Temas: PESCANOVA

O preacordo en Pescanova inclúe unha cuarta quenda e subas salariais do 1 ao 1,5%

CIG, UXT, USO e CUT levarán o preacordo a asemblea e CC.OO. colocará urnas para que os traballadores voten.

Por E.P. | Vigo | 27/04/2017 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O preacordo sobre os convenios colectivos das plantas de Nueva Pescanova, alcanzado este xoves polos sindicatos e a dirección do grupo, establece unha vixencia de cinco anos —entre 2016 e 2020— e inclúe a creación dunha cuarta quenda de traballo e subas salariais de entre o 1 e o 1,5% por cento —cun 0,25% adicional por ano se se cumpre o Ebitda—.

Factoría de Pescanova
Factoría de Pescanova

En concreto, tal e como consta na acta de preacordo marco, as subas salariais serán do 1% consolidable para 2016, 1,25% para 2017 e 2018, e 1,5% para 2019 e 2020 —cun 0,25% adicional ata 2018 se se cumpre o Ebitda—. A antigüidade, pola súa banda, negociarase nos respectivos convenios dos centros de traballo.

Ademais, acordouse crear unha cuarta quenda, que traballará a tempo completo ou parcial incluídos sábados, domingos e festivos —cun plus por domingos e festivos—. Neste marco, respectarase a xornada do persoal actual, que en todo caso poderá pedir voluntariamente acceder á cuarta quenda. Con isto, a empresa comprométese a reducir "ao mínimo" a contratación a través de ETTs.

En canto aos novos contratados, acordáronse unhas táboas para todos os centros, de forma que os grupos profesionais terán catro tramos polos que os traballadores poderán subir de categoría ao primeiro, terceiro e sexto ano desde a súa contratación. Para iso, desenvolverase un plan formativo que permitirá a evolución profesional dos empregados.

Así mesmo, acórdase que, durante o primeiro ano de contratación, todos os traballadores postos a disposición por ETT terán dereito a un plus de 2,10 euros por día de traballo; e, a proposta de CC.OO., crearase un Consello Informativo Xeral de Grupo de máximo nivel, no que participarán os sindicatos e, por parte da empresa, o CEO e o director xeneral corporativo de persoas.

ACORDO MARCO E VOTACIÓN

Este documento é un preacordo marco, que afecta os centros de Pescanova España, os centros industriais e centros de frío de Chapela e O Porriño, e centros de backoffice de Chapela, Nueva Pescanova e Novapesca Trading. Con iso, a empresa pretende "camiñar cara a un convenio único", unificando condicións e táboas salariais.

Este preacordo alcanzouse tras seis reunións coa mediación, que comezaron o pasado 29 de marzo despois dunha negociación que durou varios meses. Neste tempo, a parte social separouse en dous bloques, CC.OO. por unha banda, e CIG, CUT, UXT e USO polo outro, que durante o proceso de mediación negociaron coa empresa en mesas separadas.

Tras a firma deste documento, na mañá deste xoves, CC.OO. colocará urnas en cada un dos centros para que os traballadores emitan o seu voto. "É a mellor maneira de que todo o mundo teña forma de votalo", sostivo o sindicato, que avanzou que a votación se prolongará durante a próxima semana.

Pola súa banda, o resto de sindicatos levará o documento a unha asemblea que celebrará este sábado —nun lugar aínda por determinar, que será en Chapela ou Redondela— para sometelo a votación.

Unha vez ratificado pola parte social, o convenio marco converterase nun acordo cuxos puntos se engadirán aos convenios colectivos, "cuxa negociación deberá desenvolverse en cada un dos centros de traballo afectados polo mesmo".

VALORACIÓNS

Nueva Pescanova remarcou que este preacordo, que "supuxo un importante esforzo" para as partes implicadas, "garante o poder adquisitivo dos traballadores ata 2020, a través da suba salarial e a cláusula de garantía do IPC", e é "clave para asegurar a competitividade da empresa".

Así as cousas, o conselleiro delegado da compañía, Ignacio González, que agradeceu "o esforzo de todos" e que os sindicatos soubesen " estar á altura das circunstancias", dixo que valora "moi positivamente" o documento, que cualificou de "equilibrado e beneficioso" para "continuar desenvolvendo o plan estratéxico 2020".

Pola súa banda, CC.OO. valora "positivamente" este acordo, xa que entende que "supón unha mellora nas condicións dos traballadores, á vez que minimiza o impacto das pretensións da empresa e transforma emprego precario por emprego estable". Ademais, considera que permitirá a Nova Pescanova "recuperar a senda da rendibilidade e pór ao grupo nos primeiros postos do mercado".

Temas: PESCANOVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta