Temas: REDE NATURA

O PP quere ampliar a Rede Natura con toda a oposición en contra

Os populares buscan aprobar unha nova proposta para 2018. En Marea, PSdeG e BNG critican que Galicia está "no furgón de cola" da protección da natureza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2017 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

O Parlamento galego pediu, só cos votos do grupo maioritario --o Partido Popular-- e coa oposición de toda a oposición --En Marea, PSdeG e BNG--, que a Xunta inicie os traballos de estudo e documentación para a ampliación da Rede Natura 2000.

Comisión de medio ambiente
Comisión de medio ambiente | Fonte: Europa Press

A aprobación desta proposición non de lei produciuse na comisión de medio ambiente, este mércores, sen modificacións a pesar de que tanto En Marea como BNG presentaron senllas emendas de substitución, que non foron aceptadas polos populares.

O encargado de defender a iniciativa foi o deputado Gonzalo Trenor, quen apuntou á necesidade de "revisar" o proxecto de ampliación. Sendo "ambicioso", propuxo como prazos o segundo semestre deste ano para unha primeira fase destes traballos para a ampliación e o primeiro semestre de 2018 para "todas as cuestións relativas á tramitación da proposta". Porque "xa hai un traballo feito", segundo defendeu.

Así as cousas, buscou "dar respaldo parlamentario a este proceso que conclúa coa ampliación da Rede Natura 2000".

A QUENDA DA OPOSICIÓN

A continuación interveu, polo Bloque, Luís Bará, quen valorou que a Rede Natura funciona como un "instrumento parcial e limitado pero con aspectos positivos". A este respecto, lamentou que Galicia estea "no último lugar, no furgón de cola" de todo o estado, cun 11,8% do seu territorio protexido, por detrás do 18,8% de Asturias e o 20,1% de País Vasco, con datos de 2015.

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, viu neste asunto unha "mostra" máis da "política errática do PP". Ao seu xuízo, o PPdeG "nunca tivo interese" na conservación da natureza. Por iso, expuxo derrogar o Plan Director da Rede Natura aprobado mediante decreto en 2014, "porque é un plan de desprotección do espazo natural" e unha "mera declaración de intencións".

Na súa opinión, o Executivo autonómico "ten que rectificar a súa política" e "ter proxecto de país" que "inclúa todo": desenvolvemento económico e equilibrio ambiental. Na súa quenda, a socialista Patricia Vilán indicou que ao seu grupo pareceulle "tal ofensa a iniciativa e a xustificación da urxencia" que declinou presentar unha emenda, ao interpretar esta presentación como "unha tomadura de pelo".

Así, cuestionou a "urxencia" cando en marzo de 2012 "terminaba o novo prazo para expor observacións para unha ampliación que xa acumulaba atraso". Tras a aprobación do mencionado decreto en 2014, lembrou que a oposición rexistrou "iniciativas en comisión e en pleno" e os populares "sempre votan en contra". "E estamos en 2017", resolveu.

Temas: REDE NATURA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

o único que sabemos é que o Courel segue abandonado á súa sorte dende o bipartito que non foi quen de protexer o territorio e mesmo legalizou a Canteira da Campa no corazón de Folgoso do Courel para VERGOÑA de tódolos que pedíamos un Parque Natural do Courel https://goo.gl/zGzR3O