Pachi Vázquez critica aos militantes socialistas galegos por apoiar a Sánchez

"Deséxolle o mellor ao socialismo de Madrid e de Galicia, pero temos un problema fundamental: as militancias camiñan nunha dirección e os cidadáns noutra, e verémolo nas próximas eleccións", asegura o dirixente que apoiou a Susana Díaz.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2017 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O exsecretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, foi a única voz discordante este luns coa vitoria de Pedro Sánchez. Así, cuestionou que a militancia do PSdeG apoiase "maioritariamente" a "quen fixo desaparecer o socialismo en Galicia". "Cando os militantes consideran que a persoa é superior ao autorrespeto ao socialismo galego, hai que respectalo pero non o entendo", suliñou.

Pachi Vázquez nun mitin do PSdeG
Pachi Vázquez nun mitin do PSdeG

Nunha entrevista na mañá do luns na Radio Galega, o excandidato socialista nas autonómicas de 2012 admitiu que os resultados das primarias socialistas --vencidas por Pedro Sánchez-- provócanlle unha sensación "encontrada". "É un paradoxo que a militancia galega do PSdeG apoie a quen fixo desaparecer o socialismo en Galicia, a quen anulou a executiva desta federación, o comité nacional, a comisión de garantías, o responsable de que desde hai un ano e varios meses nunca se reunise o socialismo galego".

Pachi Vázquez mostrouse publicamente partidario da candidatura da presidenta da Xunta de Andalucía, Susana Díaz, polo que apuntou que non se sente "representado nin representante" do "proxecto" de Pedro Sánchez, aínda que admitiu que continuará traballando polo partido.

Ademais, opinou que as primarias son "un punto de partido" e non "un punto de chegada". "Tamén (Xoaquín Fernández) Leiceaga gañou aquí en Galicia as primarias e logo cultivou os peores resultados", dixo nunha clara crítica ao actual voceiro parlamentario.

Críticas a Sánchez

Tras isto, cargou contra Pedro Sánchez, quen "levou" ao PSOE a "dúas derrotas electorais categóricas e provocou a fenda máis grande do socialismo español que se lembra nunca". "Deséxolle o mellor ao socialismo de Madrid e de Galicia, pero temos un problema fundamental: as militancias camiñan nunha dirección e os cidadáns noutra, e verémolo nas próximas eleccións", manifestou Vázquez.

Así mesmo, en canto á incidencia que a vitoria de Sánchez poida ter no proceso interno que debe afrontar o PSdeG, o exsecretario xeral indicou que é necesario un proceso de integración pero que, con todo, el "non ve integración por ningún lado"."Hai xente que está encantada de ser o último da fila en lugar de ser primeiros. E ao meu ese proxecto político non me interesa para nada", aseverou.

Vázquez foi a voz crítica do socialismo galego. Outros dirixentes que, coma el, apoiaron a Susana Díaz, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, lanzaron mensaxes de unidade tras os resultados de onte e felicitaron a Sánchez pola súa vitoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Xusto

Cada vez que fala sobe o pan. Perrencha de quen nunca na sua vida acertou co candidato ganador nunhas primarias do PSOE

2 Pachi el patroncito

Que fala de socialismo o Pachi? Cando practicou este señor o socialismo? Nos anos que estivo de alcalde no Carballiño, o único que supo facer foi colocar xente nos distintos chiringos do concello. Un cacique e un chanchullero, coma todos os seus amigos do PPSOE.

1 galegoexiliado

Mais alto e claro non se pode decir: NON NOS REPRESENTADES. Formades parte do pasado, e non vedes mais aló da vosa visa. Retirádevos con algo de dignidade, se é que ainda vos queda algunha.