Por Galicia Confidencial | Irlanda | 06/10/2017 | Actualizada ás 10:25
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renovará a súa colaboración coa University College, Cork/Coláiste na hOllscoile Corcaigh (Irlanda) para a docencia, a investigación e a promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, e dar así continuidade a un acordo que se mantén desde 1998.
Ao abeiro do dito convenio, a Universidade de Cork comprométese a dar continuidade ao ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas nos seus plans de estudo e a organizar actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua e da literatura galegas no ámbito universitario e na súa área de influencia.
Así mesmo, inclúese a contratación -a través da Secretaría Xeral de Cultura- dun lector de lingua, literatura e cultura galegas, como complemento práctico ao seu programa de formación. O acordo inclúe tamén a adquisición do material bibliográfico, fonográfico, videográfico, informático e a infraestrutura necesaria para levar a cabo as accións de promoción sinaladas. O importe deste convenio é de preto de 64.000 euros
Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 35 universidades. 27 delas contan con lectores -licenciados/as en Filoloxía Galega-, asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Alén disto, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.