Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/08/2017 | Actualizada ás 15:29
En Marea posiciónase "radicalmente en contra" dos dous parques eólicos que Gas Natural Fenosa pretende instalar na Costa da Morte, un no concello de Laxe e outro en Cabana de Bergantiños e Zas, por canto "suporá unha agresión medioambiental e paisaxística sen precedentes sen que nin sequera aporte unha soa contrapartida de carácter social".
O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, e o deputado da área de industria, Francisco Casal, explicaron este mércores o seu posicionamento sobre a instalación destes parques eólicos que, entre outras cousas, van contar con aeroxeneradores dun tamaño que "triplican as dimensións da torre de Hércules", como xa advertiu antes a plataforma Salvemos Cabana.
Francisco Casal explicou que estes proxectos eólicos afectarán "un territorio que é dos de maior valor paisaxístico da Península". A intención de colocar estes dous parques ten unha singularidade con respecto a outros existentes: "Teñen poucos aeroxeneradores, tres nun caso e catro noutro, pero os que teñen son xigantescos, cada un deles ten veces o tamaño da torre de Hércules e producen doce veces o que un aeroxenerador común", explicaron.
O tamaño dos aeroxeneradores supón "unha maior contaminación paisaxística para o territorio pero, ademais, estes aparellos precisan dunha serie de instalacións auxiliares moito máis grandes que as habituais", sinalou Casal. Engadiu neste sentido que pola cantidade de produción destes aparellos "hai que contar que tamén suporán a construción de novas liñas de alta tensión e as subestacións correspondentes". Casal engadiu que poñer en marcha "estes parques eólicos en Cabana e Laxe é como crear dous parques industriais no medio dunha paraxe inigualable".
Para o deputado de En Marea o feito de que sexan só tres (Laxe) ou catro aeroxeneradores (Cabana, Zas) en cada proxecto é relevantem xa que "as eléctricas pagan aos concellos en función do número de aeroxeneradores e non da capacidade de produción que teñan, polo que na práctica ningún destes dous parques deixará cartos nas arcas públicas dos concellos".
Francisco Casal fixo uns cálculos "prudentes" para as posibilidades de produción: "Poderían facturar uns tres millóns de euros por ano, cun coste de mantemento que non pasaría dos 300.000 euros, o que suporía que en menos de oito anos os parques estarían financiados". Pero este "beneficio inmenso", según explicou Casal, non deixa ningún na comarca porque as empresas "non teñen que pagar o canon eléctrico e como os parques se consideran de utilidade pública os prezos que se pagan polos terreos son irrisorios.
CRÍTICAS Á XUNTA
Pola súa banda, Antón Sánchez comentou que a posta en marcha destes dous parques eólicos responde á mesma política que Feijóo ven desenvolvendo en Galicia: "Explotación do territorio sen ter en conta do interese xeral, capitalismo de amiguetes, e nin unha soa medida para protexer os recursos de Galicia".
O vicevoceiro de En Marea sinalou que tanto no caso de Laxe como no de Cabana e Zas os prexuízos destes dous parques "son evidentes para un territorio que ten no turismo medioambiental unha das súas chaves para o futuro".
Sánchez sinalou que estas dúas instalacións suporán "unha agresión inaceptable para a Costa de Morte sen que a cidadanía reciba nada a cambio". "É simplemente un negocio para as empresas a conta de que a zona perda un dos seus recursos principais, o dos recursos medioambientais".
Sánchez e Casal reiteraron o seu apoio total aos grupos que se están opoñendo á posta en marcha destes dous parques eólicos. Sánchez engadiu que esta será unha "liña chave de En Marea para o curso parlamentario que vai comezar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.