Un fallo informático do sistema xudicial galego permite ver e modificar os procesos penais

A central sindical CSIF sostén que este problema "implica un atentado" contra a intimidade e a confidencialidade dos datos persoais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2017 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

A área de Xustiza da Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) denunciou ante a Dirección Xeral de Xustiza os "graves fallos" de seguridade detectados este xoves e este venres no sistema informático xudicial galego —denominado 'Minerva'—. Este problema permite aos funcionarios acceder a todos os procesos penais e civís en fase de instrución e mesmo modificalos.

Xulgados.
Xulgados.

O sindicato "esixe" que se adopten medidas para resolver o problema e protexer de posibles modificacións estes documentos —informes, escritos, resolucións ou declaracións manexados, entre outros— polos Xulgados e que se comprobe o alcance do fallo nos órganos xudiciais de Galicia.

O organismo advertiu do "atentado contra a intimidade" e a "confidencialidade" das persoas, dereitos recollidos na Lei Orgánica de Protección de Datos. Estes datos persoais, informou, suprímense no formato impreso pero non no informático.

A CSIF alertou tamén do "risco" que isto implica "para a vida e integridade" dos individuos en situación "de vulnerabilidade", en procesos de agresión sexual, de violencia de xénero ou con menores, ou mesmo daquelas declaradas testemuñas protexidas.

Ademais, con este "buraco na seguridade", os funcionarios doutros órganos xudiciais poden ver e modificar os procesos penais, reservados "por lei" agás para as partes implicadas. O organismo lembrou tamén a "gravidade" dalgunhas causas dos xulgados afectados, que cualifica de "moi mediáticas".

"NON É A PRIMEIRA VEZ"

O sindicato informou de que o fallo afecta tamén a outras comunidades que utilizan o sistema Minerva —como é o caso de Murcia-— e recordou que "non é a primeira vez" que se detectan fallos neste con risco de fuga de datos.

Así, segundo lembra, a Axencia Española de Protección de Datos (AGPD) "xa sancionou" en 2011 á Xunta e "instoulle" a adoptar medidas de seguridade para evitar estes problemas. Ante isto, a CSIF declarou que "descoñece se a Administración implementou tales medidas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta