“O parque eólico Mouriños segue os máis estritos criterios ambientais e patrimoniais”

Gas Natural Fenosa responde as críticas ao proxecto eólico deseñado para a súa instalación na Costa da Morte e defende a súa legalidade e oportunidade. A compañía asegura a GC que estará "moi pendente de toda a información que se reciba durante a fase de información pública".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/08/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Gas Natural Fenosa decidiu saír ao paso das críticas, alegacións e movementos de distintas organizacións e asociacións do país que veñen cuestionando o proxecto do parque eólico Mouriños, que se instalaría na Costa da Morte, na Serra do Gontón. A versión da compañía é clara e así lla fixo chegar a este xornal: "O proxecto do parque eólico de Mouriños foi deseñado seguindo os máis estritos criterios ambientais e patrimoniais, tanto desde o punto de vista da normativa que lle é de aplicación nesta comunidade autónoma, como o respecto cara á preservación da contorna no que está implantado".

Vistas do esteiro do Anllóns dende o Miradoiro do Pico de Sinde, afectado polo parque eólico Mouriños
Vistas do esteiro do Anllóns dende o Miradoiro do Pico de Sinde, afectado polo parque eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

A empresa lembra, ademais, que a zona na que se pretende instalar o parque eólico, nos concellos de Zas e Cabana de Bergantiños, "atópase incluída dentro do Plan Sectorial Eólico de Galicia para o aproveitamento enerxético dun recurso renovable: o vento".

Deste xeito, Gas Natural Fenosa defende a legalidade e oportunidade do proxecto neste preciso momento no que está en marcha o proceso administrativo de información pública. Calquera interesado pode presentar alegacións a este parque eólico até o 17 de agosto, en calquera rexistro público.

REVISIÓNS SECTORIAIS

Con carácter xeral, Gas Natural Fenosa recorda que durante o proceso de autorización administrativa dunha instalación eólica a documentación presentada é "obxecto de revisións sectoriais por numerosos organismos competentes en distintas materias relacionadas co medio ambiente, entre outras, o que garante que a instalación renovable é compatible cos valores propios de cada zona".

No caso do parque eólico Mouriños, a compañía salienta que foron "varios departamentos da Xunta de Galicia" os implicados neste proceso: "Patrimonio Cultural e Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Saúde Pública", ademais de "Concellos e Seguridade Aérea", enumera a compañía.

PENDENTES DA INFORMACIÓN QUE RECIBAN

Con todo, Gas Natural Fenosa asegura que está aberta ás achegas que se fagan neste proceso de fase de información pública e alegacións por parte de calquera axente interesado. De momento, o proxecto recibirá alegacións da Sociedade Galega de Historia Natural e das asociacións ecoloxistas Salvemos Cabana e Arco Iris; ademais, varias organizacións lideradas por Petón do Lobo asinaron o chamado Manifesto de Laxe, que se remitirá á Xunta e que "recolle o rexeitamento da cidadanía dos municipios de Laxe e Cabana de Bergantiños aos parques eólicos de Pena Forcada-Catasol II e Mouriños".

"Como non pode ser doutro xeito, Gas Natural Fenosa Renovables estará moi pendente de toda a información que se reciba durante a fase de información pública, co obxecto de achegar a información, detalle e respostas que se requiran por todos os axentes que participen no devandito trámite administrativo", declara a compañía a GC.

CRÍTICAS E ALEGACIÓNS AO PROXECTO

A instalación deste parque eólico na comarca de Bergantiños acendeu as alarmas entre varios colectivos, principalmente ecoloxistas, e suscitou moitas críticas e alegacións que se están a presentar nesta fase de información pública.

Salvemos Cabana, que traballa nas alegacións que presentará a este parque, ten alertado nas últimas semanas do impacto paisaxístico, ambiental e patrimonial que tería esta instalación na zona. A asociación ecoloxísta tamén advertiu de que a instalación podería poñer en perigo especies tan vulnerables como a escribenta das canaveiras, en proceso de recuperación, e denunciou que Gas Natural Fenosa só dedicou tres días a estudar as especies de aves e morcegos afectadas polo proxecto eólico

A Sociedade Galega de Historia Natural tamén tomou parte neste asunto e cualificou de "nefasta" a avaliación de impacto ambiental do parque eólico Mouriños. "Lamentablemente, o proxecto de P.E. Mouriños continúa coa 'tradición' da mala, ou nefasta, avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos en Galicia", expresaron desde a SGHN, que xa presentou á Xunta as súas alegacións a este proxecto.

Outra asociación ecoloxísta que se involucrou é Arco Iris, que tamén presentou as súas alegacións contra este parque, porque causaría "impactos paisaxístico-ambientais" na zona, onde se sitúan espazos naturais protexidos como o esteiro do río Anllóns. 

Á par, vén de presentarse o Manifesto de Laxe, artellado por varias asociacións da comarca de Bergantiños, encabezadas pola Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo. O manifesto é un documento que "recolle o rexeitamento da cidadanía dos municipios de Laxe e Cabana de Bergantiños aos parques eólicos de Pena Forcada-Catasol II e Mouriños". Os asinantes piden unha "revisión do plan sectorial eólico co fin de que precise máis a delimitación das áreas de aproveitamento eólico, tendo en conta criterios paisaxísticos na planificación das mesmas". Tamén solicitan "esgotar outras alternativas máis viables, como a repotenciación dos parques existentes máis antigos", ademais de "respectar a vontade da cidadanía afectada polos proxectos indicados".

A todas estas accións sumouse a campaña informativa que están realizando na comarca o sindicato Unións Agrarias e a súa filial Ventonoso, asociación creada para defender os intereses dos afectados por eólicas. Neste caso, o que se está a facer é, principalmente, aportar información e consellos sobre os contratos que Gas Natural Fenosa ofrece aos 234 propietarios dos terreos nos que se pretende instalar o parque. Ventonoso avisa aos que arrenden os seus terreos que deberán asumir cargas fiscais e impositivas polo aluguer. Tamén lles informa de que o contrato outorga á empresa o control total do terreo, incluído o subsolo, e a decisión de prorrogalo ou non.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Laxe

Para darse conta dos "estrictos" criterios "ambientais" e "patrimoniais" dos expoliadores de Unión Fenosa non hai máis que botarlle un ollo ao proxecto para darse conta de que é un completo saqueo, un máis, dos moitos que sufrimos no país. E tan culpable como eles é quen autoriza dende a Xunta este tipo de barbaridades. Sen dúbida o PP, pero antes foi sen maiores problemas tanto co PSdG como co BNG. Os cartiños é o que teñen, atraen tanto como a m_rda ás moscas.

2 Viva o vento!

E que dano fai o eólico? Ha ser mellor poñer centrais térmicas de carbón ou fuel. Canta máis enerxía poidamos producir nós en Europa mellor, para non depender das monarquías terroristas de Arabia que financian o yihadismo internacional e pretenden cambiar a composición étnica, cultural e relixiosa de Occidente promocionando o envío masivo deses chamados "refuxiados".

1 morcegos expañolentos

O recibo da electricidade non fai mais que subir, algo non vai en todo iste rollo... están arrasando o país galego con proxectos que soamente benefician os expañois dos mandriles, namentras deixan ruinas os galegos, ríos arruinados, montes arruinados... a ruina e moita, a explotación tamen... non deixen que escarallen o pouco que queda no país... xa basta de trolas e engaños

1 paiasos asasinos de expaña

O proxecto do parque eólico de UNION PENOSA foi deseñado seguindo os máis estritos criterios ambientais e patrimoniais, según os euros que lles ian soltando os profesores universitarios, ian escribindo paxinas e mais paxinas de "estulticias redomadas" a esta xente o medio ambiente, os consumidos, e outras patrañas importañes ben pouco si teñen que desgraciar un país enteiro para conseguri uns lereles que proveñan de subvencios (impostos que pagamos) dalles o mesmo AQUI ESTA O EQUIPO UNIVERSITARIO QUE AVALA O PROXECTO DE DESTRUCCION - https://www.youtube.com/watch?v=u3H...

1 Ollomol

Ti que saberás Milikito¡¡¡