Galicia, terceira comunidade máis emprendedora no sector bio

Case a metade das empresas galegas de biotecnoloxía naceron nos últimos cinco anos, segundo o Informe Biotech, presentado en Santiago de Compostela no BioSpeed Dating 2017.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2017 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma máis emprendedora no sector bio. Así se desprende dos datos do Informe Biotech 2015, presentado en Santiago de Compostela no BioSpeed Dating 2017.

Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía
Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía | Fonte: www.emaze.com

En concreto, "case a metade das empresas galegas de biotecnoloxía naceron nos últimos cinco anos" e os datos "mostran o potencial e o rápido crecemento do sector" en Galicia, segundo destacou Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación.

O sector emprega a máis de 2.100 persoas e en 2014 xerou uns ingresos de 217 millóns de euros. De 2011 a 2014 estes ingresos creceron un 27,7%.

A biotecnoloxía xera ao redor do 38% das publicacións científicas de Galicia e un terzo das empresas bio son spin-off das universidades e fundacións sanitarias. Así mesmo, a comunidade investiu en I+D biotecnolóxica 64,5 millóns de euros en 2014.

Ao redor de 40 axentes protagonistas dos sectores biotecnolóxico e da saúde de Galicia citáronse en BioSpeed Dating 2017. Alí, a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), Carme Pampín destacou que este tipo de citas incentivan "a necesidade de atopar a media laranxa", apostando pola colaboración entre sectores como vía para facer da biotecnoloxía protagonista no novo modelo produtivo de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta