A Sociedade de Historia Natural pide aos galegos que non sigan “pasivos” ante os incendios

A SGHN pide mudar a política contra incendios e un cambio de mentalidade na cidadanía galega. Apela, ademais, á unidade de todas as forzas políticas e apoia as concentracións organizadas polo Comité de Defensa do Monte Galego. Lembra que “Galicia e Portugal son as únicas rexións da Europa Atlántica nas que os lumes son un grave problema ambiental”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/10/2017 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Pouco dada das manifestacións en quente, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) decidiu este luns saltarse esta norma non escrita ante a grave situación que vive Galicia pola onda de incendios. A agrupación científica decidiu emitir un comunicado no que expresa so seu apoio ás concentracións convocadas en diversas cidades e vilas polo Comité de Defensa do Monte Galego entendendo que "diante deste problema debemos estar todos xuntos, incluíndo os nosos representantes".

Mapa de superficie queimada en Europa entre 2002 e 2012 e da evolución anual de poboación no período 2001-2011
Mapa de superficie queimada en Europa entre 2002 e 2012 e da evolución anual de poboación no período 2001-2011 | Fonte: SGHN.

"Aínda que é posible que a mensaxe e o comunicado que se lea nestes actos non sexa totalmente coincidente co que SGHN ten manifestado nos últimos 36 anos, consideramos que a nosa presenza é importante como apoio a esa voz que debe de chegar a quen ten responsabilidades para abordar xa dunha vez este problema dun xeito novo", explican.

A SGHN leva reiterando a súa postura e pensamento sobre o problema dos lumes en Galicia desde o ano 1981 e, resumidamente, é a que segue: "De sempre, máis do 90% dos incendios forestais en Galicia son provocados, causados pola man de homes e mulleres de Galicia e por moi diversos motivos. Non é un problema de cor política, na eliminación desta lacra téñense que implicar todos os partidos políticos a unha, e todas as Consellerías do Goberno correspondente, e por suposto toda a cidadanía de Galicia".

A sociedade científica lembra, ademais, que "os lumes non teñen unha única causa (e moito menos a do «terrorismo» ou a dos «enemigos de Galicia») senón moitas, orixinadas na mesma poboación galega, tanto do campo coma da cidade”.

“A sorprendente pasividade coa que a sociedade galega contempla este fenómeno, tan só pode deberse a ignorancia do que realmente está a suceder e das súas consecuencias previsibles”, recorda a SGHN, para a que ao longo dos anos resulta evidente que as "solucións" postas en práctica foron "inútiles" e "séguese a facer exclusivamente o mesmo de sempre, incrementar orzamentos en extinción para conter a hemorraxia —con maior ou menor éxito segundo a climatoloxía— mais non cauterizar definitivamente a ferida".

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

PROPOSTAS

Dende SGHN solicítase un "cambio urxente nos modos de actuación buscando novos camiños e aplicación doutros métodos que poidan acadar resultados positivos". 

Considera, ademais, que para avanzar no tratamento da problemática incendiaria precísanse, entre outras, as seguintes actuacións: recoñecer a exclusiva autoría dos galegos na traxedia, única explicación ata a data baseada en feitos probados; divulgar toda a información oficial sobre número de incendios, autoría e superficies queimadas, por ano e concello, para que a cidadanía coñeza a magnitude do problema; ordenar racionalmente o territorio, e evitar as intervencións ambientalmente "duras" e ineficaces, xa que "o problema non se resolverá eliminando o mato, ou abrindo pistas e cortalumes, pois xa é difícil, senón imposible, atopar un só kilómetro cadrado de Galicia sen unha ou varias pistas, estradas ou cortalumes", argúen.

Tamén considera preciso aprender da historia. "Hai que aprender a lección e investir máis en sensibilización ambiental e prevención social que en extinción, para desmontar a «economía do lume» creada ó longo dos últimos 27 anos en torno á extinción dos incendios en Galicia", aportan dende esta sociedade científica.

Como xa indicara a SGHN hai apenas dez días noutro comunicado, "levamos uns días de outubro cos lumes absolutamente desbocados no noso rural, abandonado polos nosos gobernantes, o máis avellentado e queimado de Europa". Agora, lembra que dende dito comunicado "os danos ambientais non deixaron de crecer e, desgraciadamente, catro víctimas mortais engrosaron a lista de falecidos por causa dos lumes en Galicia (unha trintena nos últimos coarenta anos)".

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aportan dúas coas que tentan abrir os ollos da cidadanía e dos gobernantes actuais e futuros. Esas imaxes evidencian que de toda a Europa Atlántica, Galicia e o centro-norte de Portugal son as únicas rexións nas que os lumes forestais son un grave problema ambiental; son tamén as únicas rexións que están a sufrir unha gravísima crise demográfica. "Casualidade ou causalidade? Qué resultado obteríamos se, en lugar de en extinción, investisemos cada ano máis de 170 millóns de euros, en prevención, sensibilización e no desenvolmento social e ambientalmente sostible do medio rural?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Incendios previsibles

Non se pode explicar de mellor maneira o que está acontecendo. É necesario invertir no rural e fixar poboación nova. Precisamos un rural activo e coidado e non un rural pasivo e abandonado.