Temas: GOOGLE

Unanimidade do Parlamento para que Google Maps respecte a toponimia oficial galega

O PP vota en contra do impulso dunha lei galega para regular os 'lobbies'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2017 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

Todos os grupos do Parlamento galego instaron este venres -tras unha proposta do BNG-- á Xunta a que se dirixa ao Goberno central e a Google Maps para respecten a toponimia oficial galega.

Comisión Institucional
Comisión Institucional | Fonte: Europa Press

Na Comisión Institucional, a deputada do BNG Olalla Rodil puxo numerosos exemplos de toponimia "deturpada" empregada, tanto polo Goberno central como pola compañía Google a través da súa aplicación 'Maps'.

Neste sentido, apunta que a toponimia que emprega Google é a do Ministerio de Fomento, onde aparecen nomes que "renxen" como "La Coruña" no canto da Coruña; "Niño de la guía" no canto de 'Niñodaguia'; ou "Puentenuevo" no canto da Pontenova.

Respecto diso, Rodil lembra que a "única forma oficial e legal" nos topónimos de Galicia é a galega segundo a lei de normalización lingüística. Por iso, corresponde á Xunta avisar a entidades privadas e públicas do correcto emprego dos nomes de lugar.

Pola súa banda, Ánxeles Cuña (En Marea) acusa á Xunta de "abandono" de funcións nas súas competencias par que se vele pola correcta utilización de toponimia galega, mentres Juan Díaz Villoslada (PSdeG) pregúntase que se pode esperar dun Goberno cuxo presidente, Mariano Rajoy, "fala de Sanjenjo ou Villagarcía de Arousa" (no canto de Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa).César Gil (PPdeG) expuxo que o Grupo popular defende a toponimia oficial, polo que está "totalmente de acordo" con esta iniciativa.

Así mesmo, o popular lembra que a Xunta xa se dirixiu a Google para facer constar os erros nos nomes de localidades, á vez que o Goberno galego púxose a disposición da empresa para a corrección de erros. Así, "está á espera de movementos" da empresa, se non se producen o Executivo autonómico "volverá porse en contacto".

OUTRA INICIATIVA APROBADA

Noutra orde de cousas, nesta comisión tamén se aprobou outra iniciativa por unanimidade -proposta polos populares- para que se difunda entre os concellos a posibilidade existente de contar coa colaboración da Xunta para a realización dos procesos selectivos de policías locais. Búscase que o desenvolvemento regulamentario sexa o máis áxil posible e poder implantar en 2018 a primeira convocatoria centralizada.

O deputado popular Jacobo Moreira explicou que esta iniciativa buscar dar a máxima publicidade posible ao protocolo asinado entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Xunta para a colaboración nas probas selectivas de policías locais, en especial naqueles concellos de menor tamaño que contan con menos medios.

A esta iniciativa presentou unha emenda o Grupo socialista para que os concellos teñan representación nos órganos de goberno da Academia Galega de Seguridade Pública, pero non foi aceptada polos populares.

BNG e En Marea, aínda que mostraron o seu apoio á iniciativa popular, cren que "é redundante" sobre algo que " supostamente xa se debería estar a facer" en virtude do protocolo asinado.

INICIATIVAS REXEITADAS

Os populares votaron en contra dunha iniciativa de En Marea -apoiada polo resto da oposición-- na que se pedía á Xunta o impulso dunha lei galega de regulación dos 'lobbies' na Comunidade.

Carmen Santos (En Marea) subliñou que é necesario pór coto á forma de gobernar e lexislar "dirixida por lobbies", en base a un "escurantismo" na toma de decisións en favor de "un sector de privilexiados".

Por tal motivo, Santos ve "necesidade de mellorar a transparencia" cunha lei galega de 'lobbies' para que "todos os galegos" saiban cales son as persoas, empresas ou organismo que "tratan de influír en desenvolvemento dunha normativa a nivel galego".

Nesta liña, Villoslada (PSdeG) mostrouse partidario de apoiar "todas as medidas" fronte a un "clima de corrupción practicamente irrespirable". Luís Bará (BNG) lapa a "pór freo" ao "uso abusivo das institucións" por parte de sectores como a banca, construción e o sector enerxético que "deciden as políticas que se toman".

Con todo, María Isabel Novo Fariña (PPdeG) foi a encargada de defender a negativa do seu grupo a este "tema complexo". Aquí, resaltou que no Congreso xa se está iniciando o trámite para regular os 'lobbies', por un "impulso" do PP, para que haxa un rexistro e un código de conduta, así como garantías de que se actúa de forma "transparente".

Por iso, a popular cre que hai que estudar "con rigor e prudencia" se en Galicia é mellor reformar a lei de transparencia ou impulsar unha lei propia, mentres pide esperar a "ver como evoluciona no Congreso" esta cuestión.

Finalmente, Novo Fariña retou a En Marea a "presentar unha proposición de lei" no Parlamento galego, "se o teñen tan claro", con "texto articulado".

Na súa quenda de réplica, Carmen Santos asegurou que o seu grupo ten en axenda presentar un texto articulado e lamenta que nin o PP nin a Xunta desexen levalo a cabo.

Ademais, denegaron os populares na Comisión Insititucional e de Administración de Xustiza unha proposta socialista para converter o antigo centro de saúde de Tui nun novo edificio xudicial que albergue o tres xulgados do municipio e estea en funcionamento antes de 2018.

Temas: GOOGLE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Algo técnico

É un problema de carácter técnico. Se tes o teu navegador configurado co español como primeira lingua é cando aparecen eses topónimos en Google Maps. Se cambias a configuración do navegador e pos calquera idioma distinto do español (inglés, galego, alemán, portugués,...) como primeira lingua Google Maps pon os topónimos oficiais. Por que pasa co español? Pois é porque Google Maps colle os topónimos empregados pola wikipedia do idioma que se ten configurado no navegador. E a wikipedia en español é a ÚNICA de todas as que existen que usa os topónimos deturpados.

1 Antinostrus

Ezpaña, Nostrusania, e demais pichafloxias ibéricas sómos-lle así de re pu tas....señora Galiza..........."quitémosle, pues, la Guia ar Niño Técnico de loz cohone"......

3 Val Miño

Poderían ter unanimidades para baixarse o soldo ou renunciar ao coche oficial.

2 anonimo

Paréceme ben que se lle pida á Marea que presenten o seu propio texto articulado de regulación de lobbies. Que fagan eles o copia-pega do Regulamento do Parlamento Europeo sen ter en conta ningunha especialidade de Galicia. Que na Xunta ándanche moi liados agora que ven o vran. A ver o xuiz como lexisla.

1 Don Pimpón

O turismo non vai atopar Sanjenjo e os nosos camareros bilingües non poderán falarlle inglés a ninguén! Hispania se rompe!