Expourense convértese no maior concesionario de Galicia

Dende este venres e ata o domingo celébrase o Salón do Vehículo Novo, e dende o 27 ó 29 de outubro, o do Vehículo de Ocasión.

Por X.M. Fernández | Ourense | 21/10/2017 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

O 9º Salón do Automóbil Novo abriu onte as súas portas presentando unha ampla oferta composta por 400 vehículos de máis de 20 marcas de todas as gamas, modelos e prezos. As 17 empresas participantes fan unha forte aposta neste salón ampliando as opcións elección á hora de elixir un coche, xa que a meirande parte deles ofrecen importantes descontos especiais de feira que abranguen dende os 150 euros ata os 5.000. Nesta cita participan como expositores os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O.

Autoridades na presentación do evento. Fonte: Expourense
Autoridades na presentación do evento. Fonte: Expourense

A inauguración foi onte pola mañá coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación, Jorge Pumar; o presidente do comité exectivo de Expourense, Juan Carlos Parada; o presidente de A.C.A.U.T.O., Ramón Seijas; e o director de zona centro Ourense de ABANCA, Carlos Alberto Diez, que estiveron acompañados por distintas autoridades e numerosos empresarios da provincia.

Facendo un percorrido por este salón, chaman a atención as novidades que presentan as marcas. Moitas delas como o novo Volkswagen Polo ou o novo Renault Koleos puideron verse, hoxe en Expourense, por primeira vez en España, xa que aínda non están a venda nos concesionarios. O salón presenta todo tipo de vehículos entre os que destacan os denominados “Crossover” xa que “a tendencia é que o consumidor busque coches máis altos porque aumenta a sensación de seguridade”, tal e como explicou o presidente de A.C.A.U.T.O. unha mostra da ampla oferta que presenta o salón é o abano de prezos que vai dende os 9.500 do Kia Picanto ata os maís de 150.000 euros do Porsche 911. Tamén se poden atopar modelos “100% feitos en Galicia” e completamente eléctricos como a nova Peugeot Partner Teppe.

Como incentivo para animar a os visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido. “Se repetimos os datos do ano pasado, quen merque un coche terá unha oportunidade entre 400 de que lle toque un desconto de 6.000 euros que non é mala porcentaxe”, explica Ramón Seijas.

Dende A.C.A.U.T.O.  indican que agora mesmo é o “momento ideal para mercar un coche xa que os fabricantes están a loitar polo liderado do mercado nos resultados anuais e iso provoca axustes nos prezos”, explica o vicepresidente Gerardo Aragonés. Tamén é un bo momento para cambiar de coche porque acaban de saír o mercado as novidades para a campaña 2018 e isto implica a baixada de prezos dos modelos anteriores xa que “os fabricantes sacan promocións especiais para liquidar eses vehículos e moitos deles pasan a ser kilómetro 0 co desconto que iso supón”, indica Aragonés.

Exposición de vehículos. Fonte: Expourense
Exposición de vehículos. Fonte: Expourense

Estas citas contan co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, que se suma a este proxecto, e a ABANCA, que reafirma un ano máis o seu apoio. Este ano repítese a colaboración entre Expourense e A.C.A.U.T.O. con Cáritas Ourense, presentes no Salón cun stand informativo, aos igual que 2Stop Accidentes”.

O horario do 9º Salón do Automóbil é: venres 20 e 27 de outubro de 11.00 a 20.30 h., sábados 21 e 28 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e domingos 22 e 29 de outubro de 11.00 a 20.00 h. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Antilumes

O maior concesionario de lumes, claro.