Temas: FEIJóO 25X

Feijóo aposta polo "modelo galego" para non "menoscabar a unidade do país"

Critica as "decisións irreflexivas" de dirixentes que levan a comunidades e estados a "desarborar a súa cohesión social". "O galego non quere que os seus dirixentes sexan profetas ou salvadores, senón bos xestores dos intereses comúns e atentos", asegura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2017 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindica a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia "para actuar sen menoscabar a unidade esencial do país" con motivo da celebración do 25 de xullo, Día de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. | Fonte: Europa Press

"A pregunta esencial que hai que facerse neste 25 de xullo non é se Galicia ten problemas, que os ten, senón se conta con ferramentas para facerlles fronte. A resposta é que si", destaca Feijóo nun artigo titulado 'Galicia, un bo modelo' con motivo do Día de Galicia.

Neste sentido, incide o mandatario autonómico en que "a Galicia do século XXI forma parte dun dos estados máis poderosos e respectados do mundo, dotado dunha estrutura autonómica que garante os dereitos dos cidadáns e os pobos que o compoñen". "Galicia é España. Galicia tamén é Europa, e participa con dereitos e deberes na realización dunha das ideas máis grandiosas da historia", abunda.

Núñez Feijóo considera que "lonxe quedan as épocas nas que Galicia tiña que inspirarse en modelos alleos para imaxinar o seu futuro". "Hoxe o pobo galego marca o seu rumbo, determina as súas prioridades e define as regras de convivencia", expón.

"Galicia achega o seu modo de ser á España da que formamos parte, defende a Unión Europea que nos fixo e fainos máis prósperos e participa no mundo globalizado que é contemporáneo", destaca o mandatario galego no seu artigo. "Nada diso fixo perder a nosa identidade porque, por fortuna, estamos a ser quen de aproveitar a capacidade que agora temos para rexer o noso destino", sostén.

Neste sentido, o titular da Xunta fai fincapé en que non coñece "ningún tempo pasado que fose mellor ao da Galicia constitucional e autonómica". "Constitución e Estatuto forman xuntos unha fórmula maxistral que permite espertar do soño e iniciar un Rexurdimento sen precedentes, do que ninguén está excluído e que non paga o prezo da fractura social. Galicia avanza, pero sobre todo avanza unida", resalta.

"Os galegos somos o mellor modelo para os galegos", considera Feijóo no seu artigo con motivo do Día de Galicia, no que precisa que a "sabedoría que atesoura" a xente da comunidade "é suficiente para impulsar o país sen traumas e con certezas".

Por iso, considera o presidente autonómico que "acerta" o pobo galego "cando ve na España democrática a mellor garantía das liberdades galegas". "Acerta cando abraza o ideal europeísta, forxado durante séculos no Camiño de Santiago. Acerta cando aproveita o mundo global para abrir as portas ao investidor, e abrir novas rutas aos emprendedores galegos", sostén Feijóo.

"Acerta cando non identifica pluralidade con conflito permanente, nin a necesaria rebeldía con destrución, nin a innovación con menosprezo á tradición. Acerta, en suma, cando non renuncia a ser como é", sentencia o presidente galego.

"VENTOS DESFAVORABLES"

No seu artigo, o mandatario autonómico comenta que "a Galicia mariñeira sabe que ningún vento é favorable para quen non sabe onde ir". "Estamos vendo mesmo exemplos de comunidades e estados que, debido a decisións irreflexivas dos seus dirixentes, teiman en buscar ventos desfavorables que están desarborando a súa cohesión social", afirma.

Por iso, defende que "Galicia optou democraticamente por outro camiño en que as aventuras pouco meditadas son substituídas por logros reais que repercuten na vida da xente". "O galego non quere que os seus dirixentes sexan profetas ou salvadores, senón bos xestores dos intereses comúns e atentos intérpretes da identidade plural", subliña Feijóo.

Temas: FEIJóO 25X
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Loo

El modelo gallego afiliate al pp si quieres trabajar y sino te mueres de hambre ese es el modelo Feijóo el enchufismo opositores afiliados al pp y ya vereis como sacáis plaza