Critican o "descontrol salvaxe" das Illas Atlánticas e as condicións dos seus traballadores

En Marea pide explicacións na Cámara pola masificación nalgunhas das súas illas, con máis de 8.000 persoas nun día, e pola falta dun Plan Reitor de Usos e Xestión.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/09/2017 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

“Como pode ser que 15 anos despois da declaración das Illas Atlánticas como Parque Nacional aínda careza do preceptivo Plan Reitor de Usos e Xestión? Que fixo a Xunta dende que mantén as competencias sobre as Illas? Propuxeron algunha vez os seus representantes no Padroado a aprobación do PRUX? Non cre a consellería que está a incorrer nunha xestión irresponsable tendo a axentes medioambientas contabilizando ós turistas que desembarcan no peirao en lugar de vixiar outro tipo de zonas? Non cre necesario a consellería limitar o número de visitantes tamén a Sálvora, Cortegada e especialmente a Ons?”. Estas son algunhas das cuestión que En Marea lle ten formulado ao Goberno da Xunta no Parlamento logo das denuncias pola situación laboral no parque e a masificación de turistas.

Illa de Ons, pertencente o Parque Nacional das Illas Atlánticas
Illa de Ons, pertencente o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Davide Rodríguez e Marcos Cal, pídenlle á Xunta que indique unha data concreta para a aprobación do PRUX, un plan que segundo os deputados “ten que ser elaborado contando cos diferentes axentes relacionados coas Illas Atlánticas”.

Para Rodríguez e Cal é unha ‘vergonza’ que a Xunta amosase un desleixo absoluto na vixilancia á sobrevenda de billetes; chegando a estar na illa preto de 8.000 persoas nun só día, cando o máximo son 2.200 e 800 campistas. Isto supón en verbas de Davide Rodríguez  “un descontrol salvaxe, unha falta de vixilancia e unha masificación extrema que pon gravemente en perigo a flora e a fauna autóctona da illa”.

Ditas situacións, segundo en Marea, veñen dadas pola falta de aprobación dun regulamento indispensable para xestionar de maneira correcta o Parque Nacional. “A Xunta escúdase en que o PRUX non é aprobado polo rexeitamento das confrarías a crear unha reserva mariña; mais non apreciamos achegamentos sinceros que expliquen ó persoal das confrarías os beneficios que ten dita reserva para o sector do mar” apuntou o deputado. 

Ademais, segundo colectivos ecoloxistas, a falta de regulamento e vixilancia na sobrevenda de billetes supón un problema ambiental, que tamén ten consecuencias no sector económico coma o turismo, pois rebaixa a calidade turística das illas. Davide Rodríguez denuncia que a Xunta aposta por un turismo de cantidade e non de calidade.

Situación laboral

A todo isto súmaselle as pésimas condicións laborais do persoal das illas tal e como denunciou GC. Moitos axentes forestais realizan labores de control e contado de persoas que baixan dos barcos en lugar de realizar tarefas relacionadas coa flora e a fauna; os axentes contratados na época estival por TRAGSA exercen de peóns de mantemento e de recollida de lixo, incluso axentes que traballan durante todo o ano na illa levan a cabo tarefas que sobrepasan as súas responsabilidades. 

Ademais, Davide Rodríguez lembra que ningunha persoa está contratada como “fixa”, só hai algunhas como “indefinidas”. Asemade, os axentes da época estival, cada ano entran máis tarde e rematan a quenda antes; “un aforro de cartos que o único que provoca é máis inestabilidade ás illas, que precisan coidados e limpeza para evitar diferentes tipos de desgrazas”, critica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta