Afundación presenta actos sobre Casares en todo o país

Pensado para conmemorar o Día das Letras Galegas, o programa inclúe obras de teatros infantís e outros eventos que buscan a convivencia de nenos e maiores. Tamén prevé unha campaña nas redes sociais da entidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/05/2017 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

Afundación comeza o mes de maio poñendo en marcha a súa programación para o Mes das letras, iniciativa que nace para conmemorar o Día das Letras Galegas, este ano dedicado ao escritor Carlos Casares.

Carlos Casares
Carlos Casares | Fonte: RAG.

A programación segue a liña da entidade de fomentar a interacción entre maiores e pequenos coa realización dunha sesión de contacontos interxeracional dirixida a escolares de entre 3 e 7 anos e que se levará a cabo en colaboración con voluntarios e voluntarias dos Espazos +60 Afundación.

Os contos seleccionados para esta actividade son A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (só en Ourense), ambos os dous obra do homenaxeado deste ano.

Ademais, o Mes das letras inclúe actividades na Biblioteca Afundación de Santiago de Compostela, unha actuación do grupo de monicreques La Tarara no E. I. Zalaeta da Coruña e unha campaña nos perfís das redes sociais da entidade.

Contacontos interxeracional A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Nesta actividade, voluntarios e voluntarias dos Espazos +60 Afundación e escolares de entre 3 e 7 anos mergullarán no conto A galiña azul, unha obra que Carlos Casares escribiu para que Ana, unha rapaza que abandona Galicia xunto aos seus pais, nunca se esqueza do galego nin desta terra.  Ademais, os asistentes participarán nun obradoiro de monicreques.

A primeira sesión terá lugar na Coruña o día 19 de maio e continuará durante todo o mes polas diferentes sedes e Espazos +60 Afundación de toda Galicia: Pontedeume, Ferrol, Betanzos, Vigo, Viveiro, Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela.

En Ourense a proposta didáctica é a mesma, pero coa obra As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e enfocada a estudantes de 1.º e 2.º da ESO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta