A empresa do alcalde detido por explotar emigrantes logrou contratas da Xunta para acompañar anciáns

A Xunta di que o servizo 065, para trasladar maiores e discapacitados, está na Xustiza. Empresa Gavilanes, do alcalde de Xunqueira de Ambía, gañou nos últimos anos polo menos dúas contratas cos servizos sociais da Xunta de Galicia para este servizo. A Policía detivo a pasada semana ao edil, José Luís Gavilanes, e ao seu fillo, Antonio, acusados de teren emigrantes traballando sen contrato nesa empresa.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 02/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

José Luís foi o administrador de Empresa Gavilanes até 2016, cargo que agora ocupa Antonio, segundo o Rexistro Mercantil..

Autobús de Empresa Gavilanes
Autobús de Empresa Gavilanes | Fonte: Glen Wallace wikimedia

Os dous quedaron libres, pero a Brigada de Estranxeiría acúsaos dun delito contra os cidadáns estranxeiros.  A Policía ten vídeos de tres emigrantes que din estaban a traballar sen contrato para o alcalde a súa contorna familiar. 

Entre as tarefas que farían ilegalmente os emigrantes, estarían a limpeza de autobuses e o acompañamento de persoas maiores. Esas tarefas coinciden coas incluídas nos contratos públicos que gañou en concurso da Xunta a citada compañía do político do PPdeG.

Resposta da Xunta de Galicia

Empresa Gavilanes SL conseguiu en 2014 polo menos dúas contratas da Xunta para o transporte de maiores e dependentes.  É , polo tanto, posible que os emigrantes se estiveran a encargar de coidar anciáns e dependentes traballando, aínda que indirectamente, para a Xunta?

Gavilanes Losada, á dereita, durante unha visita de representantes da Xunta ao albergue de Xunqueira de Ambía
Gavilanes Losada, á dereita, durante unha visita de representantes da Xunta ao albergue de Xunqueira de Ambía | Fonte: xunta.gal

“Na Consellería non hai constancia da situación; e nin Policía nin Xulgado se teñen posto en contacto coa Consellería”, responden fontes oficiais da Consellería de Política Social.

Ademais, esta Administración, consultada por GC sobre a detención do contratista, engade que “as diferenzas entre as empresas que se encargan do servizo do 065 están sendo sustanciadas ante o Tribunal Administrativo de Recursos Contractuales, polo que non se producirá ningunha adxudicación ata que se pronuncie dito tribunal".

O 65 é o  Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia (SGAMP-065).

Contratos da Consellería e do Consorcio de servizos sociais

Empresa Gavilanes participou nunha unión temporal de empresas que gañou o lote de Pontevedra concurso do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o “apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes”. De acordo a adxudicación deste concurso, a UTE obvtivo a concesión por 626.119,20 euros.

Ademais, a empresa dos detidos participou noutra UTE que gañou outro concurso da Consellería de Traballo , tamén para o traslado de discapacitados e dependentes. En concreto, fíxose co lote de Ourense canda ASPANAS Termal e Autocares Losada en 2014 por 926.471,17 euros.

GC solicitou unha valoración da coa Consellería de Política Social ante estes feitos. Dende a Xunta responden que nin a Brigada de Estranxeiría nin o Xulgado se puxeron polo de agora en contacto con eles. En todo caso, o Goberno deixa claro que “esta Consellería terá a máxima colaboración coa administración de Xustiza”.

Feijóo estrañado porque se saiba tanto do caso

A nivel político, o PP, polo de agora, respalda ao alcalde. O presidente da Xunta mesmo se mostrou estrañado de que se coñezan tantos detalles da investigación, da que aseguran que hai vídeos e fotografías probatorias produto de meses de indagacións. Pola súa banda, o presidente da Deputación e líder do PP de Ourense aludiu á presunción de inocencia para non tomar medidas.

O cargo público investigado defende con rotundidade a súa inocencia. "Non son un delincuente, nin me dedico a explotar á persoas” respondeu a Europa Press.

De acordo a súa versión, a súa familia (a súa muller tamén foi detida) “ofreceulles axuda humanitaria a cambio de nada" a través de Cáritas e asociacións de inmigrantes. 

Fíxeno por altruismo, di o alcalde

O edil asegura que “en ningún caso” estivo traballando ninguén na súa empresa de transportes, o que contradí a versión da Policia Nacional trasladada ao xulgado. Na súa opinión, a operación só e unha iniciativa dalgún funcionario que busca unha medalla. Eles, asegura, só quixeron axudar aos inmigrantes.

Os tres investigados declararán proximamente ante o xuíz. Máis complicado pode ser que declaren os emigrantes. Un deles xa foi expulsado e os outros dous teñen trámites abertos para  seren botados tamén do Estado. 

Por outro lado, Empresa Gavilanes, ademais, acaba de gañar unha das primeiras adxudicacións do novo plan de transporte da Xunta.

Á esquerda, o tamén investigado Antonio Gavilanes nunha foto cando era presidente do Club Ourense Baloncesto
Á esquerda, o tamén investigado Antonio Gavilanes nunha foto cando era presidente do Club Ourense Baloncesto | Fonte: @COBSADo consello
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 NEGRO PRISION BLUES

O do presidente da untada da malicia (MASA FEIJO) e moito... que favores debe o alcalducho cucurucho (CABAÑA DO TIO TOM)... e moito por onde pasa o pepeiro sementan a destrucción da democracia, sementan a desgracia, e falando de altruanismo e cousas asi... que caradurecios... lembrades as barbaridades que dixeron do caso dos paneis de Ourense... despois de pasar por un monton de tribunais e ser masacrados sairon todos libres, non tiñan culpa... que barbaridades señores Pepeiros, MENUDA TROPA - https://www.youtube.com/watch?v=InG...

2 albertossi

Balóns fora, "extrañezas", "colaboración coa xustiza"... en calquera prego de condicións dun contrato público consta que o contratista debe cumplir coas normativa laboral e non facelo e causa de rescisión automática do contrato...pero na Galiza semella mais que temos acordos mafiosos que contratos públicos

1 morroqueespalda

Se o traballo o fan inmigrantes sen cobrar, así calquera gaña un concurso.