Temas: DéFICIT XUNTA

A débeda pública de Galicia é un 6% superior á de hai un ano

A comunidade galega sitúase como a cuarta con menor endebedamento, con 11.363 millóns, un 19,2% do PIB. No último trimestre o déficit baixou un 1,9%.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2017 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

A débeda pública de Galicia baixou un 1,9% no segundo trimestre en comparación co primeiro, pero é un 5,93% superior á do mesmo período do ano anterior, ao situarse en 11.363 millóns de euros.

Moedas, euros, billetes, diñeiro
Moedas, euros, billetes, diñeiro | Fonte: Europa Press

De acordo cos datos que publica este venres o Banco de España, esta contía supón un 19,2% do produto interior bruto (PIB) galego, cinco décimas menos que no primeiro trimestre do ano pero cinco máis que no segundo de 2016.

Na comunidade galega, a débeda das empresas públicas non incluídas no sector administracións públicas baixou de 21 a 17 millóns de euros no segundo trimestre de 2017, respecto ao primeiro. Doce meses atrás era de 26 millóns.

Respecto diso, a consellería de Facenda destaca que a Xunta reduciu a súa débeda pública 219 millóns de euros no segundo trimestre do ano, "e consolídase entre as comunidades autónomas con menor endebedamento de toda España, ao pechar o trimestre como a cuarta comunidade con menor endebedamento".

Así, resalta que ao peche do segundo trimestre do ano, o cociente de débeda/PIB de Galicia baixou medio punto respecto ao trimestre anterior ata situarse no 19,2% e que, "pola contra, a media autonómica aumentou tres décimas no mesmo período e ascende ata o 25,1%".

"Isto supón que o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica aumenta ata case o seis puntos, cando en 2008 este indicador estaba igualado á media", engade. En todo caso, reivindica que Galicia "xa é neste momento a cuarta comunidade autónoma --a terceira de réxime común-- con menor endebedamento".

En importes absolutos, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do segundo trimestre en 285.907 millóns de euros, o 3,97% deste importe --11.363 millóns-- na comunidade galega. Ademais, Facenda valora que Galicia é a única comunidade que reduciu a súa débeda no segundo trimestre respecto ao trimestre anterior.

O obxectivo da Xunta de Galicia é seguir reducindo o seu cociente de débeda ata o peche deste ano 2017, indica a consellería. De feito, sinala que os datos do Banco de España mostran que a débeda da Administración galega está "totalmente estabilizada" desde finais do exercicio 2014, e a previsión da Xunta é que neste 2017 non aumente o seu endebedamento.

"LÍDER EN CONTROL DA DÉBEDA DESDE 2009"

O departamento de Valeriano Martínez afirma que "Galicia é a comunidade autónoma de referencia no control da débeda pública desde o ano 2009".

No período 2009-2016 Galicia foi a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda, segundo destaca, cun ritmo de incremento anual do 17,6%, mentres que na media autonómica este indicador situouse no 28,5% e nalgunhas comunidades superou o 40% anual.

"O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta de Galicia, e é froito da progresiva redución do déficit que vén alcanzando o Goberno galego nos últimos anos", expón.

Este "mellor comportamento" respecto á media autonómica permitiu a Galicia evitar a emisión duns 3.000 millóns de euros de débeda pública, de acordo cos seus cálculos, cun aforro anual en intereses da débeda duns 85 millóns.

Temas: DéFICIT XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 saqueado

Pero o saco dos ladróns segue aumentando!