Despedimentos, “vexacións” e “malos tratos” no Centro de Tratamento de Residuos

O comité de empresa denuncia as malas formas dos novos xestores da planta de residuos industriais, propiedade da Xunta, situada nas Somozas.

Por Europa Press / Redacción | As Somozas | 24/04/2017 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Actitudes "vexatorias" e "malos tratos". Así de grave presentan os representantes do comité de empresa a situación na UTE (Unión Temporal de Empresas) PMA-Conteco, nova concesionaria do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), situado no municipio das Somozas (A Coruña) e coñecida anteriormente como Sogarisa.

Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia
Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia | Fonte: Clerins Ingenieros.

Os representantes dos traballadores denuncian o despedimento de dous traballadores despois de que no mes de xaneiro deste ano se producise o inicio da xestión do novo adxudicatario desta infraestrutura, propiedade da Xunta.

O comité tamén denuncia que a actitude dos novos xestores é "vexatoria" e de "malos tratos" cara aos empregados, sobre todo por parte dalgúns dos responsables da nova UTE.

A situación vén sendo tan lamentable, que a Xunta xa abriu un expediente sancionador aos actuais xestores na anterior etapa, cando formaban parte de Sogarisa, como consecuencia de non cumprir a ordenanza ambiental, lembran dende o comité de empresa.

REPRESALIAS DA DIRECCIÓN

O expediente iniciouse logo de ser detectada a instalación dunha liña de evacuación que "presuntamente sería utilizada para realizar verteduras de lixiviados cara ao río Mera", residuos estes que conterían, segundo apuntaron fontes consultadas, "metais pesados".

Dita situación púxose en coñecemento da inspección ambiental a través dun membro do comité de empresa, o que no seu momento provocou que a dirección, como medida de represalia, interpuxo a este unha sanción de suspensión de emprego e soldo durante 60 días.

"NINGÚN TIPO DE MEDIDA"

A sanción deste delegado foi cumprida nos meses de xaneiro e febreiro deste ano e esta situación foi denunciada ante a autoridade xudicial, polo que se fixou para o próximo 4 de maio o xuízo.

Os traballadores tamén denunciaron que esta situación, a instalación dunha liña de evacuación, foi posta en coñecemento do goberno municipal das Somozas, a cuxo fronte se atopa Juan Alonso Tembrás (PP), "sen que este adoptase ningún tipo de medida e dando por certas as explicacións da empresa, sen chegar a investigar o sucedido", critican os representantes dos traballadores.

OS NOVOS XESTORES

A Sociedade Galega de Residuos Industriais (Sogarisa) convocou o pasado 30 de marzo a xunta xeral extraordinaria para a súa disolución e liquidación tras perder a explotación do contrato de xestión do CTRIG, da que se encargaba dende 1995 e que pasou a mans da UTE que articulan desde o pasado 28 de decembro os grupos galegos Macotiv, a través de Conteco, e Campo con Protección Ambiental, e que dirixe Antonio Roncero. 

Na planta de residuos industriais perigosos de Galicia traballan unhas 60 persoas e alí mantéñense almacenadas miles de toneladas do fuel oil do Prestige.

SUBROGACIÓN

A Xunta subliñou hoxe que o prego de cláusulas administrativas particulares do contrato coa nova concesionaria do CTRIG establece a "obriga de subrogar ao persoal da anterior contratista", Sogarisa. Así o trasladaron fontes da Consellería de Medio Ambiente a colación da denuncia do comité de empresa.

O departamento autonómico sostén que a UTE, como adxudicataria do contrato de explotación da planta de tratamento de residuos, "ten a obriga de subrogar ao persoal da anterior contratista", como establecen o Estatuto dos Traballadores e o prego de cláusulas administrativas particulares.

Así as cousas, de acordo co prego de condicións, "o adxudicatario do contrato administrativo obxecto da presente licitación se subrogará en todos os contratos laborais do persoal afecto ao servizo e que se atopen vixentes no momento en que o futuro adxudicatario inicie a explotación efectiva da infraestrutura pública".

Ademais, imponse tamén como condición "cumprir todas as obrigas que esixe a lexislación laboral e de Seguridade Social con respecto ao persoal que presta servizos para o contratista, así como as normas sobre seguridade no traballo e prevención de riscos laborais".

DEREITOS LABORAIS

Nos últimos tempos xurdiron voces que denuncian a precariedade e as humillacións que están a padecer moitos traballadores en empresas galegas. A situación dos empregados da nova concesionaria do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia lembra á sufrida, por exemplo, polos empregados de Aluminios Cortizo, que recentemente denunciaron situacións "escravistas" na empresa

Alí, segundo un grupo de traballadores, algúns traballan días de máis, sábados e domingos “cobrando pouco máis” e con só unha fin de semana libre ao mes. “Fannos traballar sete días seguidos (56 horas) en cada quenda sen descanso”, denunciaron en declaracións a GC.

O responsable comarcal de Industria da CIG confirmou a este xornal as denuncias sobre a precariedade laboral dos traballadores do Grupo Cortizo e sinalou como principais responsables aos encargados, que terían atemorizados aos traballadores tamén con represalias, como no caso de PMA-Conteco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sesees

Habera que ir a o traballo con unha grabadora . As empresas tamen as poñen