Manchester, un símbolo do mundo moderno e da convivencia dos pobos golpeado polo terrorismo

Milleiros de galegos e de españois viven nesta cidade do noroeste de Inglaterra, berce da revolución industrial e computacional e unha das urbes máis cosmopolitas de Europa. O atentado terrorista no Manchester Arena é un golpe á identidade e valores desta cidade tolerante, pacífica e aberta.

Por Alberto Quian | Manchester | 23/05/2017 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

A cidade de Manchester ten preto de medio millón de habitantes e unha extensión similar á de Vigo, cidade coa que garda certos paralelismos, tamén no seu carácter industrial. Esta é unha das poboacións máis cosmopolitas de Europa e a súa área metropolitana, o Greater Manchester, é a segunda máis grande do Reino Unido, cuns tres millóns de habitantes. Aquí, a mestura de razas e culturas fai desta unha das cidades europeas máis tolerantes e abertas do Reino Unido. A súa famosa Curry Mile (a 'milla do curry'), no sur, é un símbolo dese carácter integrador de Manchester, cidade acolledora de emigrantes de todo o Planeta. Alí, no barrio de Rusholme, concéntrase a maior parte da comunidade galega e española, pero é sobre todo o epicentro da cultura oriental nesta cidade.

Xuntanza de galegos en Manchester.
Xuntanza de galegos en Manchester. | Fonte: Daniela Juncal Riley.

Aquí, en Manchester, viven milleiros de mozos e mozas de Galicia e de toda España que chegaron nos últimos anos na procura do futuro que lles arrebataron na súa terra de orixe. Centos de galegos tentan abrirse paso, non sen morriña. As xuntanzas privadas arredor dunha mesa chea de produtos da terra para aliviar a morriña, ou nos pubs británicos para ver xuntos os derbis galegos entre o Celta e o Deportivo, son xa case unha tradición. A emigración une. 

Nas academias de idiomas, en oficinas, en fábricas, na restauración, en tendas de moda, na universidade... non é raro atopar galegos e persoas de todos os recunchos do Estado español traballando e formándose. Conviven con británicos, irlandeses, chineses, indios, americanos, australianos, italianos, portugueses, polacos, rusos... e unha amplísima comunidade musulmana de Oriente e África perfectamente integrada. Por iso, o atentado terrorista deste luns no Manchester Arena, que se cobrou 22 vidas e feriu a 59 persoas —entre eles, nenos—, conmocionou a toda a cidade, tamén aos emigrantes. Pero tamén suscitou unha onda de solidariedade coas vítimas e os milleiros de asistentes ao concerto de Ariana Grande —boa parte deles, menores—, e unha firme defensa dos valores desta cidade: tolerancia con todas as razas e crenzas. O extremismo islamista non vai conseguir que prenda o odio contra a comunidade musulmana, parte fundamental desta cidade.

Malia non ser unha das grandes metrópoles do mundo, Manchester ocupa un lugar central na historia da sociedade moderna. Foi o berce da revolución industrial e da revolución computacional, a cidade que deu acubillo a Friedrich Engels e na que, xunto con Karl Marx, comezou a redactar o Manifesto Comunista (1848) na Chetham Library; a mesma cidade onde xusto un siglo despois, en 1948, se creou a Manchester Small-Scale Experimental Machine (SSEM) —popularmente coñecida como 'The Baby'—, a primeira computadora do mundo cun programa almacenado, desenvolvida na Universidade de Manchester, e que deu lugar un ano despois á Manchester Mark 1, para a que Alan Turing —o pai da computación moderna e da intelixencia artificial— deseñou a linguaxe de programación.

Pero Manchester é moito máis que a fonte do mundo industrial e dixital. Esta é tamén unha das grandes capitais musicais do mundo. De aquí son os Bee Gees, The Smiths, Buzzcoks, The Charlatans, The Chemical Brothers, Elbow, Oasis, Inspiral Carpets, Simply Red ou Take That. Pero, sobre todo, houbo una xeración que fixo desta cidade o lugar ó que todo o mundo miraba na década de 1980, cando Manchester transmutou en MADchester (o Manchester tolo), unha cidade marcada por entón pola depresión económica, as drogas, as armas de fogo e os sons de Joy Division, New Order, The Stone Roses e Happy Mondays, principalmente. Por iso, a cidade sente este golpe do terrorismo aínda máis fondo, ao atacar parte fundamental da súa identidade, a música, coa que Manchester se conecta co mundo.

Centro de Manchester, Reino Unido.
Centro de Manchester, Reino Unido.

Manchester é aínda moito máis que todo isto. Esta é a primeira cidade británica libre de armas e industria nucleares, a vangarda da loita pola defensa dos dereitos de gais e lesbianas no Reino Unido e Europa, a casa do Manchester United e do Manchester City —exemplo de convivencia pacífica entre rivais no fútbol—, a cidade dos medios de comunicación —en Salford atópase a MediaCityUK—, a dos canais navegables, a da maior rede de tranvía do Reino Unido ou a dun dos máis grandes e prestixiosos campus universitarios de Europa.

O carácter de Manchester quedou patente o pasado ano, cando os seus cidadáns dixeron maioritariamente 'non' á saída do Reino Unido da Unión Europea. O Brexit —aprobado en referendo o 23 de xuño de 2016 por apenas o 52 por cento dos británicos que participaron na consulta convocada polo primeiro ministro conservador David Cameron—, foi o maior golpe ao proceso de integración en Europa tras a Segunda Guerra Mundial. Pero o certo é que este broucazo británico viu principalmente dos maiores de 50 anos e das zonas rurais e cidades máis pequenas do país. Os máis mozos e practicamente todas as grandes cidades do Reino Unido —incluída Manchester— votaron a prol de manterse na UE. A fractura entre o vello e o moderno Reino Unido foi patente. Manchester situouse, unha vez máis, no lado da modernidade, do progreso e da convivencia dos pobos.

Máis de 18.000 persoas forman parte do grupo de Facebook de Españoles en Manchester e máis de 200 están no grupo Galegos en Manchester. Esta pasada noite foi dura para todos eles e as mensaxes sucedéronse preguntando os uns polos outros. Ninguén desta comunidade foi vítima. Alivio entre todos. Son coma unha grande familia. Os chamamentos a doar sangue foron tamén constantes. Entre os galegos, algúns viven no centro, en pleno corazón da cidade, ao que golpeou o odio terrorista. Todos están sans e a salvo, pero o centro, coma din, está tomado polas forzas de seguridade e quedaron atrapados: "Todo está feito unha lea. Estamos preto do centro e non podemos nin coller un bus para ningún lado", comenta a galega Patricia de Iriarte.

Meus amigos Dennis e Alan, cos que convivín durante moitos meses en Manchester, —no barrio de Beswick, a uns 15 minutos camiñando do centro e preto do Etihad Stadium—, están ben, pero sobresaltados. Dennis traballa no centro, nas oficinas do Barclays Bank, e non foi traballar esta mañá. Está tentando tranquilizar a todos os seus amigos e a súa familia, que vive ao sur de Londres.

"Foi unha noite horrible para Manchester, algo que realmente sacudiu a cidade. Estamos conmocionados", cóntame Dennis.

Para os que coñecemos esta fascinante cidade, para os que a vivimos, para os que convivimos coas súas xentes, para os que fomos acollidos por Manchester, este é un duro golpe. A conmoción non se pode disimular; a consternación é patente. Os que nos sentimos mancunianos, os que amamos esta cidade e o seu modelo moderno, aberto, pacífico, tolerante e festeiro, sentimos hoxe unha infinita tristura, pero tamén temos plena confianza en que a cidade demostrará o seu xenuino carácter e afianzará aínda máis os seus valores para seguir sendo un referente do mundo moderno e exemplo de convivencia dos pobos. Aquí non hai lugar a imaxes do horror.

Área de Spinningfields, no centro de Manchester
Área de Spinningfields, no centro de Manchester | Fonte: www.manchestergossip.com.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 Arturo

O DAESH ten asesinado a milleiros de musulmáns. ¿ E iso tamén un daño colateral dos imperialistas? Ao DAESH non o " arma" o imperialismo, armanse eles mesmos. Non son as víctimas dos bombardeos en Siria quenes fan os atentados, é o DAESH. O de sempre, repetir os mesmos esquemas de fai cincuenta anos, e non entender a realidade. ¿ Os 45 millóns de mortos que produxo o " gran salto adiante" do camarada Mao foron tamén un dano colateral do imperialismo ? ¿ Seica, polo visto, somos nos os que temos a culpa dos atentados do DAESH? ¿ Seica o DAESH é a víctima e nos os culpables ? O mundo ao revés, a estupidez é infinita.

3 John McNamara

McCaco, mais puntos de mira, amijo. Amplia o horizonte, preguntate de onde saen os cartos das súas armas, preguntate se aquí non se producen movementos polo petroleo, etc. Si, dano colateral, iso é o triste....

1 McCaco

Que sí home que sí as medidas imperialistas xa as coñecemos, pero Que cartos? Que armas? un camión roubado ou unha garrafa de combustible? para min unha cousa non xustifica a outra e lémbroche que estes pirados matan en nome de un Deus e buscan matar a infiéis civís non buscan facer contas nen arranxar a súa terra.

2 teutonio

Que eurocéntrico é botarlle a culpa de todo a Occidente, como se outros pobos ou estados non sexan capaces de facer animaladas e escarallar o mundo. Por certo, se queres saber máis sobre o tema, os de Histocast téñenche un par de podcasts sobre a materia de varias horas explicando moi ben a orixe do estado islámico, primeiro de Iraq (ca axuda de Bashar al Assad), logo de medio oriente.

2 John McNamara

Manchester é un dano colateral das políticas imperialistas dos EEUU, RU e a UE. Os atentados de Manchester son o resultado dos bombardeos e guerras no Iraque, Libia, Siria, son o resultado de armar a grupos fascistas-relixiosos islámicos (de onde saen os cartos do armamento? e quen llos venden?). Que símbolo, nin que chorrada....deixemos de idiotizar a sociedade.

1 McCaco

Ti si que es un dano colateral, estes non matan por vinganza se non por motivos relixiosos, o de onte en Manchester é outra animalada máis deste mundo tolo, matan en nome dun Deus e matan a infieis.

1 Arturo

O DAESH tenta extender o islam a todo o mundo. Os infieis ( tamén os que non son da secta musulmana apropiada) deben morrer. E aos suicidas lles esté esperando Alá no paraíso. Canto mais tolas as creencias, mais acreditan nelas.