O PSdeG pide un sistema integral de protección para os denunciantes de casos de corrupción

Di que se trata de "darlle unha nova oportunidade a Feijóo" para que mostre un compromiso claro contra a corrupción.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2017 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia pedirá no próximo pleno do Parlamento de Galicia un sistema integral de protección de denunciantes de casos de corrupción así como a regulación da actuación dos grupos de presión (lobbies) ante a Xunta e a Cámara galega.

O deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada
O deputado do PSdeG Juan Díaz Villoslada | Fonte: Europa Press

Así o avanzou este xoves o deputado Juan Díaz Villoslada, quen presentou a moción con oito medidas que os socialistas galegos defenderán no próximo pleno co obxectivo de conseguir "máis transparencia, mellor goberno e medidas contundentes contra a corrupción" na Comunidade galega.

"Queremos darlle unha nova oportunidade a Feijóo para que mostre un compromiso claro contra a corrupción", indicou Villoslada, despois de que o Partido Popular votase en contra de regular a protección aos denunciantes nunha comisión e no debate do Consello de Contas.

E é que para o parlamentario socialista, "o PP, con carácter xeral, está fóra de xogo para xogar o partido contra a corrupción". "Os dirixentes do PP non están lexitimados para atribuírlle a ninguén máis que a eles mesmos as responsabilidades contra a corrupción", manifestou.

"SÍMILES INDIGNANTES" DE MONTORO

Na súa intervención, o deputado socialista tamén censurou que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, falase "cínicamente" do gasto en servizos públicos como unha "bebedeira" ou "ir de copas". "Son símiles indignantes, indecentes e irresponsables", asegurou.

Neste sentido, considerou que o Partido Popular "non pode falar de bebedeira" cando os seus membros "están absolutamente embriagados de corrupción". "Non están a facer xogo limpo, están a empregar fondos públicos para competir no terreo electoral", denunciou.

Respecto diso, argumentou que o PP en Galicia "forma parte da maquinaria electoral" en España. Así, lembrou que o número dous da 'Gürtel', Pablo Crespo, foi tesoureiro do PP galego e citou a Operación Zeta na Coruña que "investiga posible financiamento ilegal do PP". "Son subvencións de formación cando era conselleira Beatriz Mato, hoxe presidenta do PP na Coruña. Parece que estas formas de actuar catapultan aos dirixentes populares", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta