Unanimidade do Parlamento para reclamar que se manteña a marca Pastor

Os grupos apoian compensacións para os pequenos accionistas, solicitan a continuidade da Fundación Barrié e reclaman unha investigación das ampliacións de capital e emisións de accións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2017 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

Os catro grupos políticos con representación no Parlamento galego apoiaron unha proposición non de lei para reclamar que o Banco Santander, novo propietario do Banco Popular, manteña a "condición xurídica de filial integrada dentro do grupo bancario" do Pastor e solicitar aos órganos de supervisión unha investigación das últimas ampliacións de capital e emisións de accións.

Unha sucursal do Banco Pastor
Unha sucursal do Banco Pastor | Fonte: Europa Press

A proposición non de lei impulsada por En Marea foi negociada sobre unha emenda do PP e recibiu o apoio unánime tamén do PSdeG e do BNG. O texto final, ademais de instar á Xunta a defender a supervivencia da marca Pastor, tamén aposta por manifestar a solidariedade cos traballadores dese banco, a súa fundación e as numerosas empresas auxiliares, así como cos afectados pola extinción do Popular, coa clientela e co accionariado.

As catro forzas políticas tamén apostan pola investigación das últimas ampliacións de capital e emisións de accións para determinar se os subscritores contaron con información "clara, nítida e precisa" para os seus investimentos.

Así mesmo, pretenden que se solicite á dirección do Banco Santander a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas do Pastor, cunha "especial consideración" cos que accederon á última ampliación de capital, de maneira que "poidan recuperar o seu investimento".

A Cámara galega quere buscar "o menor impacto posible" tanto sobre o emprego como sobre a concesión de crédito e convida a que os "axustes" que haxa que facer sexan "co maior acordo posible e defendendo os intereses dos traballadores no campo das competencias que ten a Xunta".

Outro dos puntos do acordo parlamentario reclama que o novo propietario do Pastor manteña os compromisos que no seu momento adquiriu o Popular coa Fundación Barrié para que poida seguir co seu labor social e cultural "con recursos suficientes".

DETERMINAR SE HOUBO ESTAFA

O deputado de En Marea, Antón Sánchez, que foi o encargado de defender a proposición non de lei impulsada polo seu grupo parlamentario, convidou a reflexionar sobre "que está a fallar nos mecanismos de supervisión e na protección" dos pequenos investidores, que "fallan unha e outra vez".

A xuízo de En Marea, da compra do Banco Popular polo Santander por un só euro derívanse "tres urxencias": protexer o emprego despois do "axuste de persoal moi grande" que xa se practicou, preservar a actividade da obra social da Fundación Barrié e aclarar se houbo "enganos" aos pequenos accionistas. Antón Sánchez referiuse a eles como "hipotéticos estafados" e apuntou que cre que "hai indicios" de que sí o foron.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, explicou a emenda promovida polo seu partido e referiuse a un acordo aprobado no Concello da Coruña. Ademais, apelou a chegar a un acordo tamén no Parlamento autonómico entre as diversas forzas, dado que comparten "unha serie de preocupacións" e desta forma dáse "un bo sinal" a todos os afectados.

Polo PSdeG, Abel Losada deixou constancia da súa "perplexidade constante" ante "a ficción da regulación e a supervisión bancaria", dada a súa "falta de aproximación á realidade". Así mesmo, aludiu á "coacción" sobre traballadores do Popular para comprar accións do banco e rexeitou que a iniciativa parlamentaria aprobada leve tamén unha defensa dos grandes investidores.

Finalmente, a deputada do BNG Noa Presas ironizou con que "está ben" que o PP apoie esta iniciativa e non se ampare en que Galicia non ten competencias. Tamén advertiu de que esta pode ser "unha nova estafa para moitas persoas" e alertou contra os riscos que leva a exclusión financeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta