A clara vitoria de Pedro Sánchez reabre feridas no PSdeG

“No resto de Galicia haberá que preguntar a outros dirixentes” di Caballero tras presumir de que Susana Díaz arrasou en Vigo. O presidente da Deputación da Coruña pide sentido común para evitar a “autodestrución”.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 05/05/2017 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

Oficiosa pero aparentemente clara, a vitoria de Pedro Sánchez na recollida de avais para as primarias deixa un PSdeG coas costuras á vista. As fendas son evidentes, aínda que  case todos os dirixentes optan, polo de agora, por non mollarse apoiando expresamente a un candidato.

Abel Caballero, Susana Díaz e Carmela Silva
Abel Caballero, Susana Díaz e Carmela Silva

Todos salvo Abel Caballero. O alcalde de Vigo non tivo reparos en saír hoxe en defensa de Susana Díaz, malia que Sánchez gañou con bastante diferencia en tres das catro provincias, incluída Pontevedra.

O presidente da FEGAMP tirou de datos locais. Así Caballero presumiu que a candidatura de Susana Díaz “arrasou literalmente na primeira agrupación de Galicia e unha das primeiras de España”. O alcalde deu as grazas aos militantes olívicos pola suposta clara vitoria da presidenta andaluza.

De paso, Caballero deixou unha mensaxe aos seus compañeiros de partido noutras localidades ao dicir que “no resto de Galicia haberá que preguntar a outros dirixentes”, en alusión aos mandatarios que recolleron avais para Sánchez malia non facer campaña canda el.

Con todo, non hai datos oficias da votación de Vigo, nin de Galicia, nin de España. Non se saberán até esta tarde, cando Ferraz aporte as cifras definitivas.

Valentín González Formoso
Valentín González Formoso | Fonte: Torrecilla

Polo de agora, o único que hai son os números que aportan extraoficialmente cada candidatura. Así, Pedro Sánchez baila entre os 3.800 e os 4.000 avais, Susana Díaz entre os 2.600 e os 3.000 e Patxi López entre 750 e 1.000 sinaturas. 

Sánchez tería gañado claramente na Coruña, Pontevedra e Lugo. En Ourense -onde Pachi Vázquez apoia a Susana Díaz- o resultado tería sido máis apertado, dado que as dúas candidaturas andan sobre os 650-700 avais. 

Un dos que se evitou casar publicamente con un candidato foi o presidente da Deputación da Coruña. Iso malia contundente vitoria de Sánchez nesta provincia: 1.300 votos fronte a 700 de Díaz e 275 de Pachi López.

Valentín González Formoso fixo un chamamento a calma na vida interna no partido e a ter “cultura democrática”. O alcalde das Pontes advertiu que as primarias “non poden converterse nun proceso de autodestrución”. Na súa opinión, a saúde futura do PSdeG vai depender “da intelixencia que teñamos todos” á hora de xestionar a liorta electoral. En declaracións a Radio Galcia, chamou a non elevar as tensións a “límites que non se deberían” e demostrar que “este partido está plagado de sentido común”.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 urco

Ao Abel o pacochet virou-se-lhe pequeno. O seu novo referente em carencia de auto-critica, prepotencia, de elaboraçom de factos alternativos e de ego estratoferico semelha o mesmo Trump.