Inhabilitados dous alcaldes do PPdeG, os de Palas e Vilariño de Conso

Ao de Palas condenano a 9 anos de inhabilitación por prevaricación e 15 meses de prisión por acoso, e ao de Vilariño de Conso a 7 anos de inhabilitación tamén por prevaricar.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 20/07/2017 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

A xustiza acaba de condenar a dous alcaldes do Partido Popular de Galicia a sendas inhabilitacións por prevaricación no cargo e, a un deles, o rexedor de Palas, a 15 meses de prisión por acoso.  Uns feitos que provocarán cambios nestes dous concellos xa que, ademais, dos alcaldes, tamén foron condenados outros edís.

Ventura Sierra, alcalde de Vilariño de Conso
Ventura Sierra, alcalde de Vilariño de Conso | Fonte: EP

Así, a Audiencia Provincial de Lugo condenou ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada a nove anos de inhabilitación por un delito de prevaricación e outro quince meses de prisión por un delito de acoso laboral á secretaria municipal, Celia González Vázquez. Ademais, tamén foron condenados outros funcionarios e edís do PP, entre eles o exalcalde Fernando Pensado, ao que o xulgado impuxo unha pena de oito anos de inhabilitación e quince meses de prisión por acoso.

O xulgado considera probado que Celia González Vázquez sufriu acoso laboral desde a súa designación como secretaria municipal en 2007 por parte dun grupo de edís do PP durante o mandato de Fernando Pensado, un comportamento que se mantivo cando Pablo Taboada accedeu ao cargo de rexedor en 2011.

Así mesmo, falla que Taboada, sendo xa alcalde de Palas, convocou un pleno extraordinario o día 30 de abril de 2014 "cuxa única finalidade era acordar a sanción de destitución da secretaria", "a propósito" de que o órgano da corporación local "non era en ningún caso competente para impor" a dita sanción a González Vázquez.

Ademais das penas de inhabilitación e cárcere para Pensado e Taboada --que se apartou "temporalmente" do PP ata coñecerse a resolución xudicial--, o xulgado tamén impón aos condenados o pago "de maneira conxunta e solidaria" dunha indemnización de 12.000 euros á secretaria.

Vilariño de Conso

Por outra banda, o alcalde de Vilariño de Conso (Ourense), Ventura Sierra (PP), dimitiu este xoves do seu cargo en cumprimento dunha sentenza da Audiencia Provincial que o inhabilita para exercer un emprego ou cargo público durante sete anos por prevaricación, ao aprobar 29 contratos temporais no Concello entre os anos 2012 e 2013.

Nun pleno extraordinario celebrado este xoves que non contou coa asistencia do edil; Ventura Sierra pasou o bastón de mando á actual tenente alcalde, Melissa Macía, que exercerá como alcaldesa en funcións ata o pleno de investidura, que terá lugar dentro de dez días, segundo confirmaron fontes municipais consultadas por Europa Press.

Nese pleno o PP imporá ao seu candidato, xa que conta con maioría absoluta: catro concelleiros, fronte ao tres da Agrupación Independente de Vilariño de Conso (AIVIC).

37 anos de alcalde

Ventura Sierra estivo preto de 34 anos á fronte deste concello do oriente ourensán en tres etapas. A primeira delas en 1979, cando se presentou polo PSOE, e ata 1995, ano no que cambiou as filas socialistas polo PP. Tras un ano fóra do goberno, volveu recuperar a Alcaldía grazas ao voto dun tránsfuga, e mantívose no cargo ata o ano 2007, cando foi desbancado por unha coalición entre o PSOE e o BNG.

As desavinzas entre ambos os grupos propiciaron o seu regreso como primeiro edil en 2009 ata a súa dimisión deste xoves.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Amóñimo

Sobran moitos alcaldes prevaricadores. Fusión de Concellos. Supresión de Deputacións Provinciais. A buscar traballo como facemos o resto dos mortos de fame.

2 Xinzo

No xornal La Voz de Galicia, o que máis subvencións recibe da Xunta do PP, non aparece a que partido político pertencen os condenados pola Xustiza

1 Gamela

cómpre asumir dunha vez a limitación de mandatos a 8 anos (dúas lexislaturas) e punto final; o de Vigo leva 10 anos e pretende chegar aos 20 (se non o leva o vento antes!)

1 Gamela

claro que algúns "prevarican" moito antes de ser alcaldes...! https://twitter.com/Gamela2017/stat...