As Neves e Salceda, sen auga potable polas cinzas, recriminan á Xunta a súa “ausencia”

As Neves ten a subministración municipal cortada desde hai dous días e en Salceda cortouse en varias traídas parroquiais.

Por E.P. | As Neves | 19/10/2017 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A contaminación polas cinzas xeradas polos incendios dos últimos días afecta as masas de auga e, con iso, á subministración de auga de consumo humano. Tal é o caso das Neves, que ten a subministración municipal cortada desde hai dous días, e de Salceda, onde se cortou a subministración en varias traídas parroquiais, segundo comunicaron os seus respectivos alcaldes.

Zona queimada nun incendio en Chandebrito
Zona queimada nun incendio en Chandebrito | Fonte: Europa Press

Xosé Manuel Rodríguez, rexedor das Neves, un dos municipios que máis danos sufriu polos incendios —está afectada "o 90 por cento" da súa superficie—, indicou que se implantou un sistema de repartición de auga porque se tivo que cortar a subministración, xa que é imposible "garantir a salubridade".

Aínda que cre que nun "prazo breve" se poderá volver fornecer auga, "non para consumo humano" senón unicamente para uso doméstico, remarcou que non pode asegurar "como de breve" será ese prazo. Por iso, seguirán facendo reparticións de auga embotellada a domicilio ata que as analíticas ofrezan un resultado seguro.

Tal e como manifestou, hai "seres humanos marabillosos" que se ofreceron como voluntarios que colaboran en facer a repartición de auga casa por casa e en inventariar os danos; ademais, hai empresas que dan auga gratis e ceden os seus vehículos. "Están a substituír o que debería de estar a facer" a Xunta, censurou.

Outro efecto vinculado á contaminación da auga que denunciou ten que ver cos recursos pesqueiros, que son o outro alicerce do emprego na zona xunto ao sector vitivinícola, que "quedou arrasado". En relación con isto, indicou que dentro duns meses a pesca da lamprea ten que "estar a pleno rendemento", e para iso "hai que protexer os recursos".

Neste marco, reprobou que de momento ninguén da Administración autonómica contactou co concello para informar de como van contribuír e a protexer as terras queimadas. "Non sei a que esperan, vannos a abandonar á nosa sorte... Somos zona cero, completamente arrasada polo lume, e temos que reconstruír a localidade e facela renacer", apostilou.

CORTES EN SALCEDA

Pola súa banda, o alcalde de Salceda, Marcos David Besada, teme que as cinzas "acabarán tarde ou cedo no sistema fluvial", polo que están "a tomar medidas desde hoxe". Así, aínda que no centro non hai problemas porque a traída municipal depende do encoro de Eiras, indicou que nalgunhas traídas parroquiais cortaron a subministración e noutras prohíbese o consumo humano.

Estes cortes débense, concretou, a problemas na infraestrutura —algúns depósitos arderon— ou ben ao "aluvión" de cinzas. Neste marco, incidiu na importancia de evitar que máis depósitos se contaminen, de sustentar as terras e de reforestar, unhas medidas que dixo que se teñen que tomar pero que "teñen que ser coordinadas e dirixidas, realistas e racionais".

Neste sentido, do mesmo xeito que o alcalde das Neves, criticou que a Xunta non se puxo en contacto co Concello nin deu ningunha instrución. "A Xunta está ausente. Usa a cortina de fume do terrorismo e agora culpa aos concellos, un escándalo", exclamou.

SEN CONTAMINACIÓN, PERO ALERTAS

No relativo ao resto de localidades que estes días estiveron en situación 2 de alerta pola proximidade do lume a núcleos de poboación, polo menos de momento non se rexistrou contaminación na auga nin se tiveron que facer cortes de subministración, aínda que permanecen atentos a calquera variación nos controis, que realizan con "máis intensidade".

É o caso de Salvaterra, que, segundo o alcalde, Arturo Grandal, non ten "ningún problema" e, no caso de que chegasen cinzas, está preparado coa depuradora e filtros de area. Tamén en Baiona o rexedor, Ángel Rodal, asegurou que o encoro local non se viu afectado polos incendios, está a controlarse a calidade da auga e "a parte hai depuracións".

Así mesmo, o mandatario de Gondomar, Juan Francisco Ferreira, certificou que "non hai contaminación", fanse "controis periódicos" e teñen "mecanismos para previr"; e o seu homólogo de Ponteareas comentou que tampouco ten constancia "de incidencias relevantes en canto a cinzas" e, aínda que si "hai danos en afluentes do Tea", teñen protocolos previstos.

No caso de Nigrán, onde a auga provén do encoro de Zamáns, o alcalde Juan González sinalou que tampouco hai contaminación, aínda que, do mesmo xeito que en Ponteareas, está a fornecerse auga potable naqueles lugares cuxos depósitos resultaron danados polas lapas ou quedaron sen auga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta