Polémica entre Xunta e o Concello de Nigrán pola contaminación de Praia América

A Xunta multa ao concello e denuncia que non se puxeron carteis para prohibir ou desaconsellar o baño, e non se valou a zona ata esta semana. O Concello de Nigrán anuncia que recorrerá a sanción.

Por E.P. | Vigo | 30/08/2017 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia confirmou a apertura dun expediente sancionador ao Concello de Nigrán por "ocultar" aos bañistas de Praia América información sobre episodios de contaminación no areal, unha actuación de que a Lei de Saúde de Galicia considera unha "falta moi grave".

Praia América
Praia América | Fonte: wikipedia

A Administración autonómica explicou que, na análise microbiológico da mostra de auga recollida o 7 de agosto en Praia América-Lourido, confirmouse unha alta presenza de 'Escherichia Coli', con valores non aceptables para o baño.

Segundo a normativa, unha vez detectada a contaminación, os concellos están obrigados a comunicar á poboación a situación, con carteis informativos nos que se reflicta a cualificación sanitaria, e prohíbase ou se recomende que os usuarios se absteñan de bañarse. Tamén están obrigados a manter as condicións adecuadas nas zonas próximas.

A Xunta esixiu estas medidas ao goberno local de Nigrán o 9 de agosto, pero estas non foron adoptadas, segundo apuntou o goberno galego. O 10 de agosto, o Concello informou o fin do episodio de contaminación, segundo análises realizadas por persoal externo alleo á Xunta.

SEN CARTEIS INFORMATIVOS

Non entanto, inspectores farmacéuticos de saúde pública comprobaron a existencia de contaminación microbiológica e visitaron Praia América, onde observaron que seguía sen haber carteis informativos nas zonas afectadas. A pesar diso, había nenos bañándose nesas zonas.

Ademais, constataron a presenza de algas en descomposición, plásticos e cabichas na parte esquerda do areal, así como malos cheiros procedentes da desembocadura do río Muíños. O estudo das mostras de auga turbia na zona arroxaron un resultado de 8.000 UFC/100 ml, é dicir, 8.000 unidades formadoras de colonias, cando o máximo permitido é de 1.500.

Os inspectores tacharon de "grave irresponsabilidade" a actuación do Concello de Nigrán ao "ocultar" aos bañistas os episodios de contaminación por augas fecais, e advertiron do "elevado risco sanitario" para as persoas, que poden verse afectadas por cadros de gastroenterites ou dermatitis.

A Xunta, que lamentou que Nigrán fixese "caso omiso" das indicacións ata esta semana (cando se valou o perímetro afectado), determinou o importe da sanción en 3.005,07 euros, "sen prexuízo do que resulte da instrución" do expediente.

NIGRÁN RECORRERÁ O EXPEDIENTE

Pola súa banda, o Concello de Nigrán confirmou que recorrerá o expediente sancionador e insistiu en que actuou para liquidar a avaría que causou a vertedura e que as augas dese areal teñen calidade "excelente". Así, o goberno municipal de Nigrán explicou que, tras recibir comunicación da Xunta pola detección de contaminación o pasado 9 de agosto, procedeuse "inmediatamente" para emendar as dúas avarías na rede de saneamento que causaron ese problema.

Segundo incidiu, ese episodio de contaminación quedou liquidado ese mesmo día, e así o demostraron as análises microbiolóxicos posteriores, e a propia administración autonómica, que comunicou "oficialmente" o fin desa circunstancia.

O alcalde da localidade, Juan González, lamentou que, a pesar de ter unhas análises negativas o 7 de agosto, a Xunta tardou dous días en comunicalas ao Concello. Así mesmo, recalcou que a Xunta esixiu a colocación de carteis informativos e comunicou "só dúas horas despois" a finalización do episodio de contaminación.

Finalmente, o rexedor subliñou que a auga de Praia América ten unha calidade "excelente", e acusou á Xunta de actuar con criterios políticos, porque hai "graves problemas de verteduras en praias doutros municipios e alí miran para outro lado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta