Arxentina interésase polos proxectos de cooperación transfronteiriza do Eixo Atlántico

O secretario xeral do Eixo atópase no país americano, onde se reuniu co secretario de Estado de Fronteiras.

Por Galicia Confidencial | Buenos Aires | 17/09/2017 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

O secretario de Estado de Fronteiras do Goberno de Arxentina reuniuse esta semana en Buenos Aires co secretario xeral do Eixo Atlántico, que se atopa na zona convidado polo Observatorio de Fronteiras Brasil-Uruguai para dar a conferencia inaugural do Comité Binacional de Fronteira de Intendentes e Prefeitos na cidade uruguaia de Rivera, a próxima semana.

Reunión entre autoridades arxentinas e do Eixo Atlántico.
Reunión entre autoridades arxentinas e do Eixo Atlántico.

A reunión foi unha iniciativa de Bripam (Bloque rexional de intendentes, prefeitos e alcaldes do Mercosur) que integra ao redor de 600 concellos das fronteiras de Mercosur, especialmente nas fronteiras de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai.

Na reunión, á que tamén asistiu o secretario xeral de Bripam, Ramón Ortellado, xunto con representantes desta organización e da Secretaría de Estado de Fronteiras, realizouse unha revisión da experiencia do Eixo Atlántico, así como dos principais programas impulsados polos concellos e polos gobernos de España e Portugal na fronteira.

CENTRO COORDINADOR DE EMERXENCIAS

Unha das iniciativas que máis interese espertou no secretario de Fronteiras foi a Comisaría Conxunta de Tui así como a necesaria cooperación entre a protección civil entre ambos os países en toda a fronteira galego-portuguesa, onde se enmarca a proposta do Eixo Atlántico e Riet de crear un Centro Coordinador das Emerxencias na Fronteira.

Outros aspectos que interesaron especialmente aos asistentes foron as iniciativas do camiño portugués de Santiago, xa que Bripam, co apoio do Goberno arxentino, está a preparar unha iniciativa chamada 'Los caminos jesuíticos', que pretende poñer en valor a fronteira a través das rutas e pegadas que deixaron os xesuítas.

Na reunión tamén se analizaron experiencias de cooperación empresarial e no ámbito da cultura, deporte, turismo e mocidade nas que o Eixo Atlántico ten xa unha grande experiencia, así como iniciativas no ámbito da sustentabilidade, como é o caso da Axencia de Ecoloxía.

Ademais, analizáronse posibilidades de cooperación a curto prazo entre o Goberno arxentino e o Eixo Atlántico. Neste sentido, Vázquez Mao convidou o secretario de Estado a visitar a Eurorrexión para coñecer sobre o terreo as experiencias e manter reunións con responsables políticos e empresariais de ambos os países co fin de impulsar un foro permanente de cooperación entre as fronteiras da Península Ibérica e de Mercosur, nucleadas ao redor da experiencia arxentina.

A Secretaría de Fronteiras foi creada polo Goberno Macri para impulsar políticas de desenvolvemento e seguridade nas fronteiras de Arxentina con Chile, Brasil Uruguai e Paraguai.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta