Restauran as dunas de Fisterra dentro das actividades do Día Mundial da Biodiversidade

As actuacións consisten na eliminación de especies exóticas invasoras (EEI), valado perimetral e revexetación de zonas de reserva de flora e a colocación de paneis informativos.

Por Galicia Confidencial | Fisterra | 23/05/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

ADEGA, USC e concello de Fisterra desenvolverán este día 23 de maio actuacións para recuperar as dunas de Fisterra, afectada polo tránsito humano. Unha iniciativa que se enmarca nos actos do Día Mundial da Biodiversidade que se celebrou este 21 baixo o lema "biodiversidade e turismo sustentábel".

Entre as actuacións a desenvolver na actividade “Microrreservas de flora na ZEC Costa da Morte. Actuacións para preservación e mellora dos hábitats e da paisaxe rural litoral con implicación da poboación local de Fisterra” contémplanse a restauración de perfís de duna degradados polo tránsito humano.

Estes traballos complementan as actuacións de eliminación de especies exóticas invasoras (EEI), valado perimetral e revexetación de zonas de reserva de flora no Rostro, Arnela e Mar de Fora, así como a colocación de paneis informativos nos accesos a ditas praias.

Papaventos na praia do Rostro de Fisterra
Papaventos na praia do Rostro de Fisterra | Fonte: certo.es

Revexetación das áreas degradadas

Segundo apunta ADEGA nun comunicado, as actuacións centraranse maioritariamente na revexetación das áreas degradadas, con plantón de Ammophila arenaria. O obxectivo é reducir a erosión e, ao tempo, contribuír a desviar os visitantes cara o camiño principal.

"As plantas de Ammophila arenaria serán obtidas na propia praia, por entresaca de zonas de elevada densidade", indica. Tamén será prospectada a zona en busca de individuos axeitados para plantar individualmente na zona a restaurar.

Estas actuacións será complementadas nun futuro coa plantación de exemplares de Cakile maritima e Elytrigia juncea, procedentes de áreas de elevada densidade do entorno así como coa introdución de exemplares de especies arbustivas xunto con herbáceas características do hábitat e abundantes no entorno. Ente estas destacan a Scrophularia frutescens, Helichrysum serotinum subsp. picardii, Iberis procumben e diversas especies do xénero Euphorbia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta