A maioría dos traumatismos de medula espiñal dáse en homes e son causados por caídas

Nas dúas últimas décadas creceu a media de idade dos lesionados, de 46,40 a 56,54 anos, e diminuíron case a metade os casos por accidente de tráfico á vez que aumentaron os causados por caídas, segundo un estudo feito na Coruña e publicado polo prestixioso grupo Nature.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/07/2017 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

A maioría dos casos en Galicia de lesións por traumatismo da medula espiñal danse en homes maiores de 50 anos. E a principal causa da lesión son as caídas. Así o revela un estudo feito por investigadores da Coruña da Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario (CHUAC), do Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC) e do Departamento de Medicina da Universidade herculina.

O actor Christopher Reeve foi famoso polo seu papel de Superman, pero tamén pola súa loita a prol da investigación con células nai logo de sufrir un accidente a cabalo que lle afectou a medula espiñal
O actor Christopher Reeve foi famoso polo seu papel de Superman, pero tamén pola súa loita a prol da investigación con células nai logo de sufrir un accidente a cabalo que lle afectou a medula espiñal | Fonte: Wikipedia.

Os investigadores fixeron un estudo observacional con monitoreo prospectivo e retrospectivo. para describir as características epidemiolóxicas e demográficas da lesión traumática da medula espiñal e analizar os seus cambios epidemiolóxicos. O estudo incluíu a pacientes con este tipo de lesións que foran hospitalizados entre xaneiro de 1995 e decembro de 2014 na Unidade de Lesións Medulares do CHUAC

Un total de 1.195 pacientes con lesión por traumatismo na medula espiñal foron admitidos entre 1995 e 2014. Destes, un 76,4% foron homes e 23,6% mulleres. A idade media do paciente por esta lesión foi de 50,20 anos.

A taxa bruta de incidencia anual foi de 2,17 casos por 100.000 habitantes, diminuíndo significativamente ao longo do tempo.

As causas de lesións foron, de media en todo o período analizado e por esta orde: caídas (54,2%), accidentes de tráfico (37%), accidentes relacionados co deporte/lecer (3,5%) e outras causas traumáticas (5,3%). E o nivel neurolóxico máis comunmente afectado foi o cervical (54,9%). 

Os investigadores tamén atoparon que a idade media do paciente aumentou significativamente ao longo do tempo (de 46,40 a 56,54 anos) e o número de casos relacionados con accidentes de tráfico diminuíu (de 44,5% a 23,7%), mentres que os relacionados con caídas aumentaron do 46,9% ao 65,6% en 2014.

Os autores deste traballo comprobaron así que a taxa de incidencia dos traumatismos de medula espiñal tende a diminuír progresivamente, a idade media do paciente aumenta co tempo e os niveis cervicais C1-C4 son actualmente os máis afectados. 

Os resultados deste estudo publícanse na revista Spinal Cord que edita o prestixioso grupo Nature, nun artigo titulado 'Epidemiology of traumatic spinal cord injury in Galicia, Spain: trends over a 20-year period'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta