Científicas galegas crean unha crema solar con augas termais de Ourense e extractos de algas

Cinco investigadoras da Universidade de Vigo presentan os resultados dun experimento no que usaron auga de catro fontes termais e extractos de Sargassum muticum como ingredientes cosméticos con eficacia antioxidante.

Por Alberto Quian | Ourense | 26/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Augas termais de Ourense e extractos de Sargassum muticum. Estes son os ingredientes cosméticos dunha crema solar preparada por investigadoras da Universidade de Vigo que agora presentan nun artigo publicado na revista Cosmetics co título 'Sensory Evaluation and Oxidative Stability of a Suncream Formulated with Thermal Spring Waters from Ourense (NW Spain) and Sargassum muticum Extracts'.

Diferentes preparados de crema solar con auga termal da fonte do Tinteiro (Ourense)
Diferentes preparados de crema solar con auga termal da fonte do Tinteiro (Ourense) | Fonte: Balboa et al., Cosmetics 2017, 4, 19.

O obxectivo das científicas foi avaliar as propiedades sensoriais e a estabilidade oxidativa dunha crema solar elaborada con catro aguas termais de Ourense e un extracto de algas pardas e almacenada en condicións de uso doméstico.

En concreto, as investigadoras experimentaron con augas termais de catro fontes diferentes da cidade de Ourense: As Burgas, A Chavasqueira, O Tinteiro e Muíño da Veiga. As augas termais foron analizadas para determinar a súa aptitude como compoñente principal da fase acuosa e o extracto de algas engadiuse como antioxidante no canto de usar conservantes sintéticos na fórmula cosmética.

O extracto de Sargassum muticum utilizado como ingrediente antioxidante obtívose mediante a extracción e fraccionamiento de algas pardas recollidas na praia da Mourisca, no barrio vigués de Alcabre.

Nas probas sensoriais realizadas con varias cremas solares elaboradas con distintos ingredientes, revelouse que os consumidores preferiron as cremas solares preparadas co extracto de Sargassum muticum e auga termal do Tinteiro —a mellor valorada— e da Chavasqueira. Ademais, o pH das cremas solares variou coa selección dos ingredientes, e non se observaron visualmente oscilacións nos valores colorimétricos.

Os resultados levan aos científicos a propoñer o uso combinado de extractos de algas e augas termais de Ourense como ingredientes cosméticos e, en concreto, para a elaboración de cremas solares, xa que se mostraron eficaces como ingredientes antioxidantes e as cremas solares creadas no laboratorio foron ben aceptadas polos consumidores.

As autoras do estudo son Elena Balboa, Enma Conde, Astrid Constenla, Elena Falqué e Herminia Domínguez, da Facultade de Ciencias e do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo en Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta