Nova protesta en Santiago contra o desaloxo do local okupado e a actuación policial

A manifestación percorreu sen incidentes as rúas de Santiago baixo a pancarta 'O sistema, a Policía e La Rosaleda nom vam poder connosco. Apoia os centros sociais, apoia o Escarnio e Maldizer'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2017 | Actualizada ás 23:13

Comparte esta noticia

Unhas 400 persoas participaron este mércores en Santiago nunha nova manifestación que percorreu as rúas da capital galega un día despois do polémico desaloxo dun local okupado como centro social e dunha concentración posterior marcada polos disturbios, que se saldou con varias cargas policiais e axentes feridos.

Manifestación en Santiago
Manifestación en Santiago | Fonte: Europa Press

Este mércores, ao redor das 21,00 horas, arrincou a protesta, encabezada por unha pancarta coa lema 'O sistema, a Policía e La Rosaleda nom vam poder connosco. Apoia os centros sociais, apoia o Escarnio e Maldizer'. E o certo é que, precisamente, a construtora compostelá La Rosaleda está ligada á propiedade do inmoble desaloxado na pasada xornada.

No medio dunha significativa vixilancia policial e cunha decena de furgóns pechando a marcha, os manifestantes saíron da Praza de Galicia e avanzou por Virxe da Cerca cara aos barrios composteláns de San Pedro e Concheiros.

En Rodríguez de Viguri está, precisamente, a sede da construtora La Rosaleda, que vixiaban axentes policiais.

MOMENTOS DE TENSIÓN

Na zona da estación de autobuses houbo algún momento de tensión, pero non foi a máis e, aínda que houbo proclamas contra a actuación policial, os manifestantes continuaron o seu percorrido de forma pacífica. "As nosas mans, as nosas armas", proclamaban.

Con todo, púidose ver como algúns tiraban unhas pedras sen chegar a romper un escaparate, aínda que foron increpados polos seus propios compañeiros de protesta.

Así, tras avanzar por San Caetano e Pastoriza, os manifestantes pasaron á zona vella percorrendo San Roque e a Algalia ata acabar en Cervantes, onde unha portavoz agradeceu as mostras de apoio recibidas tras os altercados da pasada xornada.

A mesma portavoz destacou que a importante participación na protesta deste mércores evidencia o apoio ao traballo e ás actividades realizadas no local desaloxado nos últimos anos.

NOVA PROTESTA O SÁBADO

Tamén avanzaron que este sábado se convocará unha nova manifestación da que informarán a través das redes sociais.

No percorrido, os manifestantes entoaron varios cánticos e proclamas como "A loita é o único camiño!" ou "Eu tamén son de Escarnio e Maldizer", ademais de reivindicar o papel dos centros sociais e reprobar a actuación policial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta