Cales son as consecuencias da concentración bancaria en Galicia?

A Xunta realizará un informe a petición da Cámara galega. Puy asegura que a desaparición do Popular-Pastor é "unha das peores noticias para Galicia nos últimos tempos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2017 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou por unanimidade demandar á Xunta que realice un informe "exhaustivo" sobre as consecuencias da reestruturación bancaria en Galicia e a incidencia nos usuarios desta concentración.

Ana Patricia Botín, do Banco Santander, no Foro Económico Mundial de Davos
Ana Patricia Botín, do Banco Santander, no Foro Económico Mundial de Davos | Fonte: rastrojo wikimedia

Na comisión de Economía, a deputada Noa Presas (BNG), impulsora da iniciativa, destacou que este acordo chega nunha semana "tremendamente negativa" para Galicia coa venda do Popular --no que se integraba a súa filial galega Pastor-- "ao prezo dun café con leite", o que profunda nun proceso de concentración bancaria de "nefastas consecuencias" tras a desaparición das caixas galegas.

Nesta liña, o portavoz parlamentario do Grupo Popular, Pedro Puy, subliñou que é "importante" que se faga estudo sobre o proceso de reestruturación, e máis tras a desaparición do Banco Popular-Pastor, que define como "unha das peores noticias para Galicia nos últimos tempos".

Previamente, Manuel Lago (En Marea) referiuse a que Galicia ten un "problema enorme" con ese "duopolio" --algo que só "sucede en Lituania e aquí", dixo-- no que queda a comunidade con Abanca e o Santander copando o mercado. Así, chegouse a un acordo transaccionado cunha emenda dos socialistas pola cal ese informe se presentará na Cámara para o seu debate unha vez finalizado.

A este respecto, Abel Losada (PSdeG) chama a atención sobre que preto do "75 por cento" do mercado financeiro galego queda en mans de dúas entidades, e avisa da "posición de forza" fronte a usuarios que iso supón.

Sede do banco BBVA na Coruña
Sede do banco BBVA na Coruña

FALTA DE CONTROL

Durante o debate, Noa Presas criticou o falta "control" das autoridades a todo o proceso que rodeou a desaparición do Popular, á vez que reprocha a "complicidade de grandes partidos do Estado" para apostar pola reestruturación, coa "privatización e bancarización das caixas".

A continuación, a nacionalista denunciou que Galicia "perde músculo financeiro propio", nun balance "desolador" da etapa de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, coa "privatización" e venda a prezo de saldo das caixas, ao que agora súmase a "crónica dunha morte anunciada" do Pastor.

Aquí, Presas puxo o foco sobre como os accionistas do Popular foron "vítimas" nunha "nova modalidade de estafa", mentres os traballadores "ven en risco o seu emprego". Censura que hai responsabilidades nos reguladores", dado que o Popular superou "fai seis meses" o test de tensión, ademais da "permisión" para a ampliación de capital, que " tamén ten responsabilidades".

Manuel Lago (En Marea) sostivo que "é grave" que "o segundo banco de Galicia" vivise un proceso de "agonía e liquidación" e "o poder político galego non teña nada que dicir". O deputado de En Marea dixo votar "con tristeza" esta iniciativa, pois lle produce "tenrura" que o Parlamento avogue por un informe sobre esta cuestión, cando "a vida aí fóra continúa".

Un dos puntos sobre os que fixo fincapé Lago é o "papel central de inversionistas á baixa" que "liquidan institucións" como o Popular, pois "gañan diñeiro se a acción do banco se deprecia". Subliña que este grupo "especulador" chegou a ter "o 12,9 por cento das accións" do Popular, co único obxectivo devaluar a acción do propio banco".

Tamén recriminou Abel Losada que "algo non se está facendo ben e non se fixo" no control do Popular por parte do Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e Bruxelas.

Así mesmo, o socialista reflexiona sobre as incidencias que terá a desaparición de oficinas e emprego, posto que a "exclusión financeira vaise a ir incrementando progresivamente" en moitos municipios, xunto ás "lagoas" no "ámbito social e cultural" que provocará.

Pola súa banda, Pedro Puy defendeu que "a Xunta pode facer o que pode facer" nun contexto de "cesión de soberanía monetaria a Europa" ante unha "crise estrutural da banca". Con todo, o portavoz popular valora que Galicia é "unha das poucas" comunidades con entidade financeira "localizada e domiciliada" no seu territorio, á vez que se atopa "mellor en termo de oficinas que a media de España".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 eusi

Pedrito Puycito: o pior que lle ten acontecido a Galicia é termos a PPodremia mais absoluta nas institucións, así lle foron ás caixas galegas e así se foi á banca privada. #PPaoPParo #PPodresAoCaxó

1 Gamela

ABOLICIÓN DAS COMISIÓNS BANCARIAS XA !!! Logo da estafa xeralizada primeiro con ABANCA e agora co PASTOR e mañán calquera outro banco que será absorvido por 1 €uro grazas ao procedemento arbitrado por Bruxelas e o BCE / Á Pobreza Enerxética teremos que sumarlle a Exclusión Bancaria cando tódolos recibos e pagos teñen que realizarse vía banco... NON É XUSTO que por abrir unha conta e domiciliar recibos teñamos que pagar COMISIÓNS ABUSIVAS !!! Se existen bancos que operan SEN COMISIÓNS ¿por qué os bancos en España todos son coma boitres á hora de cobrar comisións abusivas aos clientes? // Rouban Dúas Veces !!!

1 Gamela

O ben feito, ben parece... Noraboa a Pancho Casal por facer algo CONCRETO !!! https://www.noticiasvigo.es/aprobad...