Temas: FOLK

O Asalto ao Castelo comeza este sábado

Mañá celébrase o día grande do Festival Irmandiño de Moeche co asalto ao castelo e concertos de Xabier Díaz e Luar na Lubre.

Por Galicia Confidencial | Vimianzo | 18/08/2017 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia
Mañá sábado 19 poderemos escoitar bandas como Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Luar na Lubre, Encrucillada, Liviao de Marrao e os vascos Huntza Moeche, 18 de agosto de 2017. Mañá é o día grande dunha das festas referenciais do verán galego: os de Moeche volven asaltar o castelo tal e como fixeron os seus antergos na Idade Media, e celébrano cun festival folc no que poderemos disfrutar das mellores bandas do país e máis alá. A festa comeza hoxe venres 18 cunha repichoca popular no campo do festival. E o día grande será mañá sábado, con sesión vermú, asalto infantil ao castelo e competición de xogos tradicionais. E, pola noite, terán lugar actuacións de Encrucillada, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Luar na Lubre, Liviao de Marrao e os vascos Huntza. Ademais, terá lugar a lectura do pregón e, a media noite, o tradicional asalto ao castelo. O domingo 20 será o remate de festa, cunha sesión vermú da man do dúo Sanjurjo & Dopico, comida campestre e o peche pola tarde con Bouba Pandereteiras e, novamente, Encrucillada. Velaquí información sobre os principais grupos: LUAR NA LUBRE é unha das bandas de referencia da música folk do noso país e está de xira nestes momentos por todo o mundo celebrando o seu 3’ aniversario. Precisamente hai case 30 anos que estiveron por primeira vez neste festival. E celebrarano facendo un repaso dos temas máis especiais de toda a súa carreira. Este concerto forma parte da súa xira de aniversario, que os levou por toda a Península -España e Portugal- e tamén por México. E que incluíu unha exposición na Coruña sobre a súa carreira artística. Luar Na Lubre celebra tamén a súa longa traxectoria cun dobre CD recompilatorio, con 15 temas cada un. Non é un grandes éxitos tradicional, senón que vai máis alá e achega unha colección diferente de temas "escondidos", de tesouros "non habituais" pero non por iso menos sorprendentes que os seus grandes clásicos. XABIER DÍAZ & ADUFEIRAS DE SALITRE son a grande revelación dos últimos anos da música galega grazas ao seu último disco ‘The Tambourine Man’, co que están a xirar por toda Europa e en setembro comezan unha ampla xira por Estados Unidos. Voz fundamental do trad galego, Díaz aliouse neste caso coas Adufeiras de Salitre para reinterpretar a tradición galega e crear o seu disco máis ambicioso. Elas son un grupo de 11 percusionistas e cantoras de música tradicional que, canda Gutier Álvarez (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico), compoñen a nova aposta do músico coruñés. HUNTZA é unha banda de folk-rock de recente creación que está a arrasar en Euskadi. Este ano sacaron o seu primeiro disco, ‘Erzetatik’, e xa están inmersos nunha xira por toda a Península. O seu videoclip “Aldapan gora” ten máis de 3 millóns de visionados. ENCRUCILLADA é un grupo de música tradicional de Ferrolterra, formado por Óscar Maceiras, Héctor Piñeiro García, Sara Guerreiro, Javier Rodríguez, Alberto Maceiras “Maka”, e José Antonio López Lago. LIVIAO DE MARRAO son unha banda de ska-punk-folk-bravú que chegan desde Chantada. Herdeiros do rock máis salvaxe, defínense como “o rock sen capar” e están a presentar o seu segundo traballo, ‘Que cada cao lamba a sua caralha’.

Luar na lubre
Luar na lubre
Temas: FOLK
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta