Nace a Plataforma Stop Vespa Velutina

Hoxe, día 20 de maio, celébrase o Día Mundial das Abellas. Aproveitando esta efémérida, preséntase Plataforma Stop Vespa velutina para ”presionar á administración na asunción de competencias sobre esta problemática medioambiental que afecta a toda a sociedade”. Está formada por máis de 20 colectivos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/05/2017 | Actualizada ás 10:24

Comparte esta noticia

Segundo explica o Sindicato Labrego Galego, o obxectivo da Plataforma Stop Vespa velutina é “esixir a asunción de competencias sobre a problemática do tártago asiático por parte da Consellería de Medio Ambiente no ámbito de Galicia, e máis do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente no ámbito Estatal".

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

Na súa opinión, cómpre impulsar a investigación, a importancia da loita preventiva, a necesidade dun organismo único e a labor de divulgación social. Estas peticións foron recollidas nun documento de mínimos e entregadas na Consellería de Medio Ambiente e no Ministerio de Agricultura esta semana.

A plataforma nace á iniciativa da Asociación Galega de Apicultura e o Sindicato Labrego Galego e está integrada actualmente por 24 organizacións de diferentes sectores, apícola, ecoloxista, sindical e universitario.  “A invasión da Vespa velutina é un problema de toda a sociedade, aínda que o sector apícola sexa o perxudicado máis directo, e como tal queremos enfocar esta loita”, explican os promotores. 

A presentación da plataforma terá lugar o 20 de maio ás 12:30 h. no IES Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, aproveitando a celebración do Día Mundial das Abellas. Este día inaugurarase a exposición didáctica “Dalle vida ó teu xardín” sobre o mundo das abellas e a súa relación coas plantas, organizada por AGA e na que participarán os alumnos e alumnas do instituto. 

As persoas que se acheguen poderán facer un percorrido guiado pola exposición, que inclúe a visita ás centenarias alacenas que ten o edificio, e unha degustación de meles. A exposición estará aberta ó público ata o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta