comarca de Ordes, con 6,74; Cambre, na comarca da Coruña, con 7,24; Cangas, no Morrazo, con 7,67; Burela, na Mariña luguesa, tamén con 7,67; Arteixo, na Coruña, con 7,74,. e O Porriño, comarca de Vigo, con 7,86.

Camiño Primitivo entre Grandas de Salime e A Fonsagrada
Camiño Primitivo entre Grandas de Salime e A Fonsagrada | Fonte: Guido Álvarez

A taxa máis alta do país dáse en Larouco, na comarca de Valdeorras, con 37,03 defuncións ao ano por cada mil habitantes, máis de tres veces a media galega. En segundo lugar atópase Vilamartín de Valdeorras, con 36,91, seguida por Láncara, na comarca de Sarria, con 31,94; O Incio, tamén en Sarria, con 31,50; A Teixeira con 31,42 e Parada de Sil, con 30,35, ambos os dous concellos en Terra de Caldelas; Os Blancos, na Limia, con 28,39; O Irixo, no Carballiño, con 27,93; Verea, en Terras de Celanova, con 27,65; Porqueira, na Limia, con 27,59; San Xoán de Río, en Terra de Trives, con 26,73; Becerreá, nos Ancares, con 26,70, e Vilamarín, na comarca de Ourense, con 26,18 mortos ao ano por cada mil habitantes.

Os datos veñen de ser publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e refírense a 2015, último ano actualizado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta