Os problemas no Parque das Illas Atlánticas provocan tensións na Xunta

A sobrevenda de billetes, os problemas laborais dos traballadores, a falta dun plan reitor ou unha política errática na erradicación de especies invasoras están no centro dun intenso debate que podería dar lugar a cambios na Consellería de Medio Ambiente.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

José Antonio Fernández Bouzas, “Pepín", podería ter as horas contadas como Director-Conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Os graves problemas que nos últimos meses acumula a xestión do parque nacional máis importante de Galicia poderían ser o detonante para que a Consellería de Medio Ambiente realice fondas modificacións na súa dirección.

José Antonio Fernández Bouzas, Director-Conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas
José Antonio Fernández Bouzas, Director-Conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas | Fonte: MGDS

A sobrevenda de billetes, os problemas laborais dos traballadores, a falta de planificación e dun plan reitor, a política errática na erradicación de especies e a descoordinación no seu padroado poderían provocar cambios importantes na consellería segundo informaron a GC varias fontes do propio parque e da Xunta. E o certo é que o acontecido nos últimos meses e, especialmente, o ruído mediático causado polo “overbooking” na venda de billetes ás illas non ten axudado nada a vender a imaxe que a Xunta pretendía para impulsar a candidatura a patrimonio da humanidade das Illas Cíes.

Pero a situación non é nova e tanto a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, como a conselleira, Beatriz Mato, e o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, estarían ao tanto da desorganización no maior enclave ecolóxico de Galicia.

O Padroado

Dende que se fixo efectiva a transferencia a Xunta de Galicia deste parque nacional, en 2008, vai facer 10 anos, a súa xestión foi pouco opaca.  No 2009, apenas un ano despois, o actual presidente da Xunta nomeou  Presidente do padroado do Parque Nacional a Fernando Garrido Valenzuela, irmán de Irene Rodríguez Valenzuela, deputada popular, e curmá do actual Vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda Valenzuela, home de total confianza naquel momento do presidente.

Candidatura Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade
Candidatura Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade | Fonte: Xunta

Desde entón, o traballo dese padroado foi “ben escaso ou nulo”, segundo apunta as fontes consultadas, descargando o traballo diario de organización e planificación no director, “Pepín” Fernández Bouzas, que leva no cargo desde o 2005. E a pesar de ser o único gran parque nacional galego, o certo é que non se fixo nada para evitar a extinción de especies, como a zoostera mariña, nin tampouco ante a disminución de biodiversidade no Lago dos nenos, nas Cíes.

Tampouco se actuou a tempo para evitar a disminución brutal da colonia de cormoran moñudo e a presencia de especies foráneas como o eucalipto ou a acacia que seguen sen ser erradicadas a pesar de máis de 15 anos como parque nacional.

Non é a primeira vez que se lle pregunta ao Director-Conservador por esta desorganización. A súa resposta é sempre semellante; “Estamos traballando na retirada de especies alótonas, aínda que queda moito traballo por facer”. Con todo, a dirección do parque alega que conseguiu controlar a poboación de gatos, eliminar o visón americano e recuperar a poboación do lagarto verde ocelado. 

Sobreventa de billetes

Estes problemas serían menores para a Xunta senón saltara, en pleno verán, a total descoordinación turística que existe no parque tras detectarse masivas sobrevendas de billetes por parte das navieras. Un asunto que a Xunta quixo despachar culpando ás empresas de malas praxes empresariais.

De feito, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, anunciaba este mesmo mércores de que haberá sancións "exemplarizantes" a navieiras pola súa "falcatruada" e "irresponsabilidade" na sobreventa de billetes para as illas.

Na comisión de Ordenación Territorial, Díaz lembrou que hai 10 expedientes abertos a navieras polas irregularidades na venda de billetes para as Cíes do pasado agosto, e unha vez que se analizaron as alegacións das empresas, "se non conseguen demostrar" que actuaron de forma correcta, "as propostas de resolución van ser absolutamente exemplarizantes".

Pero, os problemas turísticos deixaron entrever moitos outros problemas, como a falta dun plan reitor quince anos despois de ter sido declarado o parque nacional, o que implica que non haxa unha verdadeira política de conservación das especies autóctonas e de erradicación das invasoras.

Ana María Díaz non tiña máis remedio que referirse a isto na Cámara e ao compromiso da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, de que o documento do plan reitor estará listo en outubro para ser debatido, mentres se traballa para "acordar" as visitas á illa de Ons, que polo momento non ten cota máxima.

Problemas laborais

Xunto a estes problemas están os graves problemas laborais. De feito, a Consellería de Medio Ambiente recoñecía hai uns días as características especiais nas que que teñen que realizar as súas labores os traballadores do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero destacaba que isto é porque teñen que “adaptarse á peculiaridade que se desenvolve nunha illa”.

A Xunta respondía deste xeito á noticia publicada por GC na que traballadores e sindicatos acusaban á dirección do parque de “caos” na organización do traballo porque, din, acumulan 2.000 horas de traballo que non son retribuídas e teñen que quedar na illa sete días seguidos. Ademais, criticaban que non se teña en conta o risco e os perigos aos que están expostos por estes traballo.

O persoal actual do parque está composto por guías turísticos (só nas Cíes e en Ons), persoal de atención e vixiancia e axentes forestais e medioambientais. Entre as súas tarefas están ás de vixiancia, mantemento, atención ao público e tarefas medioambientais. 

Imaxe do arquivo do Parque Nacional Illas Atlánticas
Imaxe do arquivo do Parque Nacional Illas Atlánticas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 serafin

o director e un xefe de servizo, non é o que manexa os orzamentos nin que manexa o persoal, . O persoal e Facenda da Xunta e os orzamentos e facenda . E un traballador mais, funcionario como o resto de traballadores ( moitos deles interinos dende fai mais de 12 anos)

2 NihilNovum

Nada estraño conta a nova: xente afín o partido a lucrarse co patrimonio de todos, responsables que non dan pancada, un presidente do goberno que parece que leva golpes na cabeza de seguido ("el turismo es una industria que no contamina"), empresarios ricos e apailanados sen ética nin estética traballo precario e nula organización que acabará nun desastre. O de sempre co gabineto do dos Peares. Marca PP de Galicia.

1 Arturo

O que non pode ser, e que non hai en ningures é un camping dentro dun parque natural. Eso é una aberración, que ninguén se atreve a eliminar.

1 emilio

Bruselas entiende que el transporte de pasajeros por barco ha de ser ejercido en libre competencia, ya que cualquier ciudadano tiene opciones de transporte público por carretera. En otras palabras, la UE exime a cualquier naviera de la obligación de fijar horarios, frecuencias y tarifas para cruzar la Ría de Vigo en barco y exige a la Xunta que se disponga a acometer la liberalización. O Camping non é o problema