Polémica pola denuncia de espionaxe dos PCs da oposición en Lugo

Un informe da secretaria detalla "accesos irregulares" á Intranet dende ordenadores de PP, BNG e Lugonovo. Os conservadores din que a alcaldesa espíaos, algo que Lara Méndez nega.

Por E.P. | Lugo | 21/09/2017 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O Grupo Municipal do PP no Concello de Lugo anunciou varias accións para aclarar a "espionaxe" que, denuncia, tivo lugar en computadores da oposición no Consistorio, unha acusación que a alcaldesa, a socialista Lara Méndez, negou este xoves.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

Os pronunciamentos sobre esta cuestión chegan despois de que 'La Voz de Galicia' publicase unha información na que constata que houbo "accesos irregulares" a computadores da oposición --tanto do PP como de Lugonovo e BNG-- supostamente para controlar "que persoas de cada grupo entraban nos decretos e determinar se ofrecían información a xornalistas sobre o contido dos mesmos".

O PP PIDE UNHA INVESTIGACIÓN

Nesta conxuntura, o PP local rexistrou, para que se aborde de forma urxente no próximo pleno municipal, a petición de "unha comisión de investigación". Ademais, o seu portavoz, Antonio Ameijide, sinalou que estudarán denunciar o ocorrido ante o Valedor do Pobo e mesmo a posibilidade de emprender accións legais.

A xuízo de Ameijide,os "accesos irregulares" vulnerarían "o dereito á intimidade e o segredo da comunicación". "É moi grave, porque isto só se vulnera nos Estados de excepción ou de sitio", alertou.

Pleno no Concello de Lugo
Pleno no Concello de Lugo

Ao tempo, afeou que "a alcaldesa, Lara Méndez, estea máis preocupada por espiar á oposición que por gobernar e resolver os problemas da cidade".

NEGATIVA TALLANTE DA EDILA

Pola súa banda, a rexedora negou de forma tallante que o goberno local "espíe á oposición". De feito, esgrimiu que o único que preocupa ao seu equipo é que "a oposición teña información e acceso a toda a información".

"Nós sempre pedimos que teñamos sensibilidade cos datos que manexamos. Non hai ningún tipo de espionaxe, os partidos da oposición teñen todo o acceso á información e ademais debe de ser así para facer o seu labor de oposición e control e fiscalización do goberno", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta