Temas: TOPONIMIA

Operación Toponimia: Como preservar a identidade territorial de Galicia

A Xunta pretende ordenar en 2018 o nomenclátor das súas entidades de poboación e chegar aos 39.000 topónimos. Tamén busca recuperar a talasonimia e a microtoponimia que suman máis de dous millóns de nomes.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/08/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Unha das características definitorias e singulares do territorio galego é a súa alta densidade de ocupación, derivada dun sistema de asentamentos caracterizado por unha elevada dispersión. Moitos deses asentamentos non aparecen nos mapas e, por tanto, non poden ser tidos en conta en moitos estudos ou traballos sobre o territorio, pois se descoñece a súa localización.

Comarca do Pindo nun mapa de 1812
Comarca do Pindo nun mapa de 1812

Unha circunstancia que fai que Galicia sexa o lugar do estado con maior número de topónimos e de microtoponimos.  En cada concello hai unha parroquia, unha aldea, un casal, un lugar e, logo, milleiros de lugares con historia propia, desde fincas ata montes, pasando por pedras e regatos. Unha longa lista que configuran 41.409 topónimos oficiais e máis de 1,5 millóns de microtopónimos.

E a esta pequena microhistoria da nosa terra tampouco escapa a costa. A talasonimia de Galicia componse doutro medio millón de nomes, moitos deles xa perdidos e outros en auténtico perigo de extinción. 

Novo nomenclátor

Por iso, e para evitar isto, a Xunta puxo en marcha o Plan Básico Autonómico de Toponimia, dentro da Lei do Solo de Galicia. Un proxecto que pretende dar á luz un novo nomenclátor, con 39.000 entidades de poboación, antes de  que termine o 2018.

Mapa dos lugares desaparecidos no Encoro da Fervenza-Os Vaos
Mapa dos lugares desaparecidos no Encoro da Fervenza-Os Vaos | Fonte: QPC-Modesto Garcia Quintans

Precisamente, a Consellería de Medio Ambiente xa comezou os traballos de normalización das bases de datos das entidades de poboación e da toponimia cartográfica de Galicia para ordenar, precisamente, todos os núcleos de poboación que existen en Galicia.

O obxectivo desta tarefa é mellorar a xeorreferenciación de cada unha das entidades de poboación de Galicia almacenadas na base de datos de entidades de poboación e localizar os asentamentos que non dispoñen de coordenadas. O resultado, que permitirá a normalización da toponimia na cartografía, servirá no futuro como base de datos de referencia sobre entidades de poboación para todas as administracións. 

Para acadar este reto de contar cunha única base de datos de entidades de poboación normalizada e xeorreferenciada faise necesario realizar un traballo de revisión en campo e integración da nova información da base de datos do Nomenclátor. Un traballo que a Xunta comezou xa antes do verán. 

Censo toponímico

De xeito paralelo, a Comisión de Toponimia, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Real Academia Galega (RAG), traballan na revisión do Nomenclátor de Galicia para que todas as poboacións figuren no mesmo. O Instituto de Estudos do Territorio colabora con eles levando a cabo a xeorreferenciación dos asentamentos de poboación, para que ademais de estar rexistrados no Nomenclátor, poidan ser localizados xeograficamente no territorio e aparezan en todas as cartografías.

Unha vez realizada esta tarefa, procederase a oficializar esta base de datos segundo o novo Decreto que aprobou o regulamento para a ordenación da actividade cartográfica en Galicia, para posteriormente harmonizarse e integrase coa toponimia oficial do Nomenclátor Xeográfico Básico de España.

Viñeta humorística sobre a deturpacin de topónimos
Viñeta humorística sobre a deturpacin de topónimos | Fonte: Campaña en Twitter
Temas: TOPONIMIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Non deturpación

Moi boa iniciativa, e a ver se se reverten todos os topónimos deturpados e estupidamente castelanizados...

1 ViOS

Con chamalo Rosalía de Castro todos quedan contentos.