Temas: FOLK

Shooglenifty e Galicia lembran a Angus R. Grant

Este domingo celébrase un dos dous grandes concertos do Feito a Man na Quintana. Trátase de “Noite para Angus”, un espectáculo no que participarán a banda escocesa Shooglenifty e as galegas Banda das Crechas e Tanxugueiras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/08/2017 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

Poden atoparse xa as entradas en ataquilla.com dense só 12 euros.

Shooglenifty
Shooglenifty

Este concerto está dedicado a Angus R. Grant, o violinista e frontman de Shooglenifty, que morreu o pasado outubro e que tiña moita relación con Galicia e coa música galega e lle ten dedicado mesmo un tema a Vigo, “Two fifty to Vigo”. 

O pasado xaneiro no Celtic Connections de Glasgow celebrouse un concerto-tributo coa participación de máis de 60 artistas de varios países, ‘A night for Angus’, na que participou a propia Banda das Crechas e as Tanxugueiras. 

SHOOGLENIFTY

Shooglenifty formouse en 1990 por músicos das Highlands, da illa de Orkney e de Edinburgh. A súa idea era fusionar melodías tradicionais cos ritmos dunha chea de influencias contemporáneas. Eles están tan felices tocando nunha aldea das HIghlands como nun festival con ducias de miles de persoas. E dun ou doutro xeito, os Shoogles teñen levado a música escocesa por todo o mundo durante máis de 25 anos. 

Habituais de festivais de world musica de todo o mundo, en 2016 foron elixidos a mellor banda por parte da revista especializada Songlines. Co seu sétimo disco, ‘The Untied Knot’, Shooglenifty ten xirado por toda Europa e Oceanía. 

Logo do parón por mor do pasamento de Angus Grant, neste 2017 reagruparanse e están a rodar un documental sobre a banda e a influencia de Angus na música escociesa dos últimos 30 anos. Ademais, gravarán o seu oitavo álbum de estudio na India.

BANDA DAS CRECHAS

A Banda das Crechas é  unha selección artistas galegos que tocan nas foliadas da Casa das Crechas. As foliadas son festas abertas á bailar, cantar ou tocar e que teñen como esencia  ser unha ferramenta para a comunicación entre as persoas e entre os pobos. Na Banda existen tres xeracións de artistas que se foron incorporando ao longo dos 28 anos de vida da Casa das Crechas e das súas foliadas. 

O repertorio de cancións que toca a Banda das Crechas está composto  por  música de orixe tradicional galega e peninsular, cantada e instrumental, pero tamén aparecen temas de músicos doutros paises e doutras culturas que pasaron polas foliadas que deixaron a súa pegada na Banda ou na Casa das Crechas. É un repertorio pensado para divertir, para bailar e para mostar ao mundo a forza da enerxía creativa na música galega.

No ano 2010 A Banda das Crechas sacou o seu primeiro disco titulado ABDC. O disco foi gravado ao vivo na Casa das Crechas durante máis de tres horas nas se escolleron unha escolma de temas que mostra a variedade e a sonoridade desta Banda.

Teñen tocado en palcos por todo o mundo, como o Festival de Ortigueira ou o Celtic Connections. Entre os músicos da banda podemos atopar a Davide Salvado, Quim Farinha, Santi Cribeiro ou Xan Pampín, entre outros. 

TANXUGUEIRAS

Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro son tres extrovertidas e orixinais voces procedentes de Teo e do Barbanza que en xaneiro de 2016 dan un paso máis no seu soño de amosar na escena musical galega todo o aprendido, recollido e herdado das nosas avoas, dándolle vida ao proxecto Tanxugueiras.

A simpatía, enerxía e forza de Tanxugueiras sobre o escenario non pasa desapercibida, e durante este tempo xa contan con colaboracións con artistas da talla de Xabier Díaz ou coa Banda das Crechas, confirmándoas como grandes promesas do trad feminino e demostrando que a música tradicional continúa a abrir novas fronteiras de son, escena e público.

Temas: FOLK
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta