Que vai pasar cos milleiros de animais afectados polos lumes?

En Marea insta á Xunta de Galicia a tomar medidas urxentes para paliar o seu sufrimento e, entre outras medidas, propón a suspensión da tempada de caza ou activar inmediatamente os protocolos de recuperación de especies silvestres tanto de flora como de fauna.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/10/2017 | Actualizada ás 08:45

Comparte esta noticia

A vaga de lumes do 15 de outubro provocou que milleiros de animais salvaxes e domésticos morreran, sufriran graves afeccións e queimaduras ou quedaran perdidos ou afastados das súas zonas habituais. Moitos dos seus hábitats quedaron destruídos e as súas fontes de alimentación xa non existen. 

Dous cans con queimaduras trala vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro
Dous cans con queimaduras trala vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro | Fonte: Centro Veterinario Navia.

Nas últimas semanas En Marea rexistrou no Parlamento de Galicia diversas iniciativas tendentes a conseguir paliar o sufrimento destes animais. Así, entre as medidas están a suspensión da tempada de caza na Comunidade Autónoma de Galicia nas zonas afectadas polos lumes e as limítrofes, a inclusión da perspectiva do benestar animal nos protocolos de evacuación e actuación en catástrofes e accidentes, e engadir contidos sobre protección, tenza e sensibilización sobre animais na CRTVG.

“A sociedade está moi sensibilizada sobre as consecuencias persoais, sociais, económicas e medioambientais dos lumes, pero a situación dos animais durante e despois dos lumes é unha traxedia a que non podemos dar as costas”, salientou o deputado de En Marea no Parlamento, Francisco Casal.

Por este motivo, o grupo de En Marea tentando ser a voz das Protectoras, dos grupos de protección animal e dunha parte moi importante da cidadanía sensibilizada con esta situación inadmisible, propón declarar Galicia como zona de catástrofe natural e así poñer en marcha todos os protocolos que implica.  Tamén prohibir a caza de forma total e inmediata nas zonas afectadas e as limítrofes e activar inmediatamente os protocolos de recuperación de especies silvestres tanto de flora como de fauna.   

Ademais, aposta por crear un grupo multidisciplinar de profesionais, nos diferentes ámbitos da protección e defensa dos animais, que exerza a coordinación dos grupos de persoas voluntarias, e proporcionar alimento, auga e acubillo no medio natural para os animais  superviventes. Tamén habilitar  áreas  específicas de coidado e atención de animais salvaxes ou de granxa que estean feridos, desorientados ou perdidos e incluír consellos e recomendacións en protocolos de actuación ante emerxencias e ao respecto da protección animal. Finalmente, pide desenvolver e producir contidos sobre protección, tenza e convivencia con animais especialmente dirixidos ás persoas menores de idade, destinados á súa emisión na TVG e na Radio Galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arturo

Excelente idea. Fai falta moita mais conciencia proteccionista en Galicia, un país onde sair ao monte e escoitar os disparos dos cazadores, e onde non é nada raro que haxa mortes por disparos " accicdentais" de cazadores. Concretamente, lémbrome dunha morte en Toques non fai tanto.