Temas: REDE NATURA

Adega critica a “especulación política” na nova reorientación da Rede Natura

Di que sen compromisos serios de xestión, sen orzamentos, e con ferramentas deseñadas para permitir autorizar calquera cousa ao abeiro dos intereses de turno, “é un engano”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/06/2017 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Adega tamén se opón ao recente acordo parlamentar de solicitar á Xunta a ampliación urxente da Rede Natura 2000, aprobado polo PP co voto contrario da oposición e denuncia a “especulación política” coa que foi realizada a proposta do PPdeG. 

Bulldozer abrindo a canle artificial na Lagoa da Frouxeira- Valdoviño
Bulldozer abrindo a canle artificial na Lagoa da Frouxeira- Valdoviño | Fonte: ADEGA

Dende a aprobación da proposta galega de Rede Natura 2000 en 2004 a extensión territorial desta figura europea en Galicia ficou no 12,1%, a máis cativa en porcentaxe do estado (agás Melilla), fronte á media estatal do 28%. En comparación, comunidades veciñas como Asturias e Castela e León, acadan porcentaxes de 29% e 26% respeitivamente. “Tanto tiveron as advertencias que en reiteradas ocasións a Comisión Europea lanzou ao estado español pola insuficiencia da Rede Natura galega. A día de hoxe seguimos á cola do estado en territorio protexido”, alerta Adega nun comunicado.

En Galicia están presentes 56 dos 121 tipos de hábitats naturais presentes no estado, entre eles 10 dos 56 considerados prioritarios. Por iso, di, “a cativa extensión da Rede Natura galega, que non sufríu modificacións dende 2004, non só constitúe unha eiva senón que é un agravio para o noso país”.

Non foi até 2008, durante o goberno bipartito, que se apresentou unha proposta de ampliación para chegar até o 18,3% dende o 12,1% actual. Era unha proposta "de mínimos" pouco ambiciosa, que ficou esquecida coa chegada do PP á Xunta.

Adega critica que “nunca interesou” desenvolver os instrumentos de xestión, malia aos requerimentos de Europa, onde a Rede Natura xa estaba a xerar beneficios territoriais e mesmo dinámicas económicas moi positivas. “A Xunta seguíu ignorando a obriga de desenvolver os instrumentos de xestión e non foi até 2014, catro anos despois de rematado o prazo, que se aprobou por fin o Plano Director”, apunta.

Neste sentido, critica que en zonas de Rede Natura se realizaron “ducias de proxectos industriais salvaxes”; canteiras no Courel e Valdeorras, eólicos no Xistral, encoros e mini-centrais, polígonos industriais, macrogranxas de peixes, infraestruturas de comunicación.

“Pouco comprometido”

En 2012, perante os apercebementos da CE de ampliar a superficie determinados hábitats insuficientemente representados en Galicia, alongando a Rede Natura, o PP presentou outra proposta de ampliación até 15,2%, aínda á cola das autonomías. Este Plano aprobado en 2014 (10 anos despois da designación dos LICs e ZEPAs) caracterízase por ser, segundo Adega, “pouco comprometido coa protección e excesivamente permisivo coas actividades que poden xerar impactos”. “Abusa da discrecionalidade e das excepcións para permitir, por exemplo, construir piscifatorías, incineradoras, autoestradas, concentracións parcelarias e aumentar a edificabilidade nun 50% das zonas de protección...”, suliña.

Por iso, denuncia que unha ampliación ao 12, 18 ou o 25% da superficie, sen compromisos serios de xestión, sen orzamentos, e con ferramentas deseñados para permitir autorizar calquera cousa ao abeiro dos intereses de turno, “é un engano”.

Temas: REDE NATURA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

Viva o ecoloxismo galego hipócrita. VIVA! VIVA! https://goo.gl/maps/VKvp8PBf8cs

1 Ano-nimo

Non saques a lingua a pacer... https://goo.gl/HPLG7e https://goo.gl/ap1W7y