A prensa española tentou maquillar a sanción a Zara por explotación laboral en Brasil

Xornais de Galicia e do resto do Estado manipularon os titulares para non dar conta da sanción administrativa imposta polo Goberno brasileiro á empresa de Amancio Ortega, obrigada a pagar 1,37 millóns de euros que irán destinados a obras sociais e así evitar os tribunais tralos escándalos por explotación laboral. Medios como La Voz de Galicia, 20 Minutos ou El Economista describiron neste caso a Zara como unha sorte de benfeitora e evitaron falar de sanción.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/06/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

1,37 millóns de euros. Esa é a multa que lle impuxeron as autoridades brasileiras a Zara polas condicións de explotación laboral nas que tiña a traballadores na súa cadea produtiva no país americano. Pero o que foi unha sanción terminou sendo na prensa española un mero "acordo de responsabilidade" entre Inditex e a Fiscalía de Traballo de Sao Paulo. Maxia xornalística.

Traballadora da subcontrata de Zara
Traballadora da subcontrata de Zara

O certo é que malia que determinados xornais tenten maquillar esta sanción como unha obra caritativa da empresa de Amancio Ortega, o Ministerio Público do Traballo impúxolle unha medida punitiva, non tendo outra opción Zara Brasil que asinar un novo Termo de Ajustamento de Conducta (TAC) para erradicar condicións de explotación laboral. Creado por causa do incumprimento do acordo feito en 2011, o novo documento amplía a responsabilidade xurídica da empresa en caso de constatación de traballo análogo ao escravo ou traballo infantil na súa produción. Así mesmo, a empresa terá que investir 5 millóns de reais (uns 1,37 millóns de euros) en proxectos sociais, informa a prensa brasileira. Non ten outra opción.

A obriga a cumprir a medida punitiva foi proposta polo Ministerio Público do Traballo en febreiro deste ano e homologada o 10 de maio. Con esta, "Zara fica obrigada a fazer a realizar a anotação de contratos nas carteiras de trabalho dos empregados prejudicados", destaca a prensa brasileira. Así mesmo, foi estabelecida unha multa maior en caso de novo incumprimento do TAC. 

En 2011, a empresa chegou a un acordo coas autoridades brasileiras tras descubrirse que varios empregados que producían para Zara en Brasil estaban traballando en condicións degradantes. Porén, os fiscais do Ministerio do Traballo constataron o incrumprimento dalgunhas cláusulas do compromiso que adquirira Zara para que non se repetisen estas situacións.

Agora, o Ministerio aumenta a responsabilidade xurídica da Zara en futuros casos de traballo escravo e de presenza de traballo de nenos e adolescentes nos cadros de persoal das empresas que fornecen a Inditex en Brasil. O termo ten vixencia inmediata, prazo indefinido e ámbito estatal. A Agência Brasil tentou coñecer as impresións da empresa tras coñecerse a imposición desta obriga, pero a rede de tendas dixo que non se vai manifestar sobre o novo TAC. Silencio.

Baño dos traballadores da subcontrata
Baño dos traballadores da subcontrata

A VERSIÓN EDULCORADA DA PRENSA ESPAÑOLA

Esta realidade contrasta coa relatada en boa parte da prensa española, incluídos os xornais galegos tradicionais, onde se maquillou esta obriga como unha "aportación" de Zara a traballos sociais. O certo é que a nova chegou a España vía Axencia Efe, que distribuíu a noticia entre os seus clientes, que pasaron en poucos minutos de informar nos seus titulares dunha sanción a Zara por traballo escravo a mudar esa versión e salientar as bondades de Inditex ao asinar un "acordo de responsabilidade social" polo que, a xeito de acto filantrópico, contribuirá con 1,37 millóns de euros a combater o traballo escravo e a explotación infantil. Pura maquillaxe da realidade.

As denuncias non tardaron en saltar en redes sociais, páxinas web, foros de opinión e nos fíos dos comentarios dalgúns dos propios medios que manipularon a información, tan variados e con liñas editorais tan dispares como La Voz de Galicia, eldiario.es, 20 Minutos, El Heraldo de Aragón, El Progreso de Lugo ou El Economista, entre outros. Malia que os medios implicados nesta manipulación tentaron non deixar rastro desta mudanza editorial, a caché de Google tamén fai maxia e garda o pasado máis recente. Así, en redes sociais e varias páxinas web publicáronse capturas de pantallas cos titulares orixinais e os modificados posteriormente en varios xornais: "Zara deberá pagar 1,5 millones de dólares en Brasil por un caso de trabajo esclavo" (20 Minutos) ou "Multa de 1,5 millones a Zara por 'trabajo esclavo'" (Heraldo) cambiaron pola versión final: "Zara renueva y amplía acuerdo responsabilidad con Fiscalía de Trabajo Brasil"

No caso de La Voz de Galicia, o xornal coruñés optou por un titular aínda máis edulcorado e benévolo coa empresa de Amancio Ortega, home estreitamente vinculado a este medio a través do Máster de Xornalismo que La Voz imparte na Universidade da Coruña coa colaboración da Fundación Amancio Ortega. O titular, unha obra de enxeñaría manipuladora, foi: "Zara aportará 1,5 milllones de dólares para combatir la esclavitud y la explotación infantil en Brasil", versión que logo modificou con outra media verdade: "Zara llega a un pacto con la Fiscalía de Brasil contra el trabajo esclavo".

En definitiva, un bo número de medios españois encubriron a natureza da sanción administrativa, maquillando un acordo punitivo como unha sorte de investimento ou doazón por parte de Zara para asuntos sociais.

QUE É O TAC?

A lexislación brasileira contempla os TAC como un procedemento dentro do esquema de protección laboral. Trátase, segundo a regulación daquel país, dun "acordo" que o Ministerio alcanza cun "violador de determinados dereitos colectivos". Trátase, polo tanto, dun instrumento para impedir situacións continuadas de ilegalidade  e para reparar "o dano ao dereito colectivo", evitándose así a demanda nos tribunais mediante un acordo extraxudicial.

En concreto, no Portal de Direitos Colectivos do Goberno de Brasil descríbese así o TAC:

O termo de ajustamento de conduta é um acordo que o Ministério Público celebra com o violador de determinado direito coletivo. Este instrumento tem a finalidade de impedir a continuidade da situação de ilegalidade, reparar o dano ao direito coletivo e evitar a ação judicial.

Isso ocorre, por exemplo, nos casos em que uma indústria polui o meio ambiente. Nesse caso, o Ministério Público pode propor que ela assine um termo de compromisso para deixar de poluir e reparar o dano já causado ao meio ambiente. Se a indústria não cumprir com seu compromisso, o Ministério Público pode ajuizar ações civis públicas para a efetivação das obrigações assumidas no acordo.

O termo de ajustamento de conduta está previsto no § 6º do art. 5º da Lei 7347/85 e no art. 14 da Recomendação do CNMP nº 16/10:

§ 6° Os órgãos públicos legitimados poderão tomar dos interessados compromisso de ajustamento de sua conduta às exigências legais, mediante cominações, que terá eficácia de título executivo extrajudicial.

Art. 14. O Ministério Público poderá firmar compromisso de ajustamento de conduta, nos casos previstos em lei, com o responsável pela ameaça ou lesão aos interesses ou direitos mencionados no artigo 1º desta Resolução, visando à reparação do dano, à adequação da conduta às exigências legais ou normativas e, ainda, à compensação e/ou à indenização pelos danos que não possam ser recuperados.

Polo tanto, o que fixo Zara foi aceptar unha sanción administrativa para evitar os tribunais, feito que nada ten que ver cos titulares dalgunha prensa e o presunto mero acordo entre a empresa de Amancio Ortega e o Goberno brasileiro.

ANTECEDENTES

GC publicou nos últimos seis anos as denuncias por explotación laboral e infantil que afectan a Zara en Brasil, pero tamén noutras partes do mundo. En agosto de 2011, este xornal fíxose eco das denuncias feitas sobre a situación de varios traballadores nunha fábrica a 130 quilómetros Sao Paulo, en concreto, de 52 cidadáns bolivianos que traballaban en condicións insalubres e decadentes, 14-16 horas ao día e sen contratos, para unha subcontrata de Zara. Daquela, a marca de Amancio Ortega xa tiña 52 multas do Ministerio do Traballo por irregularidades laborais. 

O caso censurouse nos principais medios galegos, que se someteron á lei do silencio para non danar a imaxe de Inditex, o maior lobby do país. Porén, a nova saltou aos medios internacionais, con canles tan prestixiosas e influíntes como a BBC británica dando conta da situación escravista que se daba nas fábricas de Zara.

Durante eses días de agosto de 2011 o escándalo foi aumentando de dimensión. Así, segundo o Ministerio de Traballo do Brasil, detectáranse as mesmas irregularidades en até 33 talleres subcontratados para Zara. O diario O Globo, un dos máis importantes do Brasil, citou daquela fontes oficiais para denunciar as condicións insalubres e os salarios paupérrimos dos inmigrantes ilegais. 

Desde Inditex sempre aseguraron que descoñecían esta grave situación e mantiveron que non era a súa responsabilidade, pero o Goberno brasileiro desmentiu unha e outra vez á multinacional galega.

Xa en xaneiro de 2012, a campaña "Roupa Limpa", coordinada en Galicia por Amarante Setem, presentou a investigación "A moda española en Tánxer: traballo e supervivencia das obreiras da confección", un novo escándalo, este no norte de África, que zarrapicou de novo a Inditex. O documento destallaba as "condicións de vida e traballo precarias" das traballadoras que producen roupa para varias multinacionaos. Nalgúns casos, os talleres empregaban menores que eran agochados en bolsas cando chegaban os inspectores.

De volta a Brasil, en abril de 2014 un auto do xuíz Alvaro Emanuel de Oliveira Simões, do xulgado número 3 do social en Sao Paolo, mantivo a Zara Brasil na "lista suja" do Ministério do Trabalho e Emprego e pela Secretaria de Direitos Humanos que inclúe empresas que manteñen traballo escravo ou semiescravo. A filial da galega Inditex pretendía limpar o seu nome despois do escándalo de 2011, no que se descubrirá que Aha Indústria e Comércio LTDA pagaba 0,06 céntimos de euro por peza aos seus traballadores, que se atopan ademais en situacións miserables no lugar de traballo. O 90% da produción de Aha Indústria e Comércio LTDA ía para Zara. O xuíz tamén condenou a Zara a pagar as custas do xuízo.

A Xustiza reiterou que a empresa galega se aproveitaba directamente dos traballadores, malia tentar "camuflar" isto a través dunha subcontrata. Os asalariados traballaban até 14 horas ao día por uns salarios ínfimos, segundo descubriron os inspectores tras a denuncia dun inmigrante boliviano. Parte dese mísero salario ía á propia subcontrata para pagar comida e habitacións de descanso. 

Xa en 2016, a a BBC británica emitiu unha reportaxe de investigación que recolleu GC e que mostraba como desprazados de Siria estaban a traballar en situación irregular en factorías turcas que fabrican prendas para as grandes compañías do textil europeas, incluída Inditex. Nalgunhas fábricas mesmo se atoparon casos de explotación infantil.

A investigación demostrou que refuxiados sirios traballaban 12 horas ao día nunha fábrica de pantalóns vaqueiros para Mango e Zara. "Os refuxiados traballaban na pulverización de productos químicos perigosos para branquear as prendas, pero a maioría dos traballadores nin sequera teñen unha máscara básica", denunciaron os autores da investigación.

Denuncia feita contra a manipulación das informacións en prensa sobre a sanción a Zara en Brasil
Denuncia feita contra a manipulación das informacións en prensa sobre a sanción a Zara en Brasil | Fonte: asivaespana.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Mensagem dende o Japão

outro teletipo para o Bufffff, chegado da terra do sol nascente. A ver se sabes o que diz: KARAKO NA

1 Bufffff

Cuanto rollo y manipulación para no decir q a la inspección de subcontratas de Inditex se la jugaron en Brasil y no tuvo conocimiento de que había trabajadores en situación irregular. Que Inditex prefirió llegar a un acuerdo con la fiscalía q ventilar el asunto en un pleito d resultado incierto. Envidia, odio, frustración y venganza pq Inditex, a diferencia de algunos grandes almacenes sobre los que no se pone el foco, nunca pagó mordidas a la extrema izquierda. Nadie, salvo dos fanáticos, va a emular a los concejales de la Marea coruñesa y similares, vistiendo con ropa de feria.

1 tino

jajajajajjajajaja