Científicos galegos contribúen a un novo método que reduce os danos por sangrado no cerebro

O Journal of the American Heart Association publica os resultados dun estudo realizado entre o Instituto de Investigación Sanitaria de Navarra, o Centro de Investigación Biomédica en Red do Instituto de Salud Carlos III e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Os científicos probaron con éxito unha molécula que frea a hemorraxia intracerebral e mellora a recuperación funcional e neurolóxica.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/06/2017 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

Un novo método que pode reducir as nefastas consecuencias das hemorraxias intracerebrais. A proba foi realizada en ratas de laboratorio e abre unha vía para esperanza nos casos de humanos, nos que este trastorno neurolóxico agudo representa o 15 por cento dos ictus, presenta unha alta taxa de mortalidade e non existe un tratamento efectivo para paliar os danos. O achado vén de publicarse este mes no Journal of the American Heart Association nun artigo titulado 'CM352 Reduces Brain Damage and Improves Functional Recovery in a Rat Model of Intracerebral Hemorrhage'. O estudo foi realizado por un equipo científico multidisciplinar formado por investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Navarra (IdiSNA), do Centro de Investigación Biomédica en Red —consorcio público de investigación creado por iniciativa do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII)— e do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) —centro de excelencia dependente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e a Universidade de Santiago (USC)—.

Hemorraxia intracerebral.
Hemorraxia intracerebral.

Os científicos estudaron en ratas a efectividade dun novo axente antifibrinolítico, unha pequena molécula coñecida como CM352 que reduce o crecemento do hematoma intracerebral, frea polo tanto a hemorraxia e mellora a recuperación funcional no suxeito tratado. O CM352 revelouse como "un novo axente antifibrinolítico e un inhibidor da metaloproteasa que evitou eficazmente o crecemento do hematoma e reduciu o tamaño da lesión na hemorraxia intracerebral, ademais dunha mellor recuperación funcional e neurolóxica", salientan os autores do achado.

"O tratamento dual antifibrinolítico e antiproteolítico, cun inhibidor da metaloproteasa de curta duración e acción rápida, pode reducir eficazmente a expansión do hematoma e o dano cerebral nun modelo experimental de hemorraxia intracerebral", aseguran os investigadores en base aos resultados obtidos. Ademais, inciden en que "este tratamento se asocia con menos inflamación xunto cunha mellor recuperación funcional e neurolóxica" e demostraron que "a administración do tratamento unha hora (pronto) ou 3 horas (tarde) despois do inicio da hemorraxia intracerebral consegue efectos beneficiosos similares".

Os autores do experimento conclúen que os seus achados "apoian o uso de inhibidores da metaloproteasa con propiedades antifibrinolíticas para o manexo farmacolóxico da hemorraxia intracerebral, unha afección potencialmente mortal sen tratamento probado".

Este enfoque terapéutico, din, "podería ser particularmente interesante no contexto da transformación hemorráxica despois do tratamento trombolítico".

A alta prevalencia, a elevada mortalidade e a necesidade de atopar tratamentos eficaces converteron á hemorraxia intracerebral nun problema clínico e socioeconómico de gran magnitude. Agora ábrese unha nova vía revolucionaria para o seu tratamento coa molécula CM352, un axente antihemorráxico cun mecanismo de acción potente, seguro e eficaz. O éxito nos ensaios clínicos abren a porta a un fármaco eficaz para o tratamento dos pacientes con hemorraxias intracraneais graves.

O estudo foi financiado pola Fundación para la Investigación Médica Aplicada da Universidad de Navarra, o Ministerio de Economía y Competitividad, o Instituto de Salud Carlos III, o CIBER Cardiovascular do ISCIII, a Xunta de Galicia, a Sociedad Española de Trombosis y Hemostasia e o Fondo Europeo para o Desenvolvemento Económico e Rexional. Os seus autores son: José A. Rodríguez, Tomás Sobrino, Esteban López‐Arias, Ana Ugarte, Juan A. Sánchez‐Arias, Alba Vieites Prado, Irene de Miguel, Julen Oyarzabal, José A. Páramo, Francisco Campos, Josune Orbe e José Castillo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Potencial abandoado

Esta nova non ten interés pois trata de cousas que non temos. Alguén tivo algún familiar ou coñecido con ictus? Alguén ten cerebro? Como quedou o Madrí?