GC Aberto

Moción de censura en Fene, hoxe non toca

A cruzada do PP nos concellos tropezou co seu Waterloo. Por Xosé Manuel Pérez Sardiña, concelleiro de Somos Cabanas-PDDdG e vogal da Coordinadora de Participación Democrática Directa

Por admin | Fene | 27/10/2017

Comparte esta noticia

Os dous intentos do PP para asaltar o goberno local de Fene acaban no absurdo elevado ao máximo. Diego Calvo, o incondicional do líder Feijoo, segue mudo un día despois de que en Fene fracasase o segundo intento de moción de censura contra Juventino Trigo. Xa non digamos os medios do réxime feijoniano, os fracasos non se poden radiar polos medios públicos porque prexudican severamente a imaxe de orde dun partido que procura darlle a volta e retorcer as leis ao seu antollo. En Fene xa todo vale para facerse co poder, o terceiro concello da comarca de Ferrolterra en poboación é unha peza clave na reconquista da cabeceira comarcal.

Deciden no debatir la moción de censura en el Ayuntamiento de Fene (A Coruña).
Deciden no debatir la moción de censura en el Ayuntamiento de Fene (A Coruña).

Pois ben, as leis taxan milimetricamente a moción de censura nos concellos: ten que ser asinada pola maioría absoluta de edís da Corporación e deben propoñer un candidato á alcaldía. Así que a moción de censura cando é dilixenciada pola secretaría municipal convócase a sesión automaticamente dez días despois. Coma nos plenos de constitución, a corporación presídea a mesa de idade e no caso de Fene correspóndelles a unha concelleira do BNG, de maior idade no goberno censurado, e a outra do PP, de menor idade na oposición. 

Pero no concello sabandeiro a partir de aquí complícase todo á hora de aplicar a lei antitransfuguismo. Neste caso hai dous concelleiros que asinan a moción de censura sobre os que recaeu en xuño de 2017 a retirada de representación política de Participación Democrática Directa, cando se aborta a primeira intentona de moción de censura ás portas da secretaría de Fene. Os propoñentes, PP, PSOE e os edís díscolos de PDDdG coñecen a expulsión destes últimos no momento de presentala e aínda que dispoñen de sinaturas para tramitar a moción, o PSOE dá a espantada sen volta atrás. 

Comeza a seguir unha batalla xudicial que abre un furado no sistema cun auto xudicial que en outubro de 2017 suspende cautelarmente o paso a concelleiros non adscritos dos concelleiros do PDDdG informado no Pleno de 3 de agosto pasado. Con isto, o auto de medidas cautelares restitúe estes edís nos seus dereitos e dá vía libre á segunda tramitación da moción de censura. A revogación do alcalde segue o seu curso ata que, na sesión de 26 de outubro de 2017, Participación Democrática Directa solicita a suspensión do pleno da censura porque os edís foron expulsados en xuño sen que ninguén recorrese, anulase nin suspendese esa resolución da coordinadora do partido. Segundo batacazo ao PP, a persoa de maior idade da mesa suspende co seu voto de calidade o Pleno á vista de que non se cumpren os requisitos do artigo 197.1.a da LOREX e se pode poñer en risco o interese xeral e a estabilidade do Concello.

Certamente, estamos ante un despropósito porque, se para botar un alcalde, o primeiro paso é usar o xulgado para subverter a vontade política, déixase a estabilidade municipal a expensas de resolucións xudiciais futuras que poderían causar unha cadea de danos irreparables á administración municipal e a terceiros. Para entendernos, queren facer o segundo piso sen columnas no primeiro. Acábannos de descubrir que no xulgado ensinan a sumar e restar en política. 

A primeira conclusión é que as regras de xogo non son iguais para todos. Se o PP quere unha moción de censura o que ten que facer é obter os votos sen trampas. Claro, faino así porque sabe que nunca terá o apoio de Participación Democrática Directa. Sorprende que Feijoo, como Napoleón rodeado polo seu estado maior, decretou unha moción de censura sen votos populares. Unha quimera física e metafísica. Que aprendeu desde que preside a Xunta? Cre aínda que a política é un show televisivo ao manguerita style?

A intentona do PP en Fene non só perverte a moción de censura nos concellos senón que é un intento descarnado de derrogar de facto o pacto antitransfuguismo. E, non o esquezamos, estamos nun momento de involución da monarquía parlamentaria do setenta e oito, cun Partido Popular botado ao monte do 155 e cun primeiro partido da oposición entregado ao proceso contra Cataluña. 

Despois de dous intentos de moción de censura en Fene nesta lexislatura 2015-2019, non haberá dous sen tres. Iso si, o prazo legal caduca en maio de 2018. A partida segue e tamén é momento de que a alternativa política ao réxime reflexione que tamén nos concellos se xoga o cambio e a apertura dunha nova etapa que traia novas formas de facer política baseadas na mediación e no diálogo. Como sempre me acordan os sabios populares: o común merece un concello que mire por eles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta