Temas: POLICíA OKUPA

Detidos, feridos, bengalas e pelotas de goma nunha protesta en Santiago

Unha manifestación en Santiago contra o peche dun local okupa rematou nunha "batalla campal" con varias cargas policiais nunha mobilización que reuniu a unhas 500 persoas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2017 | Actualizada ás 23:07

Comparte esta noticia

Santiago foi este martes o escenario dunha mobilización convocada para protestar contra o desaloxo dun local okupa que concluíu cunha detención confirmada e varias cargas policiais, nas que houbo disparos de pelotas de goma e gases lacrimóxenos, segundo informa EP, así como lanzamento de bengalas.

Policías no centro de Santiago
Policías no centro de Santiago | Fonte: J.M. de la Calle

Diso deron conta a Europa Press distintas fontes presenciais, que coincidiron á hora de definir o ocorrido como "unha batalla campal" entre as forzas da orde e varios grupos, encapuchados incluídos, que se meteron entre o medio centenar de persoas que se deu cita para criticar o peche do inmoble.

Os feitos remóntanse á mañá deste mesmo martes, cando a Policía Nacional desaloxou e tapiou por orde xudicial un edificio okupado na Algalia de Arriba, no centro histórico de Santiago, utilizado como centro social autoxestionado.

Por mor desa medida, tamén criticada polo goberno compostelán, produciuse un enfrontamento entre axentes e membros do colectivo okupa que finalizou coa identificación de dúas persoas. A súa reacción foi convocar unha protesta ás 20,00 horas sen comunicalo ás autoridades e, por tanto, sen autorización.

Á cita --segundo as fontes consultadas por Europa Press-- sumáronse grupos diversos mesmo doutras cidades galegas e tamén acudiu un bo número de policías, tanto locais como nacionais e da unidade de antidisturbios.

Enfrontamento entre policías e manifestantes polo peche dun centro social okupado
Enfrontamento entre policías e manifestantes polo peche dun centro social okupado

COLECTORES QUEIMADOS, BOTELLAS ROTAS

Pouco despois do arranque da manifestación, que partiu dunha Porta do Camiño onde se apostaba media ducia de furgóns policiais, comezou o lanzamento de bengalas --o único detido está acusado de levar material pirotécnico-- por parte dun grupo que camiñaba entre bandeiras negras.

Ante esa "ameaza da orde pública", xa preto da Praza de Cervantes, tiveron lugar os primeiros disparos de pelotas de goma, que motivaron que a protesta se dispersase en pequenos grupos e que moita xente optase por abandonala.

A partir de aí, os axentes pecharon os accesos á Algalia de Arriba, onde se atopa o local agora tapiado, tanto con persoal despregado como con furgóns policiais e colectores. Nesa zona tivo lugar outra das cargas, onde fontes presenciais aseguran que os disparos non foron ao aire, senón "á xente".

A cantidade de cristais rotos no chan da zona dá pistas do sucedido nunha noite na que tamén se queimaron varios colectores en distintos puntos da cidade histórica e producíronse outros danos no mobiliario urbano.

FERIDOS

Sen datos sobre feridos entre os manifestantes, a Delegación do Goberno indica que hai tres policías locais con danos leves.

Pola súa banda, o Sindicato Unificado de Policía eleva a seis os que están a ser recoñecidos no centro médico La Rosaleda e avanza que pon á súa disposición "todos os medios legais dos que dispón".

Temas: POLICíA OKUPA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta