Outro manifesto de Vidán pide rexeneración política en Podemos Galicia

Os críticos reclámanlle a Carmen Santos que realice os cambios aprobados na asemblea de Vistalegre II. A dirección denuncia que detrás destes documentos están os “mesmos de sempre”, os que "xa deron un golpe de estado” contra o anterior secretario xeral, Breogán Riobóo.

Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 23/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Seguen as augas moi revoltas en Podemos Galicia. Cando aínda non se curaron as feridas do último enfrontamento entre “pablistas” e “errejonistas”, un total de 32 militantes de Podemos Galicia dos Círculos de A Coruña Peixaría-Monte Alto, A coruña Castrillón Monelos, Vigo Oeste, Sanxenxo, Ourense, Cangas, Sectorial do Mar, Soutomaior, Vilanova de Arousa, Ames, Ferrol, Fene e Arzúa asinan un documento, rubricado o pasado 17 de xuño nun coñecido restaurante de Santiago, e que xa se coñece como Manifesto de Vidán

Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia
Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia

Un manifesto que nada ten que ver no fondo, pero si nas formas, co “Chamamento de Vidán”, que no seu día asinaron destacados dirixentes do BNG como Ana Miranda, Carme Adán, Xavier Vence, Tereixa Paz ou Alba Nogueira –hoxe todos desvinculados da primeira liña política, agás Ana Miranda-- e no que reclamaban un xiro na estratexia do BNG e das mareas. E o certo é que no novo “manifesto de Vidán” pide tamén un xiro político, pero dentro de Podemos Galicia.

Así, este documento, ao que tivo acceso GC, está apoiado por algún militante destacado de Podemos Galicia, como é o deputado galego Pancho Casal. Tamén apoia o texto a Secretaria Xeral de Podemos A Coruña, Isabel Faraldo; o secretario xeral de Podemos-Arzúa, Xosé Zapata, ou os críticos de Xuntos Podemos, entre outros. E, entre as principais críticas que se fan, é que a dirección de Podemos Galicia non adaptou os textos aprobados na asemblea Vistalegre II. 

“Unha vez rematado o prazo de adaptación a Vistalegre II en Podemos, ou non houbo adaptación dos documentos e das estruturas orgánicas ou, se as houbo, non nos enteramos en absoluto pois non se facilitou a participación da militancia e non se informou en absoluto deste proceso se de verdade se produciu”, recolle este documento.

"Render contas"

Por iso, estes críticos consideran “imprescindible” a rendición de contas do Consello de Coordinación e do CCA de Galicia ante todos os militantes nunha sesión plenaria. “Rexeitamos da maneira máis contundente posible a utilización política da Comisión de Garantías de Galicia”, recollen e piden “informacón clara e verificable” da formación da mesma, do seu cumprimento do esixido por Vistalegre II na súa composición e da independencia e secuencialidade do momento de tramitar os procedementos e denuncias que chegan á mesma.

Carmen Santos, xunto con Breogán Riobóo e Pablo Iglesias
Carmen Santos, xunto con Breogán Riobóo e Pablo Iglesias

Ademais,  apostan por potenciar a existencia de “círculos fortes” tentando cubrir todo o territorio galego “facilitando o seu desenvolvemento autónomo e motivador para traballar nos asuntos que, de verdade, interesan e preocupan á cidadanía” e “respectando ao máximo a autonomía dos mesmos”. “É imprescindible e obrigado que os cargos institucionais e orgánicos participen na vida dos círculos”, recolle o documento. Tamén critican as estratexias “que se basean en listas de poder” e apostan por poñer en marcha un “debate profundo” sobre os retos políticos de 2018 e 2019. 

Ao mesmo tempo que piden que cesen “as opinón impropias, degradantes ou insultantes” cara a militantes e a non “levar estes debates aos medios públicos”. “Non somos inocentes e sabemos que sempre haberá filtracións das nosas redes internas e asembleas aos medios. Ante isto as respostas deberían ser sempre: 'O asunto que menciona trátase a nivel interno e non ten especial interese para a cidadanía' ou algo similar. Porque é verdade que á xente non lle interesan estes asuntos, só lle interesan a certos medios”, sinala o documento.

Finalmente, os asinantes do documento anuncian a realización dunha nova xuntanza en dúas ou tres semanas para afondar nos “obxectivos descritos”. Os militantes impulsores desta iniciativa manterán un gran encontro en setembo, ao que agardan que acudan máis xentes dos círculos de Podemos, para analizar as achegas dos militantes.

Os cambios, "xa se están facendo"

Pola súa banda, desde a organización en Galicia rexeitan as reclamacións destes militantes. Así, en declaracións a GC, o secretario de Organización de Podemos Galicia, Juán Merlo, destaca que en Vistalegre II esta formación política dotouse dun novo marco organizativo no que se definían as estruturas autonómicas e dos círculos. 

O pasado 12 de febreiro constituíuse unha comisión formada polos secretarios de organización territorias, a Comisión de Garantías e o secretario de Organización de Podemos, Pablo Echenique,  na que “se puxeron enriba da mesa” todos os documentos de todos os territorios. “E aí se avaliaron os documentos que había que modificar”, apunta Merlo. Só se acordou abrir procesos en determinadas zonas, como en Valencia, Extremadura ou Castela A Mancha, pero non en Galicia.

Neste sentido, suliña que as únicas incorporacións para ser adaptadas polas organizacións territorias acordadas en Vistalegre II foron a creación dunha Secretaría de Feminismo e outra de Acción Institucional. “A primeira xa viña incorporada nos nosos documentos”, apunta Merlo que aclara que, en todo caso, o nomeamento dun secretario para estes órganos “non require modificar estatutos en Galicia”.

En Vistalegre II tamén se recolle a creación de coordinadoras comarcais, por se non hai posibildiade de ter “círculos potentes”. “Pero nós en Galicia xa tiñamos un órgano semellante, os intercírculos comarcais e, por iso, a Comisión de Garantías estatal considerou que non había que adaptar esa estrutura porque xa existía”, sinala Juan Merlo.

Críticas

Por iso, o secretario de Organización de Podemos Galicia carga contra “este pequeno grupo de militantes” que, lembra, “son os mesmos de sempre” que levan facendo “campañas de desgaste e difamación” e “os mesmos que xa impulsaron un golpe de Estado contra o anterior secretario xeral”, di en alusión a Breogán Riobóo. “O máis grave é que 32 persoas queren reabrir un debate cando miles de inscritos xa nos deron un marco legal en Vistalegre II”, asegura. 

Sen embargo, fontes do sector crítico consultadas por GC apuntan que tanto Carmen Santos como os seus afíns están “destrozando” este partido en Galicia, “sen importarlles o que din os estatutos ou os seus órganos” porque, aseguran, "os utilizan para os seus fins".

Asemblea de Podemos en Vistalegre
Asemblea de Podemos en Vistalegre
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Ireneo

A ver, non vos equivocariades de sección e isto non será de GC Today?

4 anonimo

Probiños, son só 32 e no poden ser eles quenes utilicen os órganos de Podemos no seu beneficio. Que se presenten ás primarias para as municipais. Se hai primarias, claro.

3 Troski

Ola son Troski. Ah, eu tamén me chamo Trotski. Chamabademe? Eu tamén son Troski.

2 vidan cenaculo da traizon

miren si o vello -Vieiras anda detrás desa renovación en podreiros... agora e xa marea mareada de tartufos e de paiasos fascistas o servizo de expaña, caeron en reformismo, en autentico puterio socialdemócrata, venderonse por pouco, os deputados de podreiros soamente pensan nos seus cartos e emonumentos como a ínclita ferrola que foi a defender a expaña desde o parlamento expañol, asi... asi é como trunfa o real Madrid o chourizo de cantimpalo... agora un grupúsculo en cenáculo perverso intenta rirse das bases (xa se están rindo moito) os círculos podreiros xa son un triangulo de autentica mandamasia no vértice o Waldo das jons (PABLEIRAS) abaixo o cipaio do vello -Vieiras, despois esta podreiros expaña e os anovados tamen están outras farándulas como o ferruxe o kunfu-panda de xeira e outras excrecencias traidoras... CAERON EN EXPAÑA... INCLUSO ALGUNS CAERON NA PUÑETA DA VIRXE MARIA!!!!

1 Eu mesmo

Ao tal Pancho Casal, deputado en Compostela!!!, que lle den unhas aulas de galego, que falta lle fai...

1 anonimo

No se si te estará por la labor, que te es muy dificultoso aprender el gallego, si aún te fuera el inglés...