Nieves Rodríguez, nova presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia

Substitue a Ernesto Chao. Mabel Rivera repetirá como vicepresidenta e Iria Sobrado, como secretaria

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/10/2017 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) xa ten nova presidenta. Trátase da actriz e presentadora Nieves Rodríguez, elexida nunha asemblea xeral a pasada fin de semana. Presidirá os próximos anos a este colectivo sindical que aglutina a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección. 

Nieves Rodríguez, nova presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia
Nieves Rodríguez, nova presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia

Nieves Rodríguez sucede no cargo a Ernesto Chao. Mabel Rivera repetirá na vicepresidencia e Iria Sobrado, na secretaría.  O conxunto da directiva, conformada por un total de 12 persoas, está integrada -ademais das tres actrices xa citadas- por Santi Romay, Laura Míguez, Machi Salgado, Sheyla Fariña, Diego Freire, Marta Lado, Martín Máez, Susana Sampedro e Toni Salgado.    

Nieves Rodríguez é coñecida para o gran público polo seu traballo tanto como actriz como presentadora. No ámbito da interpretación, Rodríguez formou parte de elencos de series como Gondar, Rías Baixas ou Pazo de Familia e telemovies como Más que hermanos. Como presentadora, exerceu en programas como Luar, Desde Galicia para el mundo, O fío do retrato, Vaia Troula ou A tarde é nosa. 

A AAAG

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) é a asociación sindical que agrupa a máis 300 profesionais do sector escénico e audiovisual de Galicia, incluíndo tanto intérpretes coma directores e directoras teatrais. Fundada en 1985, a AAAG ten como obxectivos a defensa dos dereitos laborais do seu corpo asociativo, a organización de cursos de formación, a organización dos Premios María Casares e o desenvolvemento de accións xerais de fomento das artes escénicas e audiovisuais dirixidas ao conxunto da sociedade galega. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta