Por Manuel G. Antón | Fene | 22/04/2010
Despois de asistir con certa inquedanza a este “sarao”, e nunca mellor empregado o termo, non aguanto mais; se calo, estoupo. Co meu silencio non quero facerme cómplice dunha nova tropelía que a meirande parte dos galegos individualmente - o termo Galicia en abstracto está xa tan magreado que non serve como argumento - non nos merecemos.
¿Que se pretende?
Sexamos serios. No tema das Caixas, e non me refiro unicamente ás galegas, unicamente estamos a asistir a unha pelexa entre as distintas faccións políticas procentralisas e prolocalistas, que independentemente da súa cor - que para trincar todos se poñen de acordo – pretende decidir quen vai tela patente de corso para dilapidar o diñeiro dos indefensos, enganados e manipulados impositores. Como actores secundarios, os grupos de xestoparásitos e palmeiros asociados, e, entre medias, a resistencia de eses que ata agora, con absoluto descaro, manipularon os nosos cartos ao seu antollo. Estou a falar de eses que, cando viron o que se lles viña enriba, non tiveron reparo en autosubirse as súas asignacións nun 50% en 2008. E a carón deles, eses outros personaxes que por medo ou interese económico persoal llo referendaron; eses a os que, entre outras curiosidades, o seu particular instinto de supervivencia fixo que lles xurdira un irrefreable gusto pola música, para poder así seguir ocupando cadeira, con asignación económica incluída, nos consellos de administración.
E con todo este ruído de fondo, o que están a conseguir e que se vaian esvaendo as responsabilidades duns resultados catastróficos e escandalosos, produto dunha xestión incapaz, ou interesada, que aparentemente esta servir ao Goberno Central para premer, ou chantaxear, aos actuais xestores cara a unha solución xa predeterminada. Chegados a este punto, non comprendo o silencio dos organismos de control, si é que son realmente independentes, e, porque non, a inacción das fiscalías respectivas. A venta das participacións en R e Galp, como antes as de Fenosa e CxG Gestión Operativa, entre outras, mostran a urxencia de antepoñer as necesidades de liquidez á rendibilidade e solidez futuras, ben porque se trata de ocultar a verdadeira situación de solvencia, maquillando os resultados, ou porque, por razóns obvias, tratan de facer caixa diante da evidencia de que, por unas ou outras razón, as ratas que actualmente colonizan as Caixas, pese a súa natural resistencia como tales, nun prazo mais ou menos inmediato terán que abandonar, polas boas ou polas malas, un barco en críticas condicións de flotabilidade.
En esencia, con todo este contubernio o que se pretende e drenar, cara ao macromercado financeiro, o mal chamado mercado global, os únicos fondos que ata agora se lles resistían. Despoxarnos dos aforros de toda a nosa vida para que sexan só uns poucos, o reducido e elitista grupo de “mentes privilexiadas”, os estraperlistas de sempre, os que decidan en que lugar do mundo se deben facer as macroinversións, e que e a quen se debe financiar.
¿É necesario?
¿Pero realmente creen que o tamaño das Caixas vai ter relevancia cando vostedes pidan un crédito para mercar unha vivenda ou un coche? A grande empresa tampouco pode aducir ningún tipo de problema porque, ou está participada ou participa no capital dun banco amigo. Ademais, sempre pode recorrer ao crédito internacional porque son coñecidas e, aínda por enriba, poderán avalalo cunha saneada carteira de obras e concesións públicas. Incluso para inversións no estranxeiro – tamén para as deslocalizacións - mesmo poden contar co aval directo do Estado, e ao Boletín Oficial me remito. A diferenza fundamental prodúcese cando a demanda de financiamento procede das pequenas empresas, das microempresas e dos autónomos. Nese caso o tamaño si ten importancia e, por desgraza, a dispoñibilidade de crédito normalmente está en relación inversa ao tamaño e ao distanciamento xeográfico da entidade bancaria.
Nesa mesma liña de argumentación, por poñer un exemplo, podería sosterse que a implantación dos macroespacios de ocio tipo Port Aventura, Warner ou similares, deberían supoñer, por cuestións de escala e rendibilidade, a eliminación das prazas públicas e dos parques infantís en tódolos barrios. Espero non estar dando ideas. Ou a apertura de Ikea na Coruña, a desaparición, por decreto, de tódalas moblerías e tendas de decoración de Galicia. Outra cuestión distinta e que a Ikea, por razóns que a ninguén se lle ocultan, se lle achanden os camiños, accesos incluídos, que a outros se lles negan. Algunha razón similar posiblemente estea detrás da presión que se está a exercer polo poder político sobre as Caixas.
Evidentemente tampouco se pode discutir que sempre será mais azoso expoñer a determinados riscos financeiros os nosos aforros que non os seus, ou os das grandes contas, e mais se llos ofrecen os seus colaboradores políticos en bandexa de prata e a prezo de saldo, e unicamente a cambio dunha razoable contribución á causa.
¿Quen son?
Ao fronte e detrás de todo isto, a elite económica do pais. Pillos con e sen mostacho, coa prepotencia que lles outorga a mais absoluta impunidade; especuladores natos para os que todo vale porque contan coa necesaria, inapreciable e non gratuíta colaboración dos representantes políticos que presuntamente os deberían controlar. Eses que xustamente son os máximos os responsables da situación que a día de hoxe nos toca sufrir. E non me veñan co conto de que o noso problema económico ven importado do estranxeiro, que nos somos puros como a Inmaculada. E agora nos esixen, nos impoñen, nin sequera nos piden, que poñamos a súa disposición e “bo criterio” os nosos aforros de toda a vida para poder financiar novas aventuras globais.
Contan, por suposto, co beneplácito da grande banca española, porque, ao remate, eles serán, por activa ou por pasiva, os derradeiros destinatarios do xa escaso produto do noso suor. Si, si, eses mesmos que presuntamente tivemos que salvar do desastre financeiros, “polo noso ben”, cos nosos impostos pasados, presentes e futuros, para que despois se cachondearan de nos repartindo a nosa sangue en forma de primas, participacións e prebendas de todo tipo. Eles, os de sempre, os que xa estaban antes en persoa ou en ascendencia, e seguen a estar agora, a salvo de toda memoria histórica, e determinan, coma sempre, a ideoloxía e a práctica económica do país. E fréganse as mans e aplauden o espectáculo, porque o que non conseguiron en toda a Historia Moderna, franquismo incluído, estanllo a servir en bandexa de prata catro políticos indocumentados, outros tantos “técnicos” do presebe, e unha morea de tertulianos indocumentados. E ademais, atrévome a prognosticar que a medio ou longo prazo acabarán facéndose en exclusiva coas Caixas, ou, con maior precisión, cos fondos depositado nelas. Inmediatamente virá a consumación da seguinte etapa, a entrada do capital privado, e, ironías do destino, as Caixas de Aforros, creadas precisamente para darlle unha saída digna aos pequenos aforradores, repudiados naquel intre por unha banca privada soberbia e prepotente, rematarán nas súas mans .
¿Podemos prescindir de financiamento a medida?
Sinceramente, coido que non se pode prescindir dun sistema financeiro axustado ao modelo de desenvolvemento escollido. De feito, xa sexa por vía tributaria, calquera outra vía recadatoria ou mediante a utilización do crédito, é una realidade innegable, aínda que as veces non totalmente transparente. E non só estou a referirme á escala autonómica, tamén á comarcal e local. Non pode esquecerse, por exemplo, o importantísimo papel que xogaron no seu intre as cooperativas de crédito ben xestionadas e non politizadas, ou, a meirande escala, o emporio económico creado á sombra da Cooperativa Mondragón.
As carencias das áreas xeográficas con serios problemas de desenvolvemento económico, como Galicia, non se resolven outorgando macrocréditos e macrosubvencións a empresas globais para financiar aventuras de dubidosa sostibilidade e rendibilidade social. En xeral, e en contra da práctica habitual neste pais, cando se pretende dar solucións plurais, e non estritamente limitadas ao beneficio dunha determinada clase social, é imprescindible recorrer ao crédito de medio e baixo nivel, e incluso ao microcrédito, dirixido fundamentalmente ás pequenas empresas, microempresas e autónomos, co gallo de consolidar un tecido comercial e industrial autóctono con certa resistencia a deslocalización. Para cumprir con este obxectivo, as Caixas de Aforro ou as Cooperativas de Crédito de tamaño pequeno ou mediano firmemente enraizadas no territorio, iso si, despolitizadas, profesionalizadas e ben xestionadas, e con moita mais participación dos que realmente arriscan os cartos, os impositores, son as mais adecuadas.
Por outra banda, y por si alguén se cree mais listo que ninguén, me temo que os de fora non son tan imbéciles, como indirectamente se proclama entre bambolinas. Non nos van regalar os seus aforros, e aos cataláns, madrileños, vascos, rioxanos, valencianos, … me remito. Eles sempre preferiron quedarse, en plan neocolonialista e a falla de capital autóctono, cos nosos recursos enerxéticos, alimentarios, etnolóxicos, … e, por suposto, financeiros dos outros, e deixar que sexan os demaisos que soporten as externalidades negativas. Evidentemente, ir de prepotentes, cualificando aos de fora de imbéciles, pode provocar que descoidemos as nosas costas, e que, por detrás, unha vez mais, xa se sabe ...